p/Marcelino García Lariño
Que feliz era soñando que estaba coa muller nunha romaría campestre, todo engaiolado, cun traxiño claro como un sol, noviño do trinque que para esta festa estreara.
Despois de xantar, a miña Muller díxome:”vai lava-los pratos á fonte”. E fun. Abrín o torno e a fonte botou un chorro de líquido negro que non era auga, que me puxo o traxe perdidiño de vez.
Eu berrei. E ós berros acudiron a miña muller e outros moitos romeiros. Ela, coma decote, deu en rifarme por estragar non só o traxe, senón a roupiña toda. Entrementres o resto da xente brincando de ledicia, gritaban: “¡Petróleo! ¡Petróleo!
Efectivamente, non se enganaran: era petróleo, auténtico petróleo xa refinado, do bo, do mellor de todos. Estabamos ricos. Pero a miña muller, que nunca se convence de nada ata que vexa a cousa e a apalpe, para asegurarse ben de se era petróleo ou non, acendeu un misto, arrimoumo ó traxe e ¡pum!, unha laparada xigantesca, e espertei.
¿Sabedes cal fora a causa deste soño? Pois que antes de quedar durmido dixéralle á muller que esa noite subía, unha vez máis, o prezo da gasolina; e se os coches, coma o meu, andiveran con auga, aínda que tivera que ir buscala á fonte, non me importaría a suba. E ela, que en política non é coma min, non llas cala a ningún, moi enrabechada contestoume: “A este goberno había que queimalo”.
Quedei durmido con todos estes ingredientes dentro dos miolos, e, xa vedes o guiso que na miña cabeciña se formou: Unha explosión.