p/Francisco Abeijón Núñez.
Hai agora un par de anos, a nova corría como un ruxe ruxe por todas as parroquias do concello: os veciños do lugar do Maio ían facerlle o cen cumpleanos á súa fonte do lugar. Tratábase dunha festa atrevida e especial. Con presenza dos membros da corporación muradana coa súa alcaldesa á fronte, con concurso de tartas incluída e a que finalmente acudiría moita xente. Imos repasar hoxe aqueles días e aquela festa para saber un pouco máis da fonte da Pontella do Maio.
Os veciños dispuxéronse a celebrar os cen anos da construcción da fonte da Pontella sabedores de que non se trata da fonte máis vella da parroquia. Máis ben ao contrario, probablemente a da Pontella sexa unha das fontes máis novas. Polo título de fonte máis antiga de Esteiro terían que loitar as outras fontes: a do ferrollo, a lamuda, a da chouza, a do pozo de fontenla, a do barreiro, a da mexadoira, a da mixirica, a de fontecoba, a de fontedortas, a da marta, a do canle de solleiros, a de reboredo, a de uhía, a do catalán na ribeira, etc… Tampouco se trata dunha fonte lexendaria como a de “riba” na que se xuntaban as meigas nas noites das «areas gordas» a lavar, peitearse e para esquillar aos curiosos.
Pero a da Pontella é a fonte máis singular de Esteiro. Trátase dunha fonte bonita e moderna. Foi feita a principios do século XX con unha fasquía de construcción vilega. A súa base octogonal e a adornada columna central fan pensar na imaxe típica dunha praza en calquer vila de Galicia. Foi unha contrucción ambiciosa para o tempo e o lugar no que foi instalada. Sobre esta fonte contan que xurdiu unha lenda: a de agacha no seu interior un auténtico tesouro.
A fonte foi construída no outono de 1911 pola cuadrilla do mestre canteiro “do neto de Reboredo”. Fíxose a instancias de varios veciños do lugar do Maio que un ano antes presentaran unha solicitude ao efecto no concello de Muros. A súa construcción foi unha das primeiras decisións que tomaría como alcalde, D.José Romaní Ferrer. Un home que era a terceira xeración daqueles cataláns que a principios do século XIX emigraron a Galicia para instalrse en Esteiro na percura de sardiñas. Este alcalde de Muros era neto de José Romaní i Ytllas e de Rosa Cruz i Roca, matrimonio que procedente de Blanes na provincia de Girona foron o alicerce do imperio que crearon os romaní esteiráns.
Gracias ao arquivo municipal de Muros, custodiado por Pepita Fernández, podemos saber hoxe que o coste total da obra foi de mil cincocentas setenta e unha pesetas da época. E tamén que foi precisa a autorización de Manuela Montes Núñez para pasar a tubería que conduce a auga dende o manantial ata a ubicación da fonte á beira do camiño do lugar.
Co paso do tempo, a fonte da Pontella, converteuse no principal espazo cívico e de reunión do lugar do Maio. Antes da existencia da traída da auga corrente ás vivendas, a Pontella foi o punto de encontro da xente que ía á fonte para encher as caldeiras de auga. E máis modernamente, pasou a ser o sitio no que reinar os nenos do lugar, e para as reunións da mocidade nos seráns no tempo de verán.
Na Pontella tamén se viviría un destacado episodio no tramo final da dictadura franquista cando o alcalde de Muros daquel tempo dispuxo o seu traslado e a construcción dunha especie de alxive no lugar. Os veciños xuntáronse para desmontar esta maniobra e mesmo tiveron que enfrontarse aos obreiros municipais. Impedindo o traballo da brigada municipal desfacéndolle pola tardiña o choio feito durante todo o día. Este épico episodio chegaría á xustiza tendo que pasar a declarar diante das autoridades da época moitos veciños que foron encausados por este asunto. Protagonizando, principalmente as mulleres do lugar do Maio, un exemplo de solidariedade entre veciños por non identificar ninguén aos autores dos feitos. Esta decidida oposición veciñal conseguiu ablandar a unhas autoridades municipais que estaban totalmente deslexitimadas socialmente no tramo final da dictadura. E ao contrario do que lle pasou a outros monumentos no concello de Muros a fonte da Pontella non se moveu do seu sitio no lugar do Maio.
Se cadra, por estes motivos a fonte da Pontella foise convertindo nun sinal de identidade do lugar. E ao final vai resultar certo que a fonte agacha na súa base un tesouro. O tesouro da solidariedade entre as persoas que fixo posible que os veciños defenderan o patrimonio comunal. E tamén para que lles dese por xuntarse todos a celebrar o centenario da súa construcción:
O lugariño do Maio,
non hai sitio como el,
non te vaias queridiño,
sen coller amores nel
O lugariño do Maio,
luce con moito esplendor,
coa fonte da pontella
e un ciclón gañador.