…E moi humanitaria Vila de Muros

p/Francisco Abeijón Núñez
O título de “moi humanitaria” engadíuselle en 1906 aos de “moi noble” e “moi leal” que xa rezaban no escudo da Vila de Muros. Imos debullar algúns aspectos desta distinción que aínda que xa foron publicados se cadra non son o suficientemente coñecidos.
O título de ”moi humanitaria” recibiríase polo labor que desempeñaron os veciños de Muros no salvamento do buque “Cardenal Cisneros” que en 1905 naufragou sen víctimas ao tocar os baixos dos Meixidos.
Picture32A Gaceta de Madrid do 9 de outubro de 1906 publicaba un decreto que rezaba: “A S.M. el Rey (q.D.g) dignouse expedir por este ministerio real decreto seguinte.= Querendo dar unha proba do meu real aprecio á vila de Muros, provincia de Coruña, e tendo en conta os seus leais e heróicos antecedentes, así como a súa constante adhesión á monarquía constitucional, veño de concederlle os títulos de Moi Nobre, Moi Leal e Moi Humanitaria.= Dado en San Ildefonso a a vintenove de setembro de mil novecentos seis.=Alfonso.=O Ministro da Gobernación. Bernabé Dávila”.
O concello de Muros na sesión plenaria do 14 de outubro de 1906 acordou empregar no futuro o título de “moi nobre, moi leal e moi humanitaria” no distintivo municipal para acadar así a súa perpetuación. Esta sesión remataría co recibimento dunha fotografía do Rei asinada polo monarca e dunha medalla para o señor Alcalde.Picture33
Según explica o estudioso en asuntos militares D. Alejandro Anca Armadillo na súa obra “El crucero acorazado cardenal cisneros” Barlovento (2004) tratábase dun barco de 106 metros de eslora e 7500 toneladas de desprazamento, con seis caldeiras de vapor que lle permitían acadar os 18 nós de velocidade e con unha dotación de 550 tripulantes. Fora construído no arsenal de Ferrol por un importe aproximado de quince millóns de pesetas. Era idéntico aos “Princesa de Asturias” e “Cataluña” botados nos estaleiros de La Carraca (Cádiz) e Cartagena respectivamente. Estes barcos fixéranse coa intención de constituíren o máis claro expoñente dun hipotético rexurdimento da mariña española logo dos desastres de Santiago de Cuba e de Cavite. Tratábase dun barco novo que entrara en servicio en 1902 pero con un deseño e artillería xa desfasados posto que a súa construcción proxectouse ao abeiro dunha Real Orde de 1888.
O “Cardenal Cisneros” zarpou de Muros con destino a Ferrol o 28 de outubro de 1905 nunhas condicións meteorolóxicas inmellorables, con tempo claro e co mar como un prato. O resto da escuadra estaba composta polo “Princesa de Asturias”, o “Rio de la Plata” e o “Extremadura” que tomaron rumbo á cidade de Vigo.
Picture34Contan os cronistas, Jaime Solá director do Heraldo de Galicia, e os muradáns Luís Malvárez para “La Voz de Galicia” e “Noticiero”, así como o escritor Artaza y Malvárez, que o “Cardenal Cisneros” navegaba a 10 nós de velocidade cando contra as nove da mañán unha laxa dos Meixidos desgarroulle a obra viva de xeito que sería imposible conter a inundación. O comandante ordenou abandonar o buque aos 544 tripulantes que ían a bordo. Evacuación que se fixo durante os tres cuartos de hora que aínda estivo a flote. Participaron no salvamento o vapor “Argonauta”, o balandro “Méndez Núñez” e moitas lanchas de pesca do xeito. Lémbranse ás crónicas especialmente das patroneadas polos muradáns Manuel Porrúa e Ricardo Caamaño.
Nunca aparecería a fatídica agulla non sinalada nas cartas coa que bateu o “Cardenal Cisneros” a pesar do exhaustivo recoñecemento que farían na zona os buques “Urania” da Comisión Hidrográfica e o cañoneiro “Marqués de la Victoria”. Esta pedra non sinalada nos mapas sería a versión dos protagonistas dos feitos exposta nas dilixencias sumariais practicadas ao efecto no salón de actos do concello de Muros, presididas polo xeneral Santaló e nas que participou como secretario o xefe de estado maior D. Manuel Dueñas.
O resultado do actuado nesta comisión sería publicado en suplementos especiais nos xornais:“…Que o sábado último ás cinco da madrugada saiu o Cardenal Cisneros da ría de Muros, a un andar de dez millas. Que sendo as sete cincuenta o acorazado, libre xa dos baixos de Bruyos arrumbou para pasar a dúas millas e media dos Meixidos. As oito viuse romper o mar pola aleta de estribor sobre ditos baixos. Entón sentíndose a bordo do buque unha tremenda trepidación. A máquina parou inmediatamente. (…) Practicado con rapidez un recoñecemento, puido apreciarse unha enorme vía de auga. (…) O Cisneros comenzou a afundirse con lentitude pola proa. Cando chegou ao seu último tercio, o buque tomou a súa posición vertical, poñendo ao aire hélices e quilla. Despoios prodúxose un espantoso remuíño. Logo advertiuse unha columna ou tromba de auga seguida dunha explosión semellante a dun torpedo. Despois afundiuse por completo. Pénsase que ao afundirse reventou o casco.”
Para os xeiteiros testemuñas do incidente o “Cardenal Cisneros” afundiuse logo de chocar cos baixos de Meixidos ben coñecidos polos navegantes. Os mariñeiros tamén contaron aos xornalistas como cando eles estaban faenando o viron asomar o barco por Monte Louro e xa comprenderon que levaba moi mal rumbo:“…o barco viña perderse sen remedio, nós comprendiámolo e non podíamos evitalo. Primeiro pasou por unhas pedras chamadas Ximiela e que non está nas cartas españolas pero si nas inglesas e tivo a fortuna de non estrelarse. Pero despois arrumbou máis a terra. Xa antes pasara por dentro duns baixos. Nós comprendíamos que a bordo non se decataban do perigo. Como vían romper a laxe grande do Meixido críanse libres das pedras, e nós gritábamos con todas as nosas forzas, ata quedar roucos, e facíamos sinais cos panos. Éramos moitos barcos a dicirlles que se separasen. Pero de abordo pensaban que aquelas voces e aquelas sinais eran a despedida á escuadra que viñan de pasar algúns días en Muros (…) Dígolle a vostede que saltábamos sobre as lanchas. Algúns chorábamos. O Cisneros íase sobre as pedras e nós víamos que ía a perderse”.
O Comandante do Cardenal Cisneros era o Capitán de Navío don Manuel Díaz Iglesias nacido en Cádiz en 1848, que servira meritoriamente en Filipinas e como segundo no “Reina Cristina”. Faltáballe tan solo un mes de mando para estar en condicións de obter un ascenso. Sen embargo a súa carreira profesional quedaría para sempre truncada logo deste naufraxio.
As crónicas publicadas relatan como a tripulación presenciou dende os botes de salvamento o afundimento do “Cardenal Cisneros”. O barco en dez minuots sumerxiuse primeiro de proa, levantando despois a popa e afundiuse por completo sobre a banda de babor. A chegada da tripulación ao muelle de Muros prodúxose hora e media despois da perda do buque. O alcalde –Sr.Louro-, un vello mariño mercante- arengou aos veciños para que acollesen nas súas casas aos náufragos. O Sr. Díaz Iglesias aloxouse na casa do Sr. Siaba, posto que según o xornalista Jaime Solá a muller do comandante regresando dun paseo fora sorprendida pola chuvia e tivera que acollerse no fogar dos señores Siaba. Recibira alí tantas atencións que ao voltar a Muros non quixo ir a outro sitio. O resto dos mandos aloxáronsee na casa do señor Manuel Riveiro e na do propio Alcalde.
Despois arribarían a Muros os cruceiros “Extremadura” e “Rio de la Plata”, os canoneiros “Marqués de la Victoria”, “Marqués de Molíns” e “Vasco Núñez de Balboa”. Os tripulantes do Cisneros foron distribuídos en todos os barcos da escuadra. Ata o día 30 de outubro estiveron os náufragos en Muros. De volta rumbo para Ferrol ao atoparse o “Rio de la Plata” –barco no que ía o Comandante do Cisneros- fronte aos baixos Meixidos no lugar aproximado da catástrofe formáronse sobre a cuberta as dotacións dos buques e deuse lectura ao telegrama que o ministro de defensa dirixiu ao comandante xeral da división participándolle a satisfación que ao Rei lle causou o notable salvamento levado a cabo. O telegrama leído polo propio señor Díaz Iglesias, decía así: “Ministro da Mariña a Capitan xeral do Departamento. Elevo a S.M. os nobres sentimentos que expresa telegrama de V.E. encargándolle transmita unha vez máis a testemuña de gratitude do Rei e da Patria para o seus subordinados cuia exemplar disciplina que admira e ensalza propios e extraños, evitou a terrible traxedia que sería para España esta desgracia irreparable.”

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s