Velaí vai a primeira entrega dun artigo sobre o ‘Falar muradán’. É unha contribución modesta, só para animarvos para corrixila e completala.
p/ Henrique Monteagudo
No verán de 2011 fun convidado a dar unha charla no centro cultural que se acababa de inaugurar nas instalación do que eu sempre coñecín como ‘fábrica de Sel’. Pedíranme que disertase sobre o galego falado en Muros. Para tratar o asunto coa debida profundidade había que dispoñer dun estudo en profundidade que, polo que sei, está sen facer. Teremos que animar ao noso veciño Francisco Dubert, un dos mellores dialectólogos galegos, a que o faga ou o dirixa. En canto non se fai, atrévome a publicar estes apuntamentos feitos de memoria e escritos a correr, máis que nada para chamar a curiosidade dos muradáns e das muradanas e animar a alguén a que o faga.
Galego occidental
Os falares galegos clasifícanse en tres grandes grupos: o oriental (montaña de Lugo e Ourense, coas terras estremeiras de Asturias, León e Zamora), o central (a maior parte das provincias de Lugo e Ourense e o interior da Coruña e Pontevedra), e o occidental. Como é evidente, o falar muradán inclúese de cheo no galego occidental. Entre os trazos que o definen están a gheada (ghindar, xoghar), os plurais dos nomes en –ns (cans – bens – fins – saltóns- uns), finais en –an en palabras como man, irmán, chan, verán (compárese con mao, irmao, chao, verao) e mais mañán, miña irmán (compárese con mañá, irmá); a forma bo (compárese con bon). Igualmente, as pronuncias con \è\ pechado en palabras como dènte, xènte (compárese con xénte, dénte, con \é\ aberto).
Galego fisterrán
Dentro do galego occidental pode distinguirse un grupo de falares que podemos chamar galego extremo occidental do norte, que incluiría toda a beira norte da ría da Arousa, a ría de Muros e todas as terras de Compostela cara o mar ata o norte do cabo de Fisterra (polo que tamén se denomina galego fisterrán, nun sentido amplo). Algunhas características dos falares destas comarcas son: • O seseo completo, que pode realizarse con distintos tipos de [s]: sinco, cosiña, faser, segho, ghosar, rason, moso, des, ves, lus, … • Pronunciacións especiais das vocais [è] e [ò] pechadas e [é] e [ó] abertas (un fenómeno chamado metafonía): èl (pechada) – éla (aberta), nòvo (pechada) – nóva (aberta), sòghro – sóghra, mòrto – mórta, òllo (pechado), hóra (aberta), … • Pronuncia especial do [a], case como [é] aberto, antes de vocal acentuada: serdiña (sardiña), neveghar (navegar), pantelón (pantalón), xerdín (xardín), máis que min… • Formas verbais como ti levastes- collestes -partistes (no galego común levaches, colliches, partiches), vós falás – falades, eles falano – falaron … • O uso de che en casos como ‘vinche na festa’, ‘non che colleron a tempo?’ (‘vinte’, non te colleron’). Este fenómeno é denominado cheísmo. O galego común distingue entre ‘vinte na festa’ e ‘vinche unhas cousas ben bonitas’, ‘non te colleron’ e ‘non che colleron as cousas que encargaras?’. Dentro dese galego fisterrán, aínda podemos distinguir un grupo de falas que corresponden máis ou menos á península do Barbanza e a beira norte da ría de Muros. Chamémoslle galego barbanzón ou fisterrán do sur. Nestes falares, as formas correntes son moito, oito, noite, coiro, mentres que desde Muros cara a Fisterra (xa en Louro) atopamos muito, uito, nuite, cuiro; así e todo, é de notar que o lugar do Ancoradoiro, entre Louro e Lariño, presenta o ditongo [oi] e non [ui]. Por outra banda, de Muros cara a Noia e no Barbanza as formas que se oen son colleu e parteu, mentres que cara a Carnota e Fisterra o que se di é colliu e partiu, aínda que estas últimas formas tamén llas teño oído a xente de Serres e Baño (corrixídeme se me engano).
- O falar muradán propiamente dito
Finalmente, imos ver algunhas peculiaridades do falar muradán propiamente dito, isto é, o corrente na vila de Muros e os inmediatos arredores.
- Pronuncia do \x\ como [sh], isto é, despalatalizado: shente (xente), sheito (xeito), disho (dixo), fisho (fixo)… Foi un dos trazos que tiven que corrixir no meu galego cando comecei a dar clases: ao principio, o alumnos sempre me facían notar que o meu \x\ lles soaba demasiado ‘suave’, case indistinguible do \s\.
- Desaparición do \i\ entre dous \a\ nalgunhas palabras: ‘faiado’ dise faado, ‘vaias’ dise ‘vaas’, ‘desmaiarse’ dise desmaarse; en cambio, o \i\ mantense en palabras como saia. De todos os xeitos, ese \i\ entre vogais en toda a comarca tende a pronunciarse case como \e\: Noea (‘Noia’), maeo (‘maio’), raeo (‘raio’). Nas exclamacións, para indicar unha gran cantidade, utilizamos quei! (‘canto’): quei había xente!, quei corrín! quei fala!
- Nas preguntas, podemos utilizar cal? para preguntar pola localización, o lugar onde se atopa algo (‘ulo? , onde está?): cal é Xela? (‘onde está?) Cal é a miña roupa? (ula?). O interrogativo ulo? – ula? penso que está en desuso. Miña avoa, de Esteiro, utilizábao continuamente. Sería interesante comprobar se aínda se emprega. Nos verbos, é característica a forma (el) vén para o pasado (‘veu’): ‘Manel vén onte pola tarde’. Igualmente, aparece a forma traxo (‘trouxo’), e quéiramos – quéirades (‘queiramos’ / ‘queirades’), levábanos (levábamos). • Unha construción que teño oído en Muros é o uso de ‘de’ por ‘en’: ‘está da tenda’, ‘vai do mar’. (Decontado vai a segunda entrega).