p/ Ramón Siaba Vara (Avogado)
A Lei 2/2006, de 14 de xuño, de dereito civil de Galicia creou unha serie de institucións xurídicas baseadas no dereito consuetudinario galego diversas do dereito común, como son a apartación, o pacto de mellora e a mellora de labrar e posuír, a través das que se permite a posibilidade de entregar a herdanza en vida.
A “apartación” é un pacto polo que a cambio de renunciar anticipadamente á lexitima futura, é dicir á condición de herdeiro forzoso ( dereito a percibir a cuarta parte da herdanza) recibe do causante, en vida deste, bens concretos que lle son adxudicados calquera que fose o valor da herdanza ao tempo de finar o causante.
A diferenza do Código Civil por medio de dita institución permítense os negocios de disposición sobre a lexítima futura, permitindo a renuncia dos dereitos lexitimarios, non sendo, por tanto, necesario que finen determinados parentes para que os herdeiros poidan acceder aos bens que no seu día constituirían a súa herdanza, pódese dicir que se adianta a herdanza.
O réxime fiscal é o mesmo que o do imposto de sucesións, é dicir o que se aplica ás herdanzas, sendo evidente que dita circunstancia é de especial importancia, posto que con anterioridade a dita figura a transmisión de bens entre ditos parentes normalmente realizábase mediante venda ou doazón co gravosas que ditas transmisións supoñían para las partes intervenientes. Coa apartación aplícase, como diciamos, o réxime fiscal regulado para as sucesións cos beneficios que o mesmo ten para os interesados (bonificación por parentesco, incapacidade, redución por adquisición de explotación agraria …).
A apartación era unha figura arraigada en certas partes de Galicia, xa sexa pola súa relación coa institución da mellora, da que era un complemento necesario, como pola propia idiosincrasia galega de migración, de maneira que os lexitimarios recibían dos seus maiores, en vida dos mesmos, unha cantidade de diñeiro que lles permitía emigrar ou formar o seu propio negocio.
O “pacto de mellora” é un convenio para mellorar a calquera fillo ou descendente en bens concretos e que pode supoñer desde o momento da súa sinatura a adquisición do citado ben ou pospoñer a súa adquisición ao finamento do mellorante (ascendente que realiza a mellora).
Existe unha especialidade da mellora chamada “ mellora de labrar e posuír” cuxa finalidade é manter indiviso un lugar acasarado, explotación agrícola, industrial, comercial ou fabril entregándoo integramente a un dos descendentes que compensará en metálico ao resto podendo aprazar o pago, pero garantindo o cumprimento de dita obriga.
Outras especialidades do dereito civil galego respecto ao dereito común:
O Código Civil esixe para poder partir unha herdanza que todos os herdeiros estean de acordo, posto que se se opón un herdeiro a única solución sería acudir á vía xudicial co gravoso que dita solución resulta, mentres que o dereito civil galego permite aos herdeiros que representen unha cota de máis da metade do haber partible e sexan, ao menos, dous poder promover ante notario a partición da herdanza, respectando en todo caso as disposición do causante e sempre que este no nomeara contador-partidor.
O dereito civilgalego abandonou a regulación do dereito común de dividir as herdanzas en terzos de lexitima, mellora e libre disposición, establecendo exclusivamente a lexítima de un cuarto da herdanza para os fillos e as súas liñaxes, de maneira que os pais e demais ascendentes deixan de ter a condición de lexitimarios, continuando o cónxuxe como lexitimario do usufruto, aínda que só sexa do cuarto da herdanza, non do terzo como no dereito común. Asimílanse aos cónxuxes as parellas de feito, inscritas no rexistro de parellas de feito.
O dereito civil galego permite o outorgamento de dous testamentos que non teñen correspondencia no dereito común como son o testamento mancomunado, que é o que outorgan dous ou máis persoas nun único instrumento notarial (forma aberta notarial), podendo os galegos outorgar dito testamento tanto en Galicia como fóra dela e o testamento por comisario, que vén a ser o que un dos cónxuxes outorga en exercicio da facultade de testar concedida polo outro, ben en capitulacións matrimoniais ou en testamento, é dicir trátase dun testamento feito por un apoderado (cónxuxe) despois da morte del testador.
Como pode observarse as especialidades do dereito civil galego non son máis que a maneira de plasmar nun corpo legal o dereito consuetudinario propio da nosa terra.