p/ Inés Monteagudo Romero, Técnico de inspección e promoción
Agader
O reto máis importante que ten a UE para este novo período de programación é saír da crise e retomar o camiño do crecemento sostible. Para iso precísanse unhas finanzas públicas saneadas, reformas estruturais e investimentos a prol do crecemento e a mellora do emprego.
A Estratexia UE 2020 vai dirixida a acadar unha economía intelixente, sostible e integradora, que se supón vai xerar emprego, produtividade e cohesión social. Así, neste novo período o FEDER, o FSE e o FC teñen como obxectivos o “Investimento en crecemento e emprego” e a “Cooperación territorial europea”, neste caso só o FEDER.
Os fondos estruturais e de investimento europeos (Fondos EIE) inclúen en España, para o período 2014-2020, o fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER, o fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural FEADER, o fondo europeo marítimo e da pesca FEMP e o fondo social europeo FSE. Os fondos EIE teñen como obxectivo promover a competitividade e a converxencia de tódolos territorios e son un instrumento esencial para facer fronte aos retos do noso pais, restablecendo e aumentando o crecemento e garantindo unha recuperación que xere emprego.
Para acadar estes obxectivos búscase a coordinación entre os fondos, evitando solapamentos, e tratando de acentuar os efectos positivos a través das sinerxias. Neste camiño a Comisión propón un Regulamento de disposicións comúns, que persigue intensificar a coordinación, para concentrar os recursos en acadar os obxectivos da estratexia UE 2020. Así estableceranse uns obxectivos temáticos comúns, unha planificación e mecanismos de execución máis coherentes, unha reserva de eficacia, e unhas normas de subvencionalidade máis simplificadas, entre outros elementos. O FEDER e o FEADER contribuirán a tódolos obxectivos temáticos, incidindo nos ámbitos nos que actúan as empresas e na prestación de servizos; o FSE atenderá ao emprego e a mobilidade, a educación, competencias e aprendizaxe permanente, promoción da inclusión social e loita contra a pobreza; o FEADER terá como obxectivo o crecemento intelixente, sostible e integrador nos sectores agrícola, alimentario e forestal, así como as zonas rurais; o FEMP centrarase na viabilidade e competitividade da pesca e da acuicultura, promovendo a cohesión social e a creación de emprego nas comunidades dependentes da pesca, diversificando a actividade cara outro sectores marítimos.
Os traballos de programación da política de cohesión inclúen un Acordo de asociación de España, e os Programas operativos nacionais.
O Acordo de asociación é un documento nacional, no que se expón a estratexia e as prioridades de investimento dos fondos. Para elaborar a estratexia faise unha análise da situación, incidindo nas disparidades existentes entre as distintas rexións, nas oportunidades de crecemento e debilidades, nas diferentes áreas de investimento que identifican os regulamentos, e que son os obxectivos temáticos: Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; Mellorar o uso e a calidade das tecnoloxías da información e das comunicacións e o acceso a estas; Mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, do sector agrícola (no caso do FEADER) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP); Favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores; Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e a xestión de riscos; Protexer o medio e promover a eficiencia dos recursos; Promover o transporte sustentable e eliminar os embotellamentos nas infraestruturas das redes fundamentais; Promover o emprego e favorecer a mobilidade laboral; Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza; Investir na educación, no desenvolvemento das capacidades e na aprendizaxe permanente; Mellorar a capacidade institucional e a eficiencia da Administración pública.
Pola súa banda os traballos do Programa operativo lévanse a cabo respectando o principio de partenariado e gobernanza multinivel; é dicir, están involucradas as autoridades públicas dos diferentes niveis da Administración española (hai un programa operativo por comunidade), e os axentes económicos e sociais.
Se nos dan oportunidade, iremos desenvolvendo estas primeiras apreciacións e analizando as repercusións que estas actuacións van ter na nosa economía.