OS PONTÓNS PARA “CARBONEAR” EN MUROS

É ben coñecido que Muros, coa a súa enseada e porto, ten unas condicións naturais privilexiadas e unha localización xeográfica óptima para os navegantes de todos os tempos. Ambos factores fixeron deste fermoso pobo un punto de referencia para o abrigo, avituallamento e mesmo reparación das embarcacións que transitaron por estas costas. Ao anterior hai que engadir a importante frota local de embarcacións pesqueiras e mercantes, que outrora fixeron desta vila o segundo porto de Galicia.

A Marina de Muros foi historicamente un bulir de mariñeiros, carpinteiros, comerciantes e outros profesionais relacionados coa navegación. Durante os séculos XVI, XVII, XVIII e XIX era habitual ver grandes barcos fondeados na súa rada, embarcacións que entraban de arribada ou que tiñan a vila como o seu destino. Pero isto hai tempo que esmoreceu. A desaparición da pesquería da sardiña, que era o principal produto que aquí se embarcaba, e a carencia de infraestruturas de todo tipo, fixeron que o porto de Muros desaparecese das rutas comerciais.

A incorporación dos adiantos tecnolóxicos na navegación, fundamentalmente da maquinaria a vapor, deron máis autonomía, rapidez e tonelaxe ao transporte marítimo. Xa non se dependía do vento e, consecuentemente, foron desaparecendo as escalas en portos intermedios, necesarias cando había demoras por ventos contrarios ou mal estado do mar.  So había un problema: a recarga de carbón era obrigada nas longas travesías.

As forzas vivas de Muros de principios do século XX, decatáronse de que, para recuperar en certa medida o esplendor perdido do seu porto, facíase imprescindible que a vila se incorporase á industria do “carboneo”, entendida como a dispoñibilidade de infraestruturas necesarias para que os grandes barcos recalasen para repostar, de xeito parecido a como estaba a acontecer na veciña vila de Corcubión, da man do empresario local Plácido Castro Rivas.Imagen1.png

Gabarra en primeiro termo e pontón ao fondo no porto de Muros

O 6 de xullo de 1909 publícase na Gaceta de Madrid a autorización, da Dirección General de Obras Públicas, para a instalación no porto de Muros de dous depósitos flotantes de carbón mineral a nome de don Alberto Aznar y Tutor. O 9 de decembro do mesmo ano publicase outra autorización, esta a nome de Ambrosio Herreros Torres. Malia a todo, quen realmente capitaneou a instalación de pontóns en Muros foi o mencionado empresario corcubionés, Plácido Castro. En varios números do periódico quincenal local de principios de 1910 La Liga de Amigos, facíase eco do interese tanto do empresario como dos muradáns por instalar, canto antes, os mencionados depósitos de carbón.

En agosto dese mesmo ano 1910, Plácido Castro desprazouse a Muros para mercar o vapor inglés Cairnryan, que se atopaba fondeado na súa rada, co obxecto de destinalo a pontón. Esta embarcación embarrancara no mes de xuño anterior na praia da Sieira, en Corrubedo, cando con carga de millo ía dende as costas do Mar Negro en Rumanía a Liverpool. Foi auxiliado polos vapores de salvamento marítimo Neva e Finisterre e posteriormente, acompañado polo vapor “de guerra” Hernán Cortés, conducido a Muros, lugar onde se reparou e quedou fondeado. Non embargante, a operación de compravenda non debeu saír adiante, ou non para instalalo como pontón en Muros, porque a prensa local insistía nos meses seguintes na necesidade dos referidos depósitos.

A impaciencia da veciñanza de Muros por contar canto antes con eses depósitos de carbón fixo que, en novembro dese ano, o banqueiro, armador e consignatario local Secundino París Pardiñas pedise tamén autorización para a instalación dun pontón en Muros. Non se sabe se foi pola manobra de Secundino, pero o certo é que o número de 30 de decembro de 1910 da Liga de Amigos publica a seguinte noticia: “Nuestro muy querido amigo, el opulento banquero y entusiasta protector del pueblo de Muros don Plácido Castro, ha adquirido en la Puebla del Caramiñal el buque de 2.000 toneladas María Luisa, que con el Sorrento establecerá punto en nuestra bahía (…)”. O Maria Luisa veu remolcado dende a Pobra polo vapor de salvamento marítimo Finisterre e fondeou na baía de Muros o 5 de febreiro de 1911.Imagen2.png

Corbeta María Luisa

A corbeta ou brickbarca María Luisa fora construída en 1876 na localidade italiana de Varazze, preto de Génova. Antes de que a mercase a familia Del Río da Pobra do Caramiñal chamábase María Margherita Borzane. Era de madeira, tiña 49 metros de eslora, 10,2 de manga e desprazaba 667 toneladas. Dáse a circunstancia de que o capitán do Maria Luisa, cando o mercou Plácido Castro, era o muradán Ramón Lestón, quen seguiu traballando para o empresario de Corcubión ata marzo de 1911, mes en que sufriu un accidente nun dos pontóns que tiña na referida vila e polo que tivéronlle que amputar ambas pernas.Imagen3.png

Pontón María Luisa cando estivo fondeado en Corcubión

O 15 de xuño do mesmo ano 1911, na prensa local de Muros publícase a seguinte noticia: “ El próximo día 20 saldrá de Inglaterra un nuevo barco para establecerse como segundo pontón de don Plácido Castro en Muros (…)”.É probable que o barco ao que se estaba a referir a noticia fora o Cawdor, despois chamado Condor. Non embargante, días despois publícase que o barco que viña de Inglaterra quedaba en Corcubión, e no seu lugar ven para Muros o Sorrento, que daquela xa estaba prestando servizos de carboneo na mencionada vila de Corcubión.Imagen4.png

Pontón Sorrento cando estivo fondeado en Corcubión

O Sorrento, a pesar do seu nome italiano, era un vapor alemán de casco de ferro e de armadores de Hamburgo. Fora construído en 1881 en Glasgow, tiña 95,5 metros de eslora, 11 de manga e desprazaba 2.370 toneladas. Tratábase dun barco mixto de pasaxeiros e mercadorías. Plácido Castro mercoullo aos seus propietarios logo de que, ao mando do capitán Jörgensen, naufragase o 10 de novembro de 1902 nos Miñarzos, preto de Lira.

A partir de setembro do mesmo 1911, en Muros empézanse a chamar “as pantasmas” aos dous pontóns fondeados na súa rada xa que tanto o María LuisaImagen5.png como o Sorrento levaban en Muros dende febreiro e xullo respectivamente, e aínda non cargaran carbón. Para evitar que se foran á costa tivéronse que lastrar con pedras e area. Nos seguintes meses volve a soar con forza o empresario local Secundino P. Pardiñas como posible impulsor do carboneo na vila.

Non foi ata xaneiro de 1913 cando se achegou a Muros o vapor Galaico, traendo nas súas adegas o primeiro cargamento de carbón para os pontóns que estaban alí fondeados. Concretamente foron 800 toneladas que se distribuíron entre ambos depósitos. Na mesma época aparecen na vila as primeiras críticas contra Plácido Castro: “(…) que nadie espere transatlánticos, vendrán vapores menores, don Plácido es de Corcubión y es allí a donde llevará lo más importante (…)”.

A primeiros de marzo de 1913 entrou a carbonear en Muros a primeira embarcación. Tratábase do pequeno vapor Vilenond, era de nacionalidade holandesa e desprazaba 50 toneladas. Aos poucos días cargou tamén o vapor Puebla, do que casualmente era piloto o veciño de Muros Joaquin Lariño Uhía. En abril cargaron os vapores ingleses Snilword e Tavián, pero dende ese mes ata xullo non entrou ningún barco a carbonear na vila. Este mes de xullo foi o máis activo dende que estiveran en funcionamento os pontóns, xa que fixeron carga de carbón un total de 11 vapores. Esta extraordinaria actividade viña derivada dunha folga que mantiñan en Corcubión os traballadores da empresa de Plácido Castro, e conseguintemente este desviou a actividade cara a Muros. A continuación reprodúcese o anuncio que o propio Plácido Castro inseriu nos primeiros días de xullo de 1903 no periódico londiniense Shipping Gazette.Imagen6.png Nel da conta da folga en Corcubión e do desvío dos vapores que precisaran carbón a Muros.

Ao rematar a folga a cousa volveu ao de antes. Durante todo o resto do ano 1913 non consta entrada de ningún barco en Muros para avituallarse de carbón. O 15 de marzo de 1914 unicamente entrou un vapor inglés de gran tonelaxe. Nel se cargou a totalidade do carbón do Sorrento, xa que tiña avaria e facíase necesario varar e reparar.

Non atopamos máis información dos pontóns de Muros, o que nos leva a pensar que os peores presaxios se cumpriron. O empresario corcubionés derivou toda a carga de traballo para a súa vila e o carboneo na comarca quedou cinguido aos pontóns de Corcubión.

En Esteiro a 1 de maio de 2018.

Santi Llovo

 

Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

3 respuestas a OS PONTÓNS PARA “CARBONEAR” EN MUROS

  1. AQUILES FRANCISCO GAREA MOLEDO dijo:

    Un interesante articulo. Sobre el SORRENTO los datos no son los correctos, el que estuvo de ponton en Muros y luego en Corcubión era un velero italiano que entro con problemas en la Coruña y en dicho puerto fue comprado para intereses de Placido Castro Rivas y Aznar y Tutor que puede que compartiesen sociedad. Sobre el capitan del MARIA LUISA D. Ramón Lestón, que posteriormente continuo trabajando para Placido Castro en Corcubión, mis datos indican que como consecuencia de las heridas sufridas en el accidente (se desprendió el ancla de uno de los vapores cuando estaba en maniobra de atraque a un pontón y le cayó encima de las piernas) falleció a los pocos días de estar ingresado en un Hospital de Santiago.
    Saludos
    Aquiles

    Me gusta

  2. Santi Llovo dijo:

    Ola Aquiles, seguro que ti como experto na materia contas con máis información, e ben puidera ser que os datos que se reflicten no artigo non sexan correctos pero, dende logo, son os que aparecen na prensa local de Muros daquela época. En concreto do Sorrento, que fora un buque de máis de 2.000 toneladas e por tanto facíase ver, apareceron varias noticias sobre a súa curta estancia na rada da vila de Muros.

    Saúdos
    Santi Llovo

    Me gusta

    • AQUILES FRANCISCO GAREA MOLEDO dijo:

      Boas tardes Santi eston totalmente de acordo co que contas no articulo, o unico sobre o Sorrento e que desplazaba entre 800 ou 900 toneladas. Estuvo primeiro en Corcubion logo levarono a Muros e despois volvio a Corcubion, donde acabou afunfido por causa dunha via de agua preto da playa de Quenxe, ainda quedan restos do casco e algo de Carbon. Sobre o capitan Ramon Leston si sabes de algunha informacion sobre el estaria agradecido si ma podrias facilitar.
      Saúdos e moitas gracias.
      Aquiles

      Me gusta

Deixa un comentario