Situado ás aforas da Vila de Muros,na parroquia de Louro, a primeira constancia dunha edificación data do ano 1223 mais posiblemente sexa anterior. No ano 1432 a capela románica de Santa Mónica do Rial pasa a ser convento grazas a unha bula papal de Eugenio IV na que concedía indulxencias por visitala capela en certos dias. Nun principio os monxes vivían en «observancia» como consta nos acordos forais do ano 1475 mais tamén predicaban «sermóns cuaresmais» na próxima Vila de Muros segundo documentos do ano 1583. Albergou a grandes persoas como Fray Antonio de Acuña a quen lle debe a súa gran biblioteca, Fray Juan de Muros ou Fray Arias de Fresno quen morreu no convento debido a ser el o encargado voluntario de coidar os apestados, contraendo el a enfermidade e sendo sepultado dentro da igrexa aos pés do altar maior. A súa fundación atribúese segundo Ramón de Artaza ás xentes da Vila de Muros basándose en varios documentos que así o certifican, como un do ano 1820 no que a Audiencia Nacional do Reino pide un inventario o concello no que o convento aparece como fundado polos da Vila e así como no ano 1810 cédenselle as chaves do mesmo durante as procesións da Semana Santa para que as porte o ilustre Gaspar de Jovellanos. A súa pasada importancia queda así revestida, tamén nas múltiples terras, sendas e pensións vendidas na desamortización, así como nos múltiples testamentos que o largo da súa historia (1435, 1563, 1751, 1875, etc). Tras varios anos de inactividade no que é vendido, case desaparece, e grazas ao señor Garcia Pan, quen o cede xunto cun gran piñeiral, voltando a mans dos Franciscanos quenes con axuda dos veciños voltan a darlle vida construíndo o viacrucis para conmemoralo feito, iniciativa do P. Coll. Durante os primeiros anos do século pasado desempeñou a función de Escola Seráfica ate que foi trasladada o convento de Herbón en Padrón.
O mosteiro encontrase hoxe en día totalmente reconstruído e non conserva as antigas dependencias monacais de estilo gótico. A fabrica é sinxela e destaca o claustro de escasa altura e dimensións, nun estilo sobrio, típico nas construcións galegas, con arcadas de medio punto sobre columnas cadradas, nun dos laterais unha inscrición: «Este paño de de claustro hizo bastian baçar y su muger Margarita Perez, año de 1646″; atopandose o claustro presidido por un fermoso cruceiro. Dentro do recinto amurallado do convento que cubre 75.000 m2 atópase un bosque de pino cruzado por un regato, así como as instalacións monacais xunto cun cemiterio, restos de petroglifos, un muíño, fontes, etc… A dia de hoxe acolle, a parte das funcións relixiosas, un cámping e un hostal.
A igrexa conserva a fábrica de estilo oxival, con arco triunfal columnas e capiteis. A planta ten a capela maior na cabeceira, de menor ancho e destacada o exterior pola menor altura; volumetricamente, destaca unha torre campanario, engadida na fachada.
Referencias bibliográficas:
PATRIMÓNIO GALEGO.
SORALUCE BLOND, José Ramón e FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé: «Arquitecturas da Provincia da Coruña, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son».
ARTAZA MALVAREZ, Ramón: Historia de Muros y su distrito 2ª edicion
Fotos de: Nieves Formoso, Quin Caamaño e Lourolobios.