O muradán José Manuel Bermúdez presentará axiña a seu cuarto libro. Unha novela histórica ambientada na Gran revolta irmandiña de 1.467, o maior acontecemento social ocorrido en Galicia na idade media.
A novela, escrita en galego, conta a historia dun labrego da comarca ferrolá, chamado Valente, que despois de ser visitado polos sicarios do nobre Andrade, esixíndolle entregar un terzo da colleita como pago dos impostos, e ante a imposibilidade de facer fronte a tal demanda, decide desprazarse a Pontedeume para solicitar do nobre un aprazamento. Un amigo da infancia, que lle da acubillo na súa casa durante a súa estanza na vila do Eume, disuádeo de visitar a Fernán Pérez, e convénceo para tomar parte nunha gran revolta que se está a organizar para acabar cos abusos dos señores donos daquelas terras.
A animosidade que esperta aquel plan no idealista labrego, faino incumprir cunha promesa que lle fixera a súa muller. Esta, temendo que lle ocorrese algo ao seu marido, decide ir a buscalo, sendo asaltada no camiño por unha caterva de mozos bébedos, que, despois de agredila e violala, asasínana e foxen en busca de protección no pazo dos Andrade.
Valente, quen se encontra coa súa muller morta no camiño de regreso, implicase emocionalmente naquela loita, co obxectivo de atopar e matar aos asasinos da súa dona. Alistándose no exército irmandiño, dedicará varios anos da súa vida a loitar contra a nobreza galega, sen deixar nunca de perseguir o seu obxectivo de vinganza.
Na novela mestúrase a ficción cos acontecementos históricos que se deron en Galicia entre o 1.465 e o 1.472. Centrando especialmente a narración no bienio da revolta e dominio irmandiño, dende o 1.467 ata o 1.469, e na contra revolta posterior, dende 1.469 ata o 1.472, coa recuperación do poder e dos seus territorios polos nobres anteriormente derrotados. Se ben, mediante recensións retrospectivas, se alude a sucesos anteriores, levando a historia a tempos pretéritos, antes incluso de nacer o protagonista, desenvolvéndose a trama ao longo de toda a súa vida, durante a cal suceden unha serie de acontecementos e cambios na sociedade galega, que afectan directamente ao personaxe principal, e a aqueles amigos, veciños e familiares que o rodean.
Os protagonistas de ficción e as súas vivencias comparten argumento con personaxes e feitos reais, o que fai desta obra unha interesante elección, tanto para unha lectura ociosa como consultiva.
A novela está dispoñible en formato dixital para Kindle, en Amazon. E está xa en proceso de edición, polo cal axiña estará dispoñible tamén en papel, editada pola editorial Círculo Rojo.
No mes de marzo será presentada polo autor en Buenos Aires, xunto a súa anterior novela, “Mucho antes de ser mujer”.
Bermúdez espera poder presentala xa en Galicia no mes de maio ou de xuño, e case con seguridade en Santiago de Compostela.
Sinopse do libro.
Na segunda metade do século XV, as clases baixas e medias de Galicia estaban a sufrir unha situación de inestabilidade e carencias que alimentaron, durante anos, o descontento xeral e os desexos de xustiza dos menos favorecidos. Aos períodos de malas colleitas por mor da falta de choivas, sumábanselle os abusos da aristocracia, e a inseguridade que supoñían os salteadores e criminais, que actuaban baixo o amparo dos nobres e do alto clero. O descontento do pobo estoupou finalmente, na primavera de 1.467, nunha gran revolta popular coñecida como “A Gran Revolta Irmandiña”.
Naquel contexto social, un labrego chamado Valente Bolaño, coñecido como “Valente de Covas”, alistouse no numeroso exército popular en busca de liberdade e vinganza. Ao longo de varios anos Valente había ser protagonista, tanto dos satisfactorios logros acadados na guerra, como de desoladoras perdas persoais.
Acadada a vitoria, pouco durou aquel tempo de paz e xustiza, xa que unha contra revolta dos nobres, ansiosos por recuperaren o poder e os seus territorios, desencadeou un novo enfrontamento. Valente retomou, unha vez máis, as armas para defender a liberdade conquistada e ultimar, de paso, o seu inconcluso desquite.
Biografía do autor
José Manuel Bermúdez nace en Muros, (A Coruña) o 7 de decembro de 1.957. Con apenas 3 anos emigra coa súa familia a Buenos Aires, onde se desenvolve a súa infancia e cursa os seus estudos. Con 15 anos retorna a Muros, ao terminar o servicio militar, con vinteun anos, emigra novamente, esta vez a Suiza, onde escribe os seus primeiros poemas e relatos, os cales non chegou a publicar.
En 1.985 vai vivir a New York, retornando definitivamente a España en 1.989. Publica o seu primeiro libro en 2.012, (De la luz a las tinieblas. Editorial united p.c). En 2.013 publica o seu segundo traballo, unha recompilación histórica sobre o concello de Muros, (2.0 Editora). En agosto de 2014 editase a súa segunda novela, titulada Mucho antes de ser mujer, (Finisterrae Ediciones).