p/ Manuel Lago Alvarez.
No aire sen tempo que a historia atesoura, non é difícil atoparnos con mil e un feitos de armas nos que o patrimonio arquitectónico relixioso e civil sufriu os consecuencias de diferentes contendas. A Vila de Muros non foi allea a elas, e querendo ou sen querer, foi escenario dalgunhas batallas que deixaron pegada tanxible nalgúns edificios; un deles, o Santuario da Virxe do Camiño, que en xuño do ano 1805, do mesmo xeito que a Vila, foi bombardeado por un buque de guerra inglés.
Os feitos, perfectamente documentados nos arquivos do Almirantazgo da Súa Graciosa Maxestade, sucederon o día 4 de xuño de 1805, e foron protagonizados polo buque Loire, ao mando do Capitán Maitland e sucederon así:
Despois de atacar diferentes poboacións da ría de Camariñas, e habendo feito presos a mariñeiros do buque Esperanza, soubo por estes de que no porto de Muros había fondeada unha nave corsaria francesa, de nome “Confiance”, armada con 27 canóns. Posto en rumbo a Muros, ás nove da mañá do día 4 de xuño, ao pasar o faro Rebordiño, o Loire viuse sorprendido polo fogo dos canóns do castelo da Vila, que provocaron nove feridos na tripulación do navío inglés. Aínda que o Capitán Maitland ordenou contestar o fogo, viu que os canóns dos muradáns estaban moi ben situados e que poderían causar máis danos ao seu buque, por iso, ordenou ao tenente Yeo asistido nesta ocasión polos tenentes dos marines reais Samuel Mallock e Joseph Douglas e o segundo tenente en funcións Charles Clinch, que asaltasen por terra a fortaleza e inutilizaran os seus canóns.
O castelo foi tomado ao asalto, sendo os seus defensores apresados, mentres o Loire, bombardeaba a Vila e os seus arredores. Paralelamente o capitán Maitland, tras facerse cargo dos dous corsarios franceses e dun bergantín mercante español tamén fondeado, enviou unha mensaxe á poboación asegurando que en ningún momento dar actos de pillaxe nin se atentaría contra as vidas e bens de propios.
Unha delegación formada por notables de Muros (o capitán Maitland escribe no Diario de navegación do Loire, que uno dos delegados era o Bispo de Muros) agradeceu persoalmente ao capitán inglés o seu nobre xesto así como o cristián proceder do tenente Yeo e os seus homes cos feridos españois e franceses do fortín.
Ao pouco da batalla o Loire abandonou Muros, levándose ao buque francés “Confiance”, e outros dous, de ahi a frase moi coñecida de Muros: “A confianza levouna ou inglés”.
Deste bombardeo, conserva o Santuario da Virxe do Camiño, dous impactos de bala de canón que locen nas fachadas este e sur.