Aires de Patrón

p/ Manuel M. Caamaño

Sonou o timbre do teléfono do barco, e ao descolgalo, no outro lado da liña, a voz dun vello coñecido tamén patrón dun porto veciño que me chamaba para unha consulta nada habitual.

A conversa que mantivemos foi máis ou menos esta.Imagen36

– Coñeces a algunha menciñeira en Muros que quite o aire? – Estasme a tomar o pelo?

– Non , necesítoa de verdade.   – E lo?

-Fai unha boa temporada que non me van ben as cousas no traballo. Vaiamos onde vaiamos a pescar, os peixes para nós sempre son poucos. Xa probei todos os remedios que eu podo aportar e seguimos igual , teño que estar posuído por algún mal aire!

Eu coñecía o meu interlocutor facía unha morea de anos , dende que aínda rapaces estabamos na escola de náutica en Vigo aló polos anos 70, e crin que me estaba a tomar o pelo con esa pregunta. Pero ante tales argumentos e ante a evidente desesperación do meu amigo, din creto a súa petición e quedei en informarlle das miñas pescudas en pos da menciñeira.

Non me fixo falta buscar moito, fun informado da existencia dunha recoñecida “sanadora de aires” nun lugar da parroquia de Serres e así llo comentei ao meu amigo, quedando citados para o seguinte sábado en Muros. Picoume a curiosidade por saber máis da sanadora e souben que era sogra dun coñecido meu e pedinlle a ese coñecido que nos acompañase. O sábado en cuestión xuntámonos os tres e acudimos en comandita á consulta.

Nun alpendre de pedra estaba a vella , medio encurvada pola artrosis e cos avíos de sanar preparados.

Unha peneira era o instrumento que ía dicir se o meu amigo tiña o “aire” e se o tiña, dilucidar a súa procedencia, pois disque cabia a posibilidade de que fose de morto ou de vivo ese mal tan etereo.

Nun lateral da peneira unha tesoira espetada, e dentro da criba un peite(símbolo da bruxa) , unha moeda enferruxada e arredor da tesoira un rosario , por aquelo de ter contentos aos santos cristiáns.

O ritual era simple. A vella cun dedo na tesoira e o presunto posuído polo “aire” con outro sostiñan a peneira. A menciñeira recitaba o conxuro.

-Peneiriña de peneirar , dime si (aquí o nome do doente) ten o aire, se é de vivo vírame a cara e se é de morto vírame o cu.E a peneira pendurada da tesoira comezaba a revirarse sempre ao mesmo sentido.

Varias veces lle fixo a mesma pregunta e outras tantas a peneira revirouse do mesmo xeito.

A sentencia foi clara: -Meu fillo , tes o aire e é aire de vivo. A receta, simple. -Tes que pasar polo fume.

Eu observaba todo aquelo entre escéptico e abraiado de ver como a peneira se reviraba cada vez que a vella nomeaba ao coitado do meu amigo, e pedinlle a vella si podía eu soster a peneira xunto co enfermo de “aire”. A muller accedeu sen ningún reparo e sostivemos a peneira meu amigo e mais eu mentres a vella repetia o ritual. A peneira revirábase de tal maneira que esvaraba de entre os nosos dedos cada vez que ela dicía o nome do meu amigo!

Logo para maior gloria da menciñeira e maior confusión para min, pronunciou o meu nome e a peneira non se moveu un só pelo entre as nosas mans; polo visto eu estaba libre de aire algún!

Convencido eu de que a peneira viraba sen truco nin artificio visible, pasamos ao seguinte ritual. O que ía a sanar o meu amigo!

Unha trepia de ferro con loureiro ardendo e fumeando no seu interior pousada no chan, era o instrumento. Nada de ultrasóns, nin escaneres, nin raios X , tan só unha trepia.

O doente pasaba unha e outra vez por riba do fume mentres tres mulleres chamadas María rezaban “padresnuestros” e “avesmarias” e a menciñeira murmuraba escuros e segredos conxuros.

Así escasamente un minuto ata que a vella decidiu someter ao meu amigo a un novo dictame da peneira . A criba esta vez nin se inmutou co nome do antes posuído,. -Estas curado meu fillo- Foi a sentencia da vella.

Eu coido que a muller nada pediu polo seu traballo , e si algo obtivo foi pola boa vontade do doente.

Cando saímos do alpendre a faciana do meu amigo tiña un xesto moi distinto que cando entramos.

Poucos días despois era eu que marcaba o telefono del para preguntar si as cousas cambiara. – Man de santa, Manuel . Esa muller cambioume a vida.

– Vanche mellor as cousas logo?

Dende aquel día os peixes apéganse a min leve a onde leve o barco.

Raio, pensei, porque non había de ter eu tamén o “aire” para que logo de sanado se me apegasen tamén a min os peixes! Poderosa arma é fe.

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Contos e Lendas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s