p/ Manuel Silva.
Artigo publicado na revista A EIROA-1994
O libro de D. Ramón de Artaza «Historia de Muros y su Distrito», non sigue unha orde cronolóxica; non é unha relación de feitos en secuencia histórica coherente nin moito menos despexa a dúbida que se presenta dende a ldade Media cara atrás.
O coñecemento incompleto e nebuloso do pasado galego acentúase en Muros, quizais polo pronunciado illamento xeográfico que sofre. Muros non ten xénesis coñecida e os documentos posteriores, algúns dos cales aporta Artaza, só dan luz sobre cousas e feitos non precisamente os máis importantes. Hai que recoñecer, sen embargo, a ímproba laboura e a constancia do autor, quen, ó longo de moitísimos anos foi recopilando datos e documentos que agora nos entrega nestes tres tomos. A obra é importante porque, con tódalas súas comísións e omisións, ven a ser a única que se escribiu sobre a nosa terra muradana.
Neste libro saltan á vista algúns detalles que tratarei de comentar, máis como curioso que trata de darse respostas ou confirmar sospeitas, ca coñecedor do tema, que non o son.
Tratarei de explicar algúns desacordos que teño acerca do texto sen ningunha pretensión de impoñe-las miñas opinións ó respecto:
Primeiro: O contido do libro amosa exclusivamente o punto de vista da clase social fidalga.
Segundo: Omítense reiteradamente fenómenos e procesos importantísimos, ben por consideralos irrelevantes, ben por descoñecemento, ben por non ferir susceptibilidades ou ben por interese persoal en ocultalos.
Terceiro: Faise unha abondosa e mesmo abrumadora reseña de liñaxes co conseguinte despregue de escudos, igrexas, capelas, propiedades e doacións dunhas cantas familias, que na súa meirande parte están emparentadas co autor. Reseña que se convirte en tema principalísimo do libro, en detrimento de feitos máis xerais e de maior interese.
Os camiños para conqueri-la condición de fidalgo, en Galicia, non foron exactamente os mesmos que se deron noutras rexións da Península. A liña de confrontación cos árabes afastóuse cedo das nosas fronteiras e, polo tanto, o ennoblecemento a través das armas, quedou pechado.
A fidalguía galega nace e desenrólase ó abeiro das grandes propiedades territoriais e urbanas: reguengas, de señorío ouabadengas; servindo como administradora primeiro e logo coma beneficiaria directa do Foro, cando éste quedou instituido. Supoño que se deron outras maneiras de ennobrecerse, pero, a fundamental, en Galicia, foi a que estou sinalando.
Muros carece de terras e, a actividade económica vai a desenrolarse fundamentalmente no eido industrial e comercial mariñeiro; actividade máis propia dunha burguesía emerxente e cobizosa que de unha fidalguía señoril e parásita. Daquí que a Nobreza que Artaza reivindica para Muros con tanto entusiasmo, apenas se poderá encontrar nos servidores da Administración, a Xustiza e a lgrexa. O poder económico, o verdadeiro poder, estará representado polo salgadeiro (en castelán «salazonero»), o armador de cabotaxe e altura, o dono de lanchas e utensilios de pesca, o comerciante exportador e importador, o minorista e a variada gama de profesionais.
0 reducido escenario muradán non dou oportunidade de separación e illamento ós seus grupos sociais de dirección e, co tempo, fíxose inevitable o entronque entre eles; así como a fusión de intereses. Pérdese, polo tanto, a pureza clasista e, a Fidalguía máis feble, dilúese axiña dentro do grupo dominante: a Burguesía.
Leamos un párrafo do libro de Artaza copiado dunha información de nobreza no ano 1770 para o ingreso na Orde de Santiago (páx. 518): «El distintivo de la Nobleza en Muros era el trato exclusivo y recíproco de los de esta clase, unos con otros, dentro y fuera de la Villa, únicos actos por que se distinguen en ella los nobles de los del estado llano, viviendo de sus mayorazgos y ejerciendo empleos de honor, el trato y la estimación…» Ou sexa, que o trato e non a executoria e o documento daba fe de Nobreza.
Con condicións tan liberais en canto a evidencias, a Burguesía muradana puido ennobrecerse a toda ela con tremenda facilidade. Xa a comenzos do século XIX, econtrámonos que todo ou case todo industrial, comerciante, profesional e funcionario é, ou presume ser, fidalgo. Con papeis ou sen eles.
Alguns indicios fan supor que a Nobreza, como tal, extinguiríase xa a comenzos do século pasado. O Apéndice VI, que trata do pedimento de exoneración da multa imposta á Vila, por seren queimadas e destruídas propiedades catalanas, (páx: 728, 729,730 e 731) é un monumento á ruindade, baixeza, no que di e en como o di; e ningún fidalgo auténtico asinaría ou avaliaría xamáis petición semellante. Algo parecido prodúcese cando os franceses chegan á zona: Os líderes de Muros, ansiosos dunha neutralidade que deixe a salvo as súas propiedades, negocian e concilian con uns e con outros en forma humillante e terminan culpando e delatando a todo o mundo.
Durante a invasión francesa, a Galicia onde a Fidalguía é forte, loita, deféndese. Onde a Burguesía ten o poder, transixe e colaboura. O fidalgo sabe que desaparecerá, como tal, se a invasión ten éxito. O burgués sobrevive e enriquécese con uns e con outros. Non se trata de ser máis patriota ou máis valente, trátase dunha posición de clase cru e descarnada, pero lóxica.
O libro de Artaza tampouco sinala o orixe xudeu de moitas familias burguesas muradanas. O historiador afirma que, en Muros, exerceron como oficiais e familiares da Inquisición algúns persoeiros que nomea. Era responsabilidade dos axentes do Santo Oficio a vixilancia e represión dos conversos, sen embargo, estos non aparecen por ningures. Entón, ¿que se lles perdeu en Muros ós axentes da Inquisición?; ¿por que se establece esta institución se non hai a quen reprimir?. José Ramón Onega escribe no seu libro «Los judíos en el Reino de Galicia» (páx. 591): «Muros y Noya se disputan el enclave de la zona y en ambas poblaciones existieron colectividades judías». No libro «inquisición y Criptjudaísmo»Juan Blázquez Miguel, anexa un mapa de España do século XVII coa seguinte escritura: «Localidades donde se dieron casos de criptjudaísmo». No devandito mapa aparece Muros entre algunhas outras poboacións de Galicia. ¿Por que Artaza non da conta destas cousas?. ¿Por que Blázquez ten coñecemento da existencia de xudeizantes en Muros e Artaza non, sendo que este último é daquí, adícase de cheo ó daquí e conta con tódolos arquivos do mundo?. ¿Por que o historiador non sinala a chegada e o asentamento definitivo dunha inmigración tan importante?.
A nós, os descendentes de vilanos e plebeos, a Historia que Artaza narra non nos ennorguilece porque nos discrimina, marxinanos, ignóranos. Elimina do proceso histórico común a quenes, en última instancia, son os que fan País e fan Historia: A xente, o pobo. TODO 0 POBO. Non unha exigua porción del, senón ¡TODO !. Esta é fundamentalmente a falla que se encontra no libro de D. Ramón de Artaza.
Discrimina, ignora e marxina os nosos antepasados mariñeiros, pescadores, peóns, soldados, emigrantes, artesáns, servos da gleba e peiteiros en xeral. Artaza ignora a quenes foron, ó fin e o cabo, fonte de riqueza; incluíndo a súa. Non se atopa neste libro unha soa palabra que explique, anque só sea como teoría, as formas de producción e de distribución, así como o papel que xogan nelo as diversas clases e grupos económicos. Da a impresión que os productos de consumo e de uso caen do ceo, coma o maná. Que non hai un pobo traballador facendo Historia e que a vida e a sobrevivencia de todos depende do seu trabarlo. A D. Ramón só lle preocupan «las distinguidas circuntancias» duns poucos.
Non hai unha soa palabra que nos explique a posesión das terras; a quen ou a quenes lle pertencían, formas de traballo, instrumentos de labranza e pesca; fábricas, comercios, etc. Como se distribuían os beneficios, dereitos e deberes en relación co Estado ou ó Señor, se é que o había.
O libro luce extemporáneo. Este libro escríbese cando o Foro, como soporte económico da Fidalguía, desapareceu; cando nacen e se fortalecen forzas políticas e sociais de masas; cando as clases medias profesionais e técnicas pasan a ocupar o lugar que deixa baldeiro a Baixa e a Alta Nobreza na dirección da cousa pública e privada. Nace este libro cando no Distrito de Muros fai moitísimos anos que o minifundio sustituíu ó Foro; cando xa a industria pesqueira conta con barcos e aparellos sofisticados, cando os conserveiros cataláns modernizan as súas fábricas e se lanzan á conquista de mercados, fóra e dentro do País. Escríbese esta Historia cando, anos despois, persoas e grupos de baixa extracción social prepárense para irrumpir na vida económica de Muros e substituir a uns e a outros: á Fidalguía para soterrala, á Burguesía tradicional para empobrecela e herdala.
Sería convinte que persoas non prexuiciadas emprenderan un trabailo de investigación para coñecer e facer público o noso pasado. Que foron, que fixeron e como vivían os antergos muradáns. Os antepasados de todos, os de Artaza e os nosos.