Entrevista a Marcelino García Lariño (Marcelo da Rabela)

p./Jorge Lago de Pexejo, vía Skype.

Marcelino¿Qué se pode dicir que non se saiba dun dos personaxes máis coñecidos da bisbarra?
Aínda moito, e séntome honrado de ter conducido esta entrevista en directo vía Skype da cal só podo escribir unha pequena síntese dunha agradabilísima conversación que se prolongou por varios días e que me serviu para coñecer máis de preto a alguén que a pesar de certos achaques relacionados coa idade, non deixou de marabillarme pola súa lucidez, viveza e gran sentido do humor.
Non me é doado expoñer como quixese a esencia do diálogo que mantivemos, abonda dicir que a cada pregunta saía unha morea de anécdotas, pequenas viñetas, recordos e explosións de risa incontibles polas ocorrencias que saían a cada paso.
J.L._¿Me escoitas e oes ben Marcelo?
Marcelo: _Si, perfectamente, vostede ten a palabra.
J.L._ Grazas. ¿Ti naciches no ano 30?
Marcelo: _marcelino2
O 17 de Marzo de 1930
J.L._ Xa levas navegando pola vida uns poucos anos e embarcado en moitos e diversos mesteres.
¿Como xurdiu a túa afección polas letras?
Marcelo: _Pois dende neno, era un sentir que me levaba a gardar todos os libros de texto e libretas que aínda hoxe conservo. Eu tiña a afección de cantar, pero como cantaba mal, compensábao escribindo a letra das cancións que oía.
J.L._ ¿Quen foi o teu primeiro mestre?
Marcelo: _Cando me mandaron por primeira vez á escola cun silabario debaixo do brazo, foi á escola da señora Dolores da Trilla. Co silabario e o Rayas Primero, a señora Dolores impartiu a máis de catro xeracións os primeiros pasos en deletrear e esborranchar as primeiras letras.
Despois, mandáronme a unha escola de pagamento, a de D. Antonio Lojo, na que estiven ata os 14 anos e me botaron da escola.
J.L._ Por traveso?
marcelino3Marcelo: _!Non, non! Bueno, traveso un pouco, o habitual: Ir para casa cun ollo hinchado, romper algún cristal con aquelas pelotas de trapo con que xogabamos. Pero non, como sabes, naquel entón íase escola cun só libro de texto no que estaban condensadas todas as materias ata que foses a facer o bacharelato e a min como ó memoricei de cabo a rabo, D. Antonio falou coa miña nai e díxolle que ou me daba estudos, ou deixaba de ir á escola, porque el xa non tiña máis que ensinarme.
J.L._ Despues desa saída honorable da escola e con 14 anos… A que te dedicaches?
Marcelo: _Despois da escola funme a traballar unha tempada como revisor de Jacobito, un primo irmán da miña nai que era taxista ata que me decatei de que necesitaban un axudante no xulgado e como D.Antonio Lojo o mestre era procurador, suxeriu que eu era o mellor opoñente para a praza e alí estiven, teño que dicir que con bastante poder tácito exercendo ese labor ata que me fun para o servizo militar.
J.L._ ¿ E despois do servizo militar?
Marcelo: _Entón xa empecei a traballar no concello como escribente pois xa traballara por anos no xulgado. Pero a miña vocación era ser obreiro como o era o meu pai.
J.L._ O teu pai quedárase en EUA cun irmán seu e alí desempeñou varios traballos ata a súa xubilación na que volveu a Muros definitivamente.
Mentres tanto, despois do concello, e de cumplires o servicio militar, ti empezaches a traballar na fábrica de Sel alá polo 77 nin máis nin menos que por 25 anos.
Marcelo: Si, 25 anos xustos e despois apetecíame tomar unha tempada de descanso, pero xa non me dou tempo, chamáronme para traballar no Banco do Noroeste e así seguín ata que un infarto me obrigou a retirarme.
J.L. _ E sempre seguiches escribindo.
Marcelo: _ Sempre, xa antes de ir para a fábrica de Sel, dende que era un rapaz. Unhas veces escribía máis e outras menos e cando xa empecei a escribir máis en serio levaba todo o escrito para o fallado coa idea de ir corrixindo e ordenando despois, pero nunca tiven tempo de sobra así que case toda a miña obra está alí a esperar.
J.L. _ O de falta de tempo enténdese ben. Ti sempre estiveches  involucrado en toda clase de actividades xa fosen de carácter relixioso ou mundano.
Marcelo: _A verdade é que si, que eu recorde nunca fun presidente de nada, pero fun secretario de todo, ser secretario converteuse no meu modus vivendi. A partir do concello xa seguín de secretario de Acción Católica, Adoración Nocturna, Cabalgata de Reis, a Coral Polifónica, Teatro Muradán, non sei de cantos equipos de futbol, certame de Mister Feo…
Sempre me sentín moi a gusto cooperando no que pensaba que era ben para o pobo.
J.L. _ E é indubidable que no pobo pensabas. Como fillo de emigrantes; o teu pai en EUA e a túa nai que aprendeu a falar castelán nunha provincia arxentina, ¿Nunca sentiches inquietude por largarte de Muros?
Marcelo: _ !Nunca! Nin sequera se me pasou pola cabeza a pesar de como ti ben dis, tiña familia desperdigada en todas as américas, nunca se me pasou pola cabeza esa tentación.
Percorrín toda España por esixencias do traballo, pero se cadraba que a miña ausencia de Muros coincidía co día de S. Pedro ou o Carmen, xa non estaba máis que pensando en volver. E tamén fixen turismo, Portugal, Francia, Italia, pero ausentarme de Muros por máis tempo que o estrictamente necesario nunca estivo nos meus plans.
J.L. _ Pregunta así de súpeto: Es un fervente católico?
Marcelo: _ !Si! Pero non fanático.
J.L._ ¿Qué queres dicir?
Marcelo: _ Quero dicir que as miñas crenzas son miñas e que non afectan o meu concepto da xente que non coincide con elas. Relixión e política son cousas persoais e nunca enturbaron a miña relación con ninguén. A miña filosofía persoal é vivir e deixar vivir e esa filosofía levoume a ter amigos de todas as tendencias.
J.L. _ Non cabe dúbida de que practicas o que predicas.
Marcelo: _ Mira, os meus estudos universitarios foron aprendidos debaixo dos soportais de Muros. Escoitando e analizando o que discutían os maiores, recollendo certas perlas de sabedoría que emanaba da experiencia da vida. Aprendín a valorar a xente non polo moito que falaban se non polo ben que o decían.
J.L._ Falando de valores, ¿Pensas que Muros valora axeitadamente a xente que ten, a que sobresae, á que alcanza metas?
Marcelo: _ Penso que non, penso que se lle dá máis valor ao que é noso fóra do pobo que o que lle damos nós e aínda que llo damos algunas veces, temos certa tendencia a non abusar de ser demasiado efusivos.

Pero teño que agregar que esa tendencia está a cambiar. Agora as novas xeracións saben ver e recoñecer talento onde o hai e o que máis me gusta é que ultimamente de Muros sae xente moi, pero que moi preparada. O saber domocratizouse e de calquera familia rica ou pobre poden saír eminencias.
J.L._ Tes fe na xuventude actual?
Marcelo: _ Moito máis que o que a tiña na miña xuventú. Mira de onde vimos nós e mira os medios dos que eles posúen. Que os saiban aproveitar, iso xa é outra cousa, pero no que non podemos caer é culpalos a eles nin os facer vítimas dos nosos erros.
J.L._ Marcelo: Falamos de todo un pouco e fixéchesme pasar un anaco de tempo agradabilísimo con esta entrevista. Nos temos reido a gargalladas e fixéchesme sentir moito máis próximo ao pobo que deixei hai máis de medio século. Os de certa xeración alimentámonos coa nostalxia e ás veces ata nos empachamos dela. A través da túa longa e frutífera vida  ¿Cales  foron os cambios máis notorios ou sorprendentes que viviches no pobo de Muros?
Marcelo: _Os cambios foron sorprendentes, dende levar o conde á dársena a empezar a facer cuartos de baño nas casas. A emigración foi sen dúbida o grande artífice de incrementar a riqueza local. As casas foron cambiando de aspecto, os pescadores a comprar novas e mellores embarcacións e en xeral a concienciarnos de que a educación non era un privilexio duns cantos. O Muros de hoxe pouco ten que ver con aquel Muros que me viu nacer, progresouse en todos os aspectos, pero hai un aspecto negativo que me preocupa; seguimos coa pauta de ter que deixar que a emigración sexa a máxima beneficiaria do que Muros produce.

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Entrevistas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s