p/Marcelino García Lariño
O matrimonio formado polo señor Pepe de Funguiños e a señora Consuelo a Pataqueira, era, fórao sempre, unha maridaxe moi avida. Esta parella tan harmónica e con fillos, decote viviron o un para outro en perfecta e amorosa unión.
O señor Pepe de Funguiños, era moi leal e moi meticuloso nas súas cousas. Ela, a súa muller Consuelo a Pataqueira, moi honrada e boa muller por certo, co tempo foise facendo un chisquiño máis, non avarenta, que non se pode dicir que o fose, pero si un pouquiño cutre.
Ó cabo dos anos, xubilados e xa vellos, a enfermidade foi pouco a pouco minando a saúde do Fuinguiños. Chegou un intre que o vello decatándose de que a cousa non ía ben, díxolle a súa dona, á Pataqueira:
–Mira: Cando eu falte, lémbrate que Mingos o Pitacho débeme mil douscentos euros.
–Tranquilo, noso Pepe, que non se me esquecerá –respondeulle ela, e era ben certo que non se lle esquecería.
Pasaron unhas horas, e outra vez o vello Funguiños chamou por Consuelo para dicirlle:
–Que non se che pase tampouco que a Antonio o Fidalgo presteille mil oitocentos euros e aínda ten todos alá.
–Despreocúpate, noso Pepe, que non se me vai da cabeza–. E era ben certo que no se lle ía.
¡Ouh!. Pero cando o Señor Pepe lle dixo:
-Pagaraslle tamén ó señor Bernardo o Coxo trescentas sesenta euros que lle quedei a deber cando lle marquei o alzadeiro.
A señora Consuelo, a Pataqueira, que en canto a ter que pagar non entendía moito, para que ninguén se apercibira, chamou a berros polos fillos, dicíndolle:–Ide buscar ó cura que Pepe mórrenos. Xa non sabe o que di.