Morrer en Mauthausen

p/ Francisco Abeijón Núñez.

Morrer en Mauthausen foi o destino de milleiros de republicanos españois que fuxiron, unha vez rematada a guerra civil cara ao sur do territorio francés, donde malviviron en campos de refuxiados ata que Francia tamén sucumbiu ante Alemania no verán de 1940. Franco desentendeuse destes prisioneiros que quedaron como apátridas nas mans dos nazis e que acabarían en gran medida vestindo triángulo azul coa S de “spanien” cosida no uniforme a raias do campo de exterminio de Mauthausen.
Picture8Mauthausen sería o triste destino de dous esteiráns. Un de nacimento -Eduardo Romaní Abeijón- e outro de adopción –Ramón Bargueño- natural de Recas na provincia de Toledo e casado en Francia con Fina de Constanta de Uhía. Para os que pido, aproveitando a atalaia que me brinda The Muros Times, o merecido recoñecemento como loitadores antifascistas que foron pola liberdade en Europa.
Sabemos da historia destes dous veciños de Muros gracias a que Ramón Bargueño deixou escrito un libro de memorias “Mauthausen ¡Nunca más!” no que relatou a súa amarga experiencia. E a que o traballo de José Viale Moutinho sacou da escuridade do descoñecemento aos prisioneiros galegos en Mauthausen.
Picture9Co inicio da segunda guerra mundial moitos refuxiados españois seguiron a súa loita contra o fascismo colaborando co exército francés principalmente destinados ao reforzamento da liña Maginot. E posteriormente foron abandonados polos franceses coa penetración das columnas alemanas. Estes rotspanier –roxos españois- foron considerados apátridas e transferidos aos campos de exterminio tutelados polas SS. Contábame Juán Romaní, que lle tocou fuxir por mar dende Levante ao norte de África, como cando caeron nas mans dos alemán en Biserta (Túnez) e os nazis lles preguntaron a Franco que facían con eles. O dictador español contestoulles que esa xente non era española e que zarparan cos barcos cara alta mar para alí afundilos. Pero esta é outra historia que debullaremos noutra ocasión.
Os prisioneiros españois foron distribuídos por campos de toda Europa, dende a illa de Aurigny -fronte ás costas normandas-; aos de Centroeuropa, Dachau, Flossenburg, Oranienburg, Ravensbrück, Buchenwald e Mauthausen. Ou mesmo ata os campos do deserto norteafricano, Djelfa e Djenien-Bourerezg. Segundo todos os estudios o campo no que se deu unha maior concentración de españois foi no de Mauthausen.
O campo de Mauthausen foi aberto en 1938 para a explotación con prisioneiros dunha canteira próxima pola empresa das SS “Deutsche Erc und Steinwerke GmbH”. Un dos primeiros traballos dos españois foi a construcción da coñecida “escaleira da morte”, son 186 escalóns que van do campo central ata a canteira. Os estudios publicados indican que o primeiro convoi de españois chegou ao campo o 8 de agosto de 1940 e cuantifican cáseque sete mil víctimas. Aínda que hai estudios que falan de máis de dez milleiros os españois falecidos en Mauthausen.
Ramón Bargueño Gómez (Recas (Toledo), 31/08/1916 – Bicètre (Val-de-Marne), 05/03/2003), coñecido en Esteiro polo francés que estaba casado con Fina de Constanta posto que viñera daquelas terras, pasou en Mauthausen cinco anos da súa vida dende o 3 de novembro de 1941 ata o final da segunda guerra mundial o 9 de maio de 1945. No seu libro non venal de memorias contounos como sobreviviu gracias a que estivo no posto de ordenanza dos calabozos. Serviuse deste privilexiado posto para agachar as fotografías que facía Francesc Boix e que a cabo serviron como proba da barbarie dos nazis en Nuremberg ao remate da segunda guerra mundial no xuízo internacional que se seguiu contra os principais dirixentes nazis.
Está acreditado que a maior parte das víctimas españolas de Mauthausen morreron en Gusen. O campo de Gusen está situado a cinco quilómetros do campo central e foi aberto en decembro de 1939 con internos procedentes de Dachau. Despois incrementouse co envío de presos de Mauthausen aos que lles dixeran que sería como «un hospital de curas». Pero a realidade sería moi diferente e hai constancia que en 1941 morreron catro mil prisioneiros españois no campo KZ Gusen I.
Entre os prisioneiros que falecerían no verán de 1941 estaba Eduardo Romaní Abeijón (Esteiro 16/04/1915, Gusen 08/07/1941). Este esteirán que no momento do seu desgraciado pasamento contaba apenas vinteseis anos nacera na ‘casa do chisco’ , no número 17 do lugar de Solleiros. Como me transmitiu nunha conversa o señor Francisco Tobío Abeijón da Inxuela, quen con máis de noventa anos mantivo unha lucidez verdadeiramente envexable ata o seu falecemento. O señor Quico lembraba como o rapaz ‘Eduardo do camboñán’, que tiña o apelido Romaní por parte da familia dos Fielos. Era o último dos seis irmáns (María, Dolores, os xemelgos Xosé e Xoaquín, Camila e Eduardo) fillos do matrimonio formado por Francisco Romaní López e María Abeijón Figueiras. Lembraba como Eduardo traballou de axudante na botica que en Creo rexentaba por aquela don Octavio Roldán Cortés .Como foi mobilizado para a guerra civil no seu remplazo e como se falara que desaparecera na fronte; e máis nada se sabería no pobo de Esteiro sobre a súa vida. Cando lle dixen que morrera a principios dos anos corenta nun campo de exterminio do terceiro reich alemán, o señor Quico repetía polo baixo con un certo aire de melancolía e en referencia a súa afinidade ideolóxica «Éramos da mesma auga…aínda que non amigos, posto que el era algo máis novo ca mín…pero éramos da mesma auga…».

Anuncios

Acerca de themurostimes

“THE MUROS TIMES” non se responsabiliza nin se identifica coas opinions verquidas por parte dos seus colaboradores nos materiais publicados.
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s