p/Marcelino García Lariño
Bieitiño do Pouseiro era o vinculeiro da casa dos Pouseiros do lugar de Fenestranova no Rebordelo de Arriba.
Ó Bieitiño chegoulle a idade de ir a servir á Patria, como todo fillo de veciño, e entrou de recruta no acuartelamento do exército da capital da provincia.
O pai do Bieitiño, que amais de se-lo patriarca dos Pouseiros era tamén o cacique de Rebordelo de Arriba e de Rebordelo de Abaixo, coñecido e moi sonado en toda bisbarra e fora dela polas súas cacicadas, tiña moitas e moi boas recomendacións en algures, e, entre elas, a do señor comandante do cuartel de instrución na que entrara o fillo como recruta.
Acostumado o morgado dos Pouseiros a dispor como e cando quería o que lle daba a gana, coidou que na vida castrense á que agora pertencía, ía face-lo mesmo. Mais non foi así; pois deu con un tenente que o obrigou a entrar polo rego.
Como Bieitiño estaba tan recomendado polo cacique do seu pai, calquera cousiña por livián que fose que lle dixera ou fixera o tenente, faltáballe tempo para ir a contarlla o señor comandante. Este oíao sempre, e sempre tamén, lle dicía o mesmo:
Mais o tenente parece que non estaba con esas, porque as reprimendas eran continuas, como continuas eran tamén as queixas do recruta no despacho do señor comandante.
Unha vez tivera Bieitiño un altercado con tenente, ó que chegou incluso a ameazar; mais este, que era un valente, púxose no seu sitio e cantoulle as corenta e algo máis. Bieitiño foi correndo o despacho do señor comandante a contarlle o episodio. O comandante despachouno dicíndolle o consabido: .
O tenente, que non era parvo, xa desconfiaba de que o vinculeiro dos Pouseiros íalle con contiños ó comandante, e seguírao, sen que o vira, ata o despacho agochándose detrás dunha columna.
Ó saír o soldado botouse a el o tenente como arrabiado, como se estivese loitando na máis feroz das batallas, e feito un ferabás, espetoulle:
–¡Como che vexa entrar outra vez no despacho do comandante, cómoche os fígados!
Cheo de medo o Bieitiño, botouse a correr cara o despacho do comandante. Cumprindo o mandado nas ordenanzas militares, abriu un pouquiño a porta do despacho entrementres dicía:
–¿Dá usía o seu permiso, meu comandante?
–Pase.
O comandante ó velo, exclamou:
–¡Outra vez por aquí! ¿Qué quer, vostede, agora?
–O tenente díxome que me vai comer os fígados.
–Váiase tranquilo, soldado, cando llos coma véñamo a dicir.