p/ Francisco Abeijón Núñez
O pailebote muradán Joaquín Pérez tivo a honra de ser o primeiro barco no que ondeou a bandeira galega. Este feito tivo lugar o primeiro de xullo mil novecentos trinta e dous. Aquel día de verán no peirao de Muros encetábase unha excursión de Ultreyas –organización xuvenil galeguista- que durante quince días ía transitar polas Rias Baixas. Tratábase dunha viaxe de formación e aprendizaxe para un grupo de rapaces nas materias de xeografía, navegación, historia, etnografía, etc… Estaba insertada nunha moderna concepción do ensino pedagóxico que facía furor por toda Europa nos anos trinta do século XX. Polas referencias escritas da viaxe sabemos que visitaron entre outros os portos de Ribeira, Rianxo, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Portonovo, Bueu, Ons e Vigo. Para aqueles cáseque dúas ducias de rapaces, entre os que podemos citar a Isaac Díaz Pardo, X.Astorga Anta, Torres Caplane, Penas e un longo etcétera de Ultreyas sería unha excursión inovidable. Para os profesores Xurxo Lourenzo, X.Martínez López, Álvaro das Casas, R.Martínez e Isidro Parga Pondal era unha importante xeira da que se tirarían algúns estudios e varias experiencias. E para a organización xuvenil galeguista Ultreya supoñía un paso adiante na súa propia consolidación e no traballo de educación da mocidade cara a reconstrucción da Patria.
Esta viaxe como barco escola significaba un flete excepciónal para Joaquín Perez. Xa que o barco adicábase normalmente ao transporte de mercadorías dende Vigo, a coñecida como carreira de Vigo, para a casa armadora da familia Pérez de Muros. Ninguén nos asteleiros do Caniso situado na Inxuela en Esteiro donde fora construido polo mestre Manuel Brea Cernadas “o mariñán” en mil novecentos vinte podía sospeitar que este barco de pouco máis de dezaseis metros de eslora e apenas vintecinco toneladas métricas de rexistro bruto estaría destinado a entrar con letras maiúsculas na historia de Galiza.
O Joaquín Pérez iría mandado polo patrón esteirán de confianza da casa dos “carraspellos” muradáns. A dos Pérez era unha das casas industriais e comerciais máis puxantes da burguesía da época. Xosé Caamaño Esteiro nacido en Esteiro en mil novecentos, era coñecido por Xosé de Fisterrán, e estaba en posesión do nomeamento de patrón de cabotaxe para pilotar barcos de vela e vapor por augas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía dende 1930. Este mariñeiro tamén sería, máis tarde en 1934, tamén o patrón do Genoveva –folio VILL-3ª-2-1463-, a primeira baca de arrastre que houbo no porto de Muros. E máis tarde moi coñecido na postguerra por ser o patrón do barco secuestrado polos republicanos fuxidos que levaron ao mítico Lino Tieles dende a ria de Muros ata as costas francesas –pero esa historia debullaremola máis polo miudo noutra ocasión-.
O resto da tripulación do Joaquín Pérez durante esta histórica viaxe estaba formada polos mariñeiros esteiráns Bieito Caamaño Esteiro –Benito de Fisterrán– irmán do patrón, Xan Maio Caamaño –Xan de Meliño-, Xosé Caamaño Cernadas –Xosé de Ferreñas-, e máis un meiriño apelidado Lamas e casado en Muros. Como sabedes os meiriños por estes lares son as persoas orixinarias das rias baixas.
A emoción bulía na mente dos rapaces. Auténticas vangardas galeguistas sabedoras de que era a primeira vez na historia da navegación galega que a bandeira azul e blanca ondeaba na popa dun navío. Unha vez doblado o Rebordiño e avistando pola amura de estribor os cumes do monte Louro aqueles privilexiados estudantes empezaban a apagar a súa sede de sabedoría aprendendo as doctas ensinanzas dos seus mestres aplicando de xeito práctico a filosofía da organización Ultreya, que fora creada en febreiro dese mesmo ano por Álvaro das Casas, director do instituto de Noia e destacado político arredista.
Esta filosofía dos Ultreyas quedaría expresada aínda que coa exuberante retórica da época no decálogo da organización:
- Porque amo a Galiza con toda a miña alma , adicareille os meus millores esforzos para formala eternamente feliz.
- Porque a miña vida está chea de mágoas, a miña mocidade será unha leda canción que erguerá o espírito de todos os coitados.
III. Porque estou afincado no chan nativo endexamais hei de crebar as ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o fogo do meu lar.
- Porque penso no que fun, no que son e no que teño que ser, respetarei os vellos e pequenos e defendereinos de toda aldraxe e sofrimento.
- Porque quero a eficacia da miña laboura, axudarei os nobres desexos dos meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos soños.
- Porque teño que ser home útil a miña Terra, cumprirei todas as miñas obrigas para ir facendo a miña historia de cidadán exemplar.
VII. Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei o meu esprito no estudo e no traballo.
VIII. Porque teño de ser rexo na axuda aos meus irmáns, fortalecerei meu corpo na craridade das augas e no ar das montañas.
- Porque soño nun provir de verdadeira fraternidade, farei que rente min se xunten todos os rapaces galegos para que o día de mañán non nos afasten prexuízos de caste.
- Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivio con todas as culturas abrirei o meu peito a todos os homes de boa vontade e reita intención.
O día quince de xullo de mil novecentos trinta e dous o barco de Muros, Joaquín Pérez, rendía viaxe en Vigo coa súa bandeira azul e branca na popa. A primeira universidade flotante da nosa terra facía doutores “honoris causa” a toda a pasaxe e a súa tripulación. O patrón de cabotaxe número 551 da Comandancia da Mariña de Vilagarcía, Xosé de Fisterrán, sorría dende a ponte. Matinaría na trascendencia histórica desta viaxe que estaba tocando ao seu fin? O finado de Pepe Agrelo e máis eu que investigamos este asunto en mil novecentos noventa e dous coidamos que si.