p/ Manuel Lago Álvarez
Muros ten unha tradición musical que ven de moi atrás. As primeiras referencias gráficas das que se teñen datos son do ano 1905, que foi o ano de creación da Banda de Música. Esta agrupación musical foi creada por Don Valentín Alonso Arias, persoa nada en Pontevedra, pero que dende facía anos exercía como mestre da escola pía de Muros. A súa iniciativa pronto foi asumida pola corporación Municipal de Muros, que naquel entonces estaba presidida polo alcalde Don José Agra Lago. O Concello subvencionou a iniciativa do mestre, dotando a Banda dos instrumentos necesarios.
A Banda comezou a súa andadura con moita ilusión i esforzo. O seu director, Don Valentín, era o único que sabía de música. O resto dos compoñentes aprenderon de memoria as pezas. A mais famosa e popular foi o pasodobre, que na súa letra dicía: <Por favor, por favor, dame un beso y verás>, e que fora popularizada por Franz Lehar na súa opereta de 1909 <El Conde de Luxemburgo>.
Con moito esforzo aprenderon de memoria catro ou cinco pezas, que ían tocando a cantos sitios saían. A forza de ensaio tempo, chegaron a ter once pezas no seu repertorio. Atrevéronse a levaron a súa música ata Corcubión, Finisterre, Santa Comba, Serra de Outes e Santiago, ademais de participar en canta festa profana ou relixiosa se celebraba dentro do termino municipal de Muros. Tamén participaron nun certamen en Pontevedra, obtendo un premio.
Como anécdotas podemos citar que a corporación de Muros en sesión de catro de maio de 1913 acordou dar a banda, cen pesetas por tocar á chegada do señor Bispo Auxiliar de Santiago, Don Ramón Fernández y Balbuena, o día 25 de abril do mesmo ano, ou aquela de cando un día de San Pedro de 1912. o alcalde de Muros, Don Manuel Dubert, ordenou a banda que se retirase da procesión, por non haber sido invitada a Corporación a participar na procesión do Patrón, e outra na que a banda celebrou por primeira vez a festa dos músicos (Santa Cecilia), na parroquial de Muros, o 22 de novembro de 1909. Na misa da celebración da patrona tamén actuou un coro de mulleres que dirixía Don Valentín.
Aquela banda, que comezou con uns cantos aficionados, chegou a ter unha plantilla de trinta. Pese a tódolos esforzos do seu director, a banda rematou as súas actividades no ano 1915.
Os mais coñecidos, e primeiros compoñentes, foron: Valentín; Benigno Castiñeira; Severo Bazarra; Joaquín Tenorio; Manuel Ramos o Santeiro; Jesús Pérez do Raposiño; Pedro Agulla; Lourenciño; Paparolo; Juan Bueno… Ahí van os nomes dos compoñentes, según os datos facilitados polo señor Juanito Pedrosa:
Flauta: Manuel García.
Flautín: Paquito Agrafojo.
Requinto: Xelo de Penan.
Clarinete: Francisco Iglesias/ Heriberto
Mosquera/ Juan González/ Pepe Caamiña/
Ramón Pereira/ Santiago Dosil.
Cornetín: Francisco Pérez/ Peregrino
Caamiña/ José Malvarez.
Fliscorno: Pedro Agulla/ Valentín (o director).
Saxo alto: Elías García/ Pepe Longa.
Saxo tenor: Juan Varela.
Saxo barítono: Tomás de Campo de Cortes.
Trombón: Paco Pérez/ Manuel González/
José Campos/ Juan Ballesteros.
Trompa: Argimiro Caamiña.
Bombardino: Juan Figueroa.
Baixo: Alejandro Castiñeiras e
Antonio Lestón.
Bombo: Bernardo Lago.
Platillos: José Benito Lariño.
Caixa: Juanito Pedrosa.
Ruidos: Manuel Siaba.