p/ Neves Formoso Vidal
Hai efemérides que os pobos non deben esquecer nunca, e moitas veces, por formar parte de eventos históricos que se producen por primeira vez, o seu recordo hase avivar de xeración en xeración. Un destes eventos que quedará para sempre no recordo é a visita de «Ximiela» a Nova York. Se o ano pasado, 2013, esta Agrupación Folclórica acadaba vintecinco anos de vida, en outubro do 2014 viu cumprido o soño de cruzar o Atlántico e visitar e cumprimentar aos moitos muradáns e muradás que viven lonxe de nós, nas terras norteamericanas. Foi un reencontro emotivo, unha apoteose, un ir e vir de apertas e bágoas, no que a embaixada muradá tivo a ocasión de levar aos nosos emigrantes os apreixos e saúdos de tódolos veciños do Concello. Da estancia de «Ximiela» na «Cidade dos Rañaceos» encargouse un grupo de entusiastas e amigos que fixo que os días pasasen nun lóstrego.
Memorables foron as actuacións en Casa Galicia e no Centro Español de Queens, e espectacular a presenza de «Ximiela», o 12 de octubre, no desfile do Día da Hispanidade. «Ximiela» percorrendo a Quinta Avenida da Gran Mazá ¡¡, representando no só a Louro e a Muros, senón a toda Galicia, foi un alarde de muradanía que fixo resoar os versos do sempre recordado bardo loureán Agustín González López: “Puxenme a repetir soños antigos. / Busquei as verdes illas / aló no mar de lonxe…» Noraboa a todos os que fixeron posible a presenza de «Ximiela» en Nueva York e noraboa a tódolos compoñentes de «Ximiela» polo seu bo facer a prol da cultura da Nosa Terra.
(As fotos foron recollidas do Facebook e son de: Tono Beiro, Manuel Lariño, Nellie Lago, Socorro Lago)