p/ Manuel Lago Álvarez
A igrexa parroquial de Muros conserva no seu interior, en diferentes lugares do templo, un conxunto de doce cruces gravadas en pedra. Non é fácil velas porque tampouco é moi coñecido o seu significado.
Chámanse “Cruces de Consagración” a cada unha das doce cruces unxidas co óleo sagrado (crisma), dispostas no interior dunha igrexa ou catedral durante a cerimonia da súa consagración polo bispo diocesano. As doce cruces representan aos apóstolos como piar da Igrexa e para a maior gloria de Deus.
De ordinario, estas cruces, en si, poden estar pintadas, ser de de metal, gravadas ou talladas nos seus soportes, sexan muros, piares ou columnas. Normalmente, diante de cada cruz situábase un candelabro de consagración, para que lucira alí unha candela no aniversario da consagración. As cruces representan un dos mais importantes signos da santidade da Igrexa.
As cruces muradanas están distribuídas gardando unha simetría singular. Oito, a dereita e esquerda, sobre os capiteis dos arcos góticos; dúas no presbiterio, na parede este, e as outras dúas no fondo do templo, no interior da fachada oeste, a ambos lados da porta principal. As cruces, gravadas nos sillares, son do tipo “ensanchada ou patada”, incrustadas nun círculo cóncavo.
O templo de Muros, que foi rematado no ano 1400, como así o acredita a inscrición que hai nunha das portas laterais, debeu ser consagrado polo Arcebispo de Compostela, e Señor de Muros, Don Lope de Mendoza. A inscrición a que me refiro, completada e traducida polo historiador López Ferreiro, indica na súa primeira liña: “O ARZOBISPO DON LOPO A MANDOU FACER E FEZ”. Dudosamente puido o Arcebispo Don Lopo ordenar construír o templo e rematarse no 1400, porque o citado Arcebispo, foi nomeado no ano 1399, durando o seu pontificado ata o ano 1445, pero en todo caso, si puido o bispo consagrar o templo.
A cerimonia de consagración non foi documentada, pero non debeu diferir moito da consagración da Catedral de Santiago, (21 de abril de 1211), e na que tódolos presentes deron tres voltas o exterior do templo con cánticos e oracións antes de acceder ao templo, seguindo a cerimonia con unha procesión por dentro do templo, onde estaban as cruces, que foron unxidas e bendicidas polo bispo da diócesis.