p/ Amado Barrera
“A pega no espello se mira e dela mesma se admira.”
Non son moitos os animais dos que ata o de agora se sabe que se recoñecen no espello: Orangután, Gorila, Chimpancé, Bonobo, Elefante, Delfín, Orca… e Urraca!!
Certo que é algo moi significativo, indica un nivel de consciencia, pero ollo ao piollo: Que un animal non se “vexa” a si mesmo no espello non quere necesariamente dicir que non teñan consciencia de si mesmos, pode que non sexa a vista o seu sentido máis fiable, por exemplo así pasa cos cans, que si que se recoñecen polo seu propio olor, como era de esperar, pois é o olfacto o seu sentido principal.
Esta chamada “proba do espello” ten outras críticas e suscita dubidas varias, pero todas elas apuntan a non darlle moita fiabilidade aos resultados negativos como para “descualificar” a una especie. Cando o resultado é positivo, como pasa coa PEGA, as positivas conclusións son menos cuestionadas. Está claro que a Pega éche un paxaro moi listo. Consecuencia dun seu encéfalo proporcionalmente tan grande coma os dos chimpancés, orangutáns e humanos. A intelixencia e astucia da pega está fora de toda dúbida, e a súa capacidade de comunicación coas demais pegas: avisa dos perigos, xúntanse para incomodar e acosar a depredadores… Almacenan alimentos en agochos secretos e poden ser ensinadas a imita-la voz humana e pode identificar a persoas coñecidas. Tamén é famoso o seu costume de colleitar obxectos brillantes de todo tipo con que “adornan” o interior, tapizado con musgo, teas, fibras e plumas, dos seus magníficos niños, que son grandes plataformas, ás veces protexidas con “parasol”, moi ben traballadas e reforzadas con lama, no alto de grandes árbores ou mesmo de torres eléctricas, a salvo de depredadores gateadores.
É a Pega un animal moi beneficioso pola súa variada dieta insectívora e carroñeira, aínda que moito lle gustan os ovos e pitiños doutras aves, o que a fixo obxectivo de cazadores, que a consideraban por ese o seu gusto culinario un exterminador de perdices, mira quen foi falar.
Como curiosidade anatómica temos un trazo distintivo da subespecie ibérica (Pica pica melanotos): a ausencia de plumas detrás do ollo.
Nos últimos anos é notable a diminución da cantidade de pegas pola nosa bisbarra. Non sabemos cómo explicar esta evidente observación, porque a única especie depredadora de pegas que vai en aumento é a gatuna, seguramente moi hábil en chegar de noite aos niños, pois cada vez hai menos árbores tan altos coma antes, e devorar ovos e pitos… Pero o certo é que non é especie precisamente en perigo de retroceso, todo o contrario, pois os cazadores disque xa non a cazan como facían antes, cando a consideraban inimiga mortal das perdices, e mesmo tampouco non hai tantos miñatos e aínda que os campos de cultivo si que foron moito a menos, coa súa variada dieta non deben ter moitos problemas para criar a súa niñada.
A vindeira vez que vexades unha pega, lembrade que ela tamén os ve.