p/Marcelino García Lariño
O señor Requeté era dunha vila que aínda existe, disque moi bonita, pero na que as autoridades tantos locais como provinciais e aínda hai quen di que tamén as estatais, non permiten nin consenten edificar ni amañar as poucas casas que, por mor deles, aínda quedan.
Argumentan as autoridades que, por ser tan bonita esta vila (que efectivamente é moi bonita porque así o quixo Deus Noso Señor, e non eles) non se pode facer nada, por ser un xoia, ¡maldita xoia!, de interese artístico e histórico.
Compre tamén dicir que unha inmensa maioría das casa desta vila tan fermosa (que o é, deso non hai dúbida) véñanse abaixo. E tamén os monumentos que hai, igrexas, capelas e mosteiros, sofren o deterioro do paso do tempo sen que as autoridades, Concello, Patrimonio Artístico, Histórico, Deputacións e un longo etcétera de similares, nin os arranxan nin, aínda o que é peor, os deixan arranxar. A alguén déixanlle, pero, xa se sabe: os deles ou ós que eles queiran, as máis das veces –polo que di a xente do mundo– mediante medios inconfesables.
Na vila onde naceu e aínda vive e oxalá o faga por moito tempo o señor Requeté, só hai ruínas e despoboado. Só quedan vellos; a xente nova, como é de supoñer, liscase para Canarias ou para onde atopen traballo. Iso en canto ó humano. En canto ó Histórico-Artístico, que é o que ó parecer, máis lle interesa ós que mandan riba de nós, declarárona monumento despois de derrubar, na década dos cincuenta, o precioso castelo, testemuña de tantas e heroicas batallas, que aínda en bo estado se conservaba, e abater a Torre do reloxo do vetusto concello, chamado Consistorio, que formaba parte das antigas murallas que cercaban a vila.
Disque, din o eles, os que mandan por riba de nós, que hai que conservar a vila así para distracción e encanto dos turistas. E dicir: para ensinarlle, en pleno século XXI, a reserva onde vivímo-los indios.
O señor Requeté, home bo e formal onde os haxa, tivo a desgraza de sufrir un infarto de miocardio. E ingresou, moi maliño, en coronarias, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Xa levaba o señor Requeté alí uns días internado, xa estaba algo melloriño, e tamén estaba na mesma dependencia outro doente ó que non se lle movía o ventre xa había días e tiña un dolor insoportable. O vello que sufría o entullo, o pobriño, levaba día e noite gritando:
–¡Non podo obrar! ¡non podo obrar!.
E o señor Requeté, que xa estaba canso de oílo e tamén quería descansar, contestoulle tamén berrando para animalo.
–¡Tampouco en Muros. Non deixa o alcalde!