En maio de 2015 vanse celebrar as eleccións municipais, Vde. se presenta como cabeza de lista do Partido Popular, contenos algo de seu perfil biográfico e humano.
Nacín en Esteiro, na Insuela, na casa de miña avoa, e son a undécima de doce irmáns. Pasei a miña infancia entre Muros e Santiago, onde estudei. Empecei a traballar moi nova, con 21 anos, en empresas relacionadas co mundo audiovisual, en Bilbao, Madrid e Santiago. Máis tarde enfoquei á miña actividade profesional ao sector público, e durante doce anos traballei en Muros en proxectos de desenvolvemento local. Actualmente traballo na Xunta, na Axencia galega de desenvolvemento rural. Estou casada cun muradán, tamén de familia numerosa, e teño tres fillos, que nestes tempos tamén son familia numerosa.
Son licenciada en dereito, xestor administrativo, teño dous posgraos, en Planificación e desenvolvemento local e en Iniciativas de emprego no ámbito local, e formación complementaria en diversas materias, principalmente xestión de fondos europeos, área na que traballo actualmente.
Gústame moito estar cos meus, a lectura, o verán, e tamén as larpeiradas.
Porqué naceu en Vde. a vocación política?
Eu máis que vocación política o que teño é vocación de servizo público, por educación, por formación e por sentimento. Penso que os principios que inspiran a xestión pública (igualdade, obxectividade, servizo ó cidadán, eficacia, transparencia e participación, boa fe e confianza lexítima…) son de aplicación tamén na política. Entendo a política como a procura do ben común, e as distintas opcións como vías diferentes para acadar o mesmo obxectivo. Cando un cargo público, ou un candidato a selo, antepón cuestións de carácter particular á busca dese ben común, fai unha perversión do sistema que nos prexudica a todos.
Antes de ser candidata participou Vde. en movementos socias?
Hai xa anos que formo parte de Intermon, e son membro de varias asociacións a nivel local, aínda que a miña participación consiste basicamente na contribución económica. Si tiven a oportunidade de traballar con moitas asociacións a nivel local, tanto en dinamización como en organización, ó que me proporciona unha visión bastante completa do sector no concello. En Muros o movemento asociativo de carácter social, cultural e deportivo é un sector moi dinámico, non así o de carácter económico e empresarial, que hai xa algúns anos está de “capa caída”, e moi necesitado de unión e de iniciativas que o dinamicen.
Cómo foi o seu nomeamento como cabeza de lista?
Hai cerca dun ano o Comité provincial do partido en A Coruña nomeoume presidenta da comisión xestora, e animada e apoiada por afiliados e simpatizantes, aceptei a proposta deste órgano para encabezar a candidatura. O certo é que me custou decidirme, xa que a situación xeral non é a máis doada para afrontar un reto como este, pero por outra parte estou convencida de que Muros precisa e merece outra forma de xestionar e facelas cousas, e se todos pechamos os ollos o deterioro no que está sumido o noso concello vai ser imparable e irreversible.
Un político, nace ou se fai?
Aínda que é certo que hai xente que xa ven “de fábrica” cunhas certas habilidades, penso que a vontade e as conviccións son fundamentais nas eleccións que fai cada persoa. A vocación de servizo á comunidade pode vir xa marcada na impronta da persoa, pero tamén se aprende, e como todo, a mellor forma de aprender é co exemplo. Nese sentido podemos considerarnos afortunados porque temos cerca bos exemplos desa vocación, que habería que poñer en valor fronte a tantas actitudes personalistas, marcadas polo egoísmo e a autocomplacencia.
Ante os casos de corrupción, cal sería a súa actitude?
Considero á corrupción como un cancro que asola a vida política e económica deste pais, e como tal debe ser tratado: extirpación e tratamento, curativo e preventivo. Pero temos que deixar de lado a hipocresía, ás veces vemos na prensa reportaxes no que se “rasgan as vestiduras” por actitudes e feitos que a propia prensa e tamén a sociedade reproduce constantemente.
Considera xusto que os emigrantes non podan votar nas municipais?
Hai emigrantes que seguen moi involucrados na vida do seu concello de orixe e hai outros que se desvinculan totalmente, por iso penso que non é fácil adoptar unha fórmula xenérica. Quizais o voto dos emigrantes debería integrar un certo compoñente de voluntariedade, ao igual que o ten o voto dos inmigrantes. O que non parece moi equitativo é que o voto de persoas non residentes en ocasións resulte decisivo á hora de escoller aos equipos que nos van gobernar, existindo outras fórmulas posibles de representación para ese colectivo.
Qué necesita o noso Concello con mais urxencia?
O que máis necesitamos é crernos que outro concello e outra forma de xestionar son posibles, deixar a un lado o medo e convencernos de que o concello é a casa de todos. En canto ás necesidades “materiais” son moitas e variadas, dende un cambio na política de atención aos veciños ata unha planificación e xestión ordenada e racional dos recursos, que atenda ás necesidades e non as conveniencias.
Cree que a política estatal ten repercusións na política local?
Creo que as decisións que se adoptan polos órganos estatais teñen repercusións directa na vida dos cidadáns, e tamén, claro está, na gobernabilidade dos concellos. En moitas ocasións a actuación dun goberno municipal está condicionada pola existencia de determinadas normas que marcan pautas de obrigado cumprimento para as corporacións, procedan da Unión Europea, do Estado ou da Comunidade autónoma. Nese sentido parece desexable que exista unha certa sintonía entre as políticas desenvolvidas polas distintas administracións.
Porqué cree que os muradáns deben votala a Vde., e non a outr@ ?
Porque non hai outra formación que sexa alternativa de goberno, que é o que o concello precisa. As políticas desenvolvidas polo goberno socialista local non atenden as necesidades do concello, non responden ás inquedanzas e preocupacións dos cidadáns, non resultan equitativas, prímase a arrogancia, a incompetencia e as malas formas. As formacións nacionalistas están pola súa parte divididas, e son incapaces de chegar a acordos entre elas, estando como están máis ocupadas en marcar as diferenzas que en buscar puntos de acordo que sexan bos para o concello.
Se queremos un concello con futuro, centrado no que importa, cun proxecto realista e realizable, que atenda aos veciños, que busque solucións para os problemas e vías para o desenvolvemento social e económico, agora temos a oportunidade, temos unha opción, votar a candidatura do Partido Popular.
Si fora elexida, que sería o primeiro que faría?
Pois o primeiro que faría sería dalas grazas, as grazas ao pobo de Muros, as grazas ao equipo que me acompaña na lista e ao partido, e as grazas á miña familia. Se os veciños de Muros confían en min para presidir a corporación, ademais de sentirme agradecida, o que espero é saber responder a esa confianza, e ser capaz de darlle a Muros tanto como Muros me dou e me da a mín.
Nesta lexislatura que remata, cal cree que foi o mellor logro que se conseguiu, e cal, o non conseguido ?
O único logro importante deste equipo de goberno foi conseguir que a arroutada se convertese en criterio de outorgamento e concesión. Pola contra non se conseguiu ningún proxecto importante para Muros. A pesar de que dende a o grupo popular tentaron chegar a acordos sobre temas de relevancia, non foi posible ir mais aló da inclusión de determinados proxectos nos plans da Deputación e reparacións puntuais.
Xa para rematar, resuma en dez liñas o seu programa electoral.
Presentamos unha proposta centrada nas persoas, na mellora da calidade de vida dos nosos veciños, mellora que hai que articular a través da atención, do diálogo construtivo, da participación e dos servizos ós cidadáns (sociais, sanitarios, educativos, culturais…); mellora que tamén vai vir da man das infraestruturas (saneamento, vías e camiños, telefonía e comunicacións…) e da protección do medio ambiente (xestión de residuos, eficiencia enerxética…). O crecemento sostible, a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego, unha administración transparente, áxil e eficiente, a aposta polo rural, e a atención aos sectores estratéxicos da nosa economía (mar, turismo, servizos…) constitúen os elementos máis importantes da nosa proposta, e arredor dos que imos ir detallando actuacións e propostas concretas.
Moita sorte Inés. Génova non cho está poñendo nada doado !!!
Me gustaMe gusta
Quero felicitar ao equipo de The Muros Times polo traballo que fan, e tamen darlles as gracias pola entrevista. Agradezo tamen os bos desexos, e os demais comentarios, dos que sempre saco algo bo e que espero me axuden a mellorar o proxecto que temos para o noso Concello.
Me gustaMe gusta
perteñecer ó PP é unha tarefa moi complicada, e sendo muller moito máis…recortes en sanidad, educación, corrupción, lei do aborto, incumplimento total do programa electoral, despidos en diferido….etc..etc… hai q ter moitas tragadeiras.
Me gustaMe gusta