Comezo con un agradecemento persoal a todos os que co seu saber e esforzo posibilitaron que TMT continúe mantendo con orgullo o lema de ser unha xanela aberta para todos os muradáns.
Empezamos esta empresa co atrevemento propio do neófito sen imaxinarnos nunca que chegariamos a alcanzar con tanta satisfacción o terceiro ano de circulación. O éxito débese o atopar unha veta riquísima de talento desde un principio e que se prestou desinteresadamente a ser parte da primeira revista dixital da historia muradá. Puxemos The Muros Times ao servizo dos muradáns e estes non nos defraudaron, por iso as nosas páxinas seguen sempre abertas para todos aqueles que teñan algo que ofrecer e quéirano compartir en galego ou en castelán, os requisitos son simples: encher uns cuantos folios sobre temas culturais do noso pobo, xa sexa a nivel individual ou representando a un grupo. Para moitos, o proceso foi motivo dunha gran satisfacción e aposto a que o seguirá sendo para moitos máis. Poño especial énfase en estender a invitación a todos aqueles veciños que aínda sendo do concello, residen noutras terras, a eses en particular gustaríame que se unisen ao noso labor de divulgación e que fose TMT a ferramenta de achegamento entre os de dentro e os que estamos noutros lugares do mundo.
As catro versións de TMT xa sexan na súa páxina de fb, o seu blogue ou o seu na súa versión dixital, ademais dun limitado número de revistas impresas para as bibliotecas e escolas, segue atraendo un público numeroso, interesado e curioso polo que publicamos de maneira periódica. E así, o blog de TMT, nos seus pouco mais de oito meses de vida ten xa 643 entradas, 22.900 visitas sendo o día máis visitado o 10 de abril de 2015, (965 visitas); os domingos os días de mais visitas (18%), e sobre as 19,00 horas, o momento do día que máis visitas recibe (11 %); amais de ter recibido visitas de internautas de tódolos países do mundo.
Creo que cumprimos satisfactoriamente co propósito de abordar diferentes e variados campos da cultura local como A Nosa Lingua, A Nosa Xente, A Voz dos Nosos Poetas, Contos e Lendas, A Nosa Xente na Diáspora, Educación, Historia, Medicina, Musica, Natureza, Entrevistas… Isto foi i é posible grazas ao entusiasmo e dedicación de todos vós que como colaboradores sempre vos esforzástedes por demostrar que o noso pobo é hoxe como o foi a través de toda a súa historia, berce de persoas con gran sensibilidade e intelixencia.
Todos, sen diferenza, lograstes poñer a TMT no mapa. Para vós que sodes demasiados para poder enumerar aquí e para todos os queredores de Muros, vaia o meu cordial e sincero desexo dunhas Felices Festas e un Próspero Ano Novo.
Jorge Lago