p/ Marcelino García Lariño
Cando Lesio de Viruta volveu ó lugar despois de catorce anos traballando coma un asacano nun arrabalo da cidade de Iucatán, toda súa teima era facer unha autovía que chegara dende o seu lugar á capitalidade da parroquia, onde está a igrexa, distante xusto, xusto, mil setecentos trinta e sete metros.
Atopouse con obstáculos dabondos: tiña que atravesar a agra dos Fedellos, que aínda estaba pro indiviso dende a morte dos seus bisavós; cos da casa da Xiada que se opuñan a que lle pasara polo herbal; con Xosé o Farrapeto, escolante en Montevideo, que non quería dar nin unha cuarta “de los bienes heredados de su difamada difunta madre” (así mesmiño lle dixera nunha carta certificada con acuse de recibo que lle escribira contestando a outra que Lesio lle enviara por avión), e moitos incontables atrancos máis.
Pero el, terque que terque, botou o peito para adiante e hoxe fala aquí, mañá acolá, reunión vai, reunión vén, xuntanza dun lado, xuntanza do outro, fala con este, logo con aquel, despois co de máis alá, viaxe para arriba, viaxe para abaixo… en fin, que non tiña solaz nin parada co seu corpo.
Un día foi co fillo do carpinteiro Pepe de Lisardo (que tiña un coche de terceira ou cuarta man, aínda que andar algo andaba maiormente polas costas abaixo) á Coruña a mercar as ferramentas necesarias para dar comezo “á obra máis grande que verán os séculos cando estea rematada” (así mesmiño o dicía) e mercou un aparello de tres patas como teñen os retratistas nos estudios, e con el púxose a “tomar medidas cheas” (outra das súas verbas preferidas) ás leiras, herbais e devesas por onde ía pasa-la autovía.
Lesio de Viruta non veu rematada a súa obra, non lle foi posible. Despois de gastar nela todo canto tiña (arruinouse) entroulle unha hipocondría que se lle agravou e que o levou á cova. Requiescant in pace.
Anos despois, ¡o que é a vida!, a parroquia agradecida rendeulle un homenaxe póstumo e popular a este home que en vida tivérono sempre por toleirón, dándolle o seu nome á corredoira que el non fora quen de rematar e que lle custou a morte, póndolle un letreiro en cada entrada da mesma que aínda di: “Autovía rápida de Lesio de Viruta”.