p/ Manuel M. Caamaño
O día 1 de xullo do ano 1932 foi unha data histórica para Galicia e para Muros. No balandro “Joaquín Pérez”, deste porto, ondeou por primeira vez nun buque, soa e sen ningunha outra, a bandeira Galega. Foi con motivo dun cruceiro de estudos… que fixeron alumnos e profesores dende esta vila e porto, percorrendo a costa galega, ata Vigo. Don Ramón Otero Pedrayo faise eco dese senlleiro viaxe nun artigo de prensa con estas verbas: «Cecais hoxe, ista mañán, co primeiro locir do día no lombo das ondas, terá saído de Muros a náu argonáutica dos Ultreyas. Do Muros céltigo asucalcado xardín urbán na aba do monte vixiante, do Muros cuias donas teñen un andar de “mermaid”, do Muros aínda cheo da lexendaria épica das antergas navigazóns a vela, da vila que ten ancorada diante o bruar atránteco a insoa de soedade do Monte Louro. Esperimentamos unha saudade non privada de envexa. Nos eiquí alapeados no cerne da meseta mais pol’a incomprensión que pol’o sol trunfal aínda queimante de intransixenza. Eles, os mociños, os Ultreyas a espranza frolida da Galiza, navigando, a yalma resoante de cósmecas e raciales armuñías. Eiquí, n’iste intre a envexa nosa pode ser perdoada. Os Ultreyas, os da Beiramar e os do centro da Galiza, van recibir co iste viaxe o doutorado espirtoal sumo da galeguidade na Universidá da mar e da costa. Os ollos e os anceios galegos, como os ríos da Terra, viven dende os orixes alagados de océano e de Oucidente. Como nas serras latexa un arelar de se deitar na onda en rexa figura de esculturado promontoiro, como os vales deixanse morrer gostosamente franqueados no seo materno das rías, a yalma galega fleta no ensoño e no pensar, as naus, proa ô infindo, das descobertas. Deica onde chega a nuben e a orballeira mariña, chegan os marcos materiaes da Galiza, e ela, a Nosa Terra, perfeizoa seu paisaxe na Beiramar. Os Ultreyas, finado o curso, pra folgar galegamente, fán iste periplo revelador, ô largo d’un arco da nosa costa. Mirarán ô vello cabo onde Pondal mirou a imaxen prometeica e tráxica do destino, mirarán as Illas arrincadas a Terra pol’os bicos amorosos da mar, e pousados os ollos no branco vagantío das praias e no paralelo decorrer das serras e das ondas, sentirán a presenza material da Galiza eterna, guiada pol’os Faros simbólecos e pol’os Fachos adustos, na noite acesos de lumes estelares. Xuventude, veciñanza da fonte primeira, vibrazón de inmorrente enerxía, paixón saudosa medida e aproveitada no esforzo, enxebre falar mariñeiro, peitos e curazóns finchados como velas pol’o alento da Raza, técnica sinxela e eterna do náuta, e do pescador, todo isto cantará na yalma dos Ultreyas como canta o vento nas furnas e nos piñeirales. Dende a mar a fisiognomía da Galiza xurde crara e sin dúbidas, c’a sua enerxía espranzada dos Ultreyas, dos chamados a maguer a redenzón galega, ca benzón dos bardos precursores, da aldeia, e da mariña, ca intensa benzón da sua concenza galega. Honra pra quen soupo avencellar ôs mociños no ordre dos Ultreyas. Co eles, navegando pol’os roteiros da mar de Amadís, o berro litúrxico dos pelegrinos da vía Francígena, recibe o baptismo da mar. No seu branco barco, navegan engayolados nas velas e nos paos, nosas millores espranzas. E cando, pol’a noitiña, chegando ô peirao amigos, os rapaces Ultreyas entoen de concerto cas ondas, as estrofas bariles do Hino Galego, seu canto resoa, ô lonxe, vencedor de montes, de mesetas, e de incomprensiós nos peitos dos que en Madrí —Castelao, Villar Ponte, Picallo, e moitos outros bós e xenerosos— sentimos queimante a febre da saudade.» …………………………………… E don Fermín Bouza Brey compuxo esta regueifa, para conmemorar tamén a viaxe destes pioneiros galeguistas:
A balandra dos “Ultreya”
leva os corazóns por vela;
navega cara ao Futuro …
¡toda Galiza vai nela!
Toda Galiza vai nela,
prenda do meu paladar.
¡Os mares polo Infinito
que leviáns son de pasar!
Que leviáns son de pasar,
prenda do meu corazón,
os astros forma triskeles
en cada constelazón.
En cada constelazón
oise cantar unha estrela:
“Velaivén a fror das naos,
¡¡¡toda Galiza con ela”!!! ….
Muros foi o punto de partida
da «Nao dos Ultreias».
Foi o barco muradán «Joaquín Pérez» o que por primeira vez enarbolou orgulloso a nosa bandeira no bico do seu mastro. Foi dende Porto Piollo onde dou comezo aquela odisea. Os muradáns despediron a Nao e, ¡¡¡toda Galiza con ela”!!! Hoxe os nosos corazóns latexan de orgullo ao lembrar que naquela bandeira, ondeaba tamén o sentir de moitos muradáns.