Chámase Ramón Fernández, pero todos o coñecemos por Moncho do Manso. Nado no lugar de Alivía fai bastantes anos, a súa vida foi de dedicación total ó mar; e tanta foi a súa pasión polo mar, que se xubilou ós 79 anos. De xóven navegou en barcos mercantes, logo fíxose patrón de gran altura, pero eran tempos difíciles e no ano 1950 volveu novamente os mercantes. Estando enrolado nun deles, desembarcouse en Holanda cando encontrou a un mariñeiro valenciano que lle propuxo enrolarse nun barco sueco, e ingresou no compañía ARA, e así dende xaneiro de 1951 ata a súa xubilación no 2003, sempre estivo na mesma compañía navieira.
Logo de navegar varias anos e vendo que os ingresos non eran moitos propúxose prosperar como fora, e empezou a estudar coa axuda económica da Compañía e unha axuda económica do goberno sueco. Non foi moito o que lle deron pero había que estiralo. Pouco a pouco foi facendo a carreira ata que obtivo o título sueco de piloto, título que se podía convalidar en calquera país do mundo.
Nos seus moitos anos de navegación atopouse con galegos en todo-los recunchos do mundo. Cóntame a anécdota de que unha vez que o barco iba cargado de asfalto para unha fábrica de aluminio que hai en Alaska, nun porto que se chama Kitimat (que traducido significa moita neve), nada mais atracar subiu o barco o capataz do porto, quedóuselle mirando e díxolle: <<cando queiras, paisano, descargamos>>. Notoulle o momento que era galego. O capataz era un galego que levaba moitos anos en Alaska.
Moncho e un home autodidacta; un muradán que se fixo asemesmo, loitando sempre por engrandecer os seus coñecementos. Entre os seus moitos saberes destaca que escribe, fala, e lee perfectamente nos idiomas sueco, inglés, alemán e italiano. Agora, xa xubilado, adica o seu tempo a leer, pasear, navegar por internet, e tamén a carpintería, unha das súas grandes pasions, aínda que o seu gran amor sigue sendo o mar.