p/ Marcelino García Lariño
O señor Manuel entrou na consulta do Centro Médico, onde xa era coñecido dende moitos anos. Ía buscar receitas como adoita facer tódolos meses. Ó entrar, moi agarimosa e amigable coma decote, recibiuno a enfermeira dicíndolle:–¡Ola, Manuel! Bos días.
–¡Ola! Moi bos días.
Sentouse a enfermeira e díxolle:
–Ven por receitas ¿non si? Xa hai tempo que non o vexo por aquí ¿Estivo fóra?
–Pois si. Acabo de chegar dunha viaxe.
–¡Que ben, non llo sabía! ¿A onde foi logo?
–Funlle a Roma a reza-lo Ánxelus co Papa.
Aínda ben non oíu isto a enfermeira, ergueuse coma un lóstrego e liscouse a todo meter para o despacho do médico.
O señor Manuel non escoitaba o que falaban; pero, pola abertura da porta, vía os xeitos nerviosos que facía a enfermeira explicándolle ó galeno e barrenando co dedo índice a sen. Ó pouco aparecen os dous, enfermeira e médico, e este dille: –Manuel, ¿qué tratamento está tomando?
–Non lle sei –respondeulle con toda cachaza e naturalidade Manuel–. Tomo o que vostede me deu; pero non me lembro do nome das menciñas. –Pois mire –faloulle o doutor–: Se pode ser hoxe, hoxe; e senón mañá, tráiame tódalas menciñas que está tomando, e veña cosa súa muller.
–Moi ben, si señor –contestoulle con toda humildade e educación o señor Manuel, que era moi calmoso e moi correcto.
Así ó fixo. A señora María, muller do señor Manuel, preguntáballe ó seu home que lle atopara ó médico para chamar tamén a ela; que debía de ser cousa moi mala, e que se patatín e que se patatán. Manuel, con toda a tranquilidade do mundo, faloulle así á muller:
–Mira, María. Ti non abras a boca, ¿escoitas? Ti, nin palabra. Ti déixame falar a min; porque estes pensan que estou desconxelado, e van levar un nabo de moito carallo. Non lle saíu o señor Manuel a cousa como el quería, xa que no puido falar; pois ó chegaren ó Centro Médico, nada máis velos na sala de espera a enfermeira xa os fixo pasar diante de tódolos pacientes que alí había. Mandounos sentar e foi dicirlle ó médico:
–Doutor, xa están aquí o señor Manuel e a súa muller, a señora María.
Veu o médico e díxolle a enfermeira:
–Atenda ó señor Manuel –. E dirixíndose a señora María: –Vostede veña comigo.
Levouna para o seu despacho, invitouna a sentar, e moi metido no seu papel de médico, faloulle: –Mire, señora María. Vostede xa ve como se volveu o seu home e tan pouco tempo. Onte, sen ir máis lonxe, apareceu aquí dicíndonos que acababa de chegar de Roma de rezar o Ánxelus co Papa.
–É certo, que tamén fun eu –contestoulle a señora María. Entón o doutor levantouse, franqueou a porta e foi coa señora María para a sala onde estaba o señor Manuel coa enfermeira. E díxolle a esta.
–Déalle o señor Manuel tódalas receitas que lle pida. E de aquilo que pensábamos non hai nada. É moi difícil que dúas persoas se poñan tolas ó mesmo tempo.