Nos anos setenta de Sempre en Galiza: Castelao e o idioma

p/ Henrique Monteagudo

Como é sabido, no ano en curso celebramos a publicación en Bos Aires da obra Sempre en Galiza, de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Un libro escrito durante os terribles anos da guerra e do exilio, e que viña a lume en 1944, despois de que o seu autor, perseguido polo franquismo, se vise obrigado a pedir refuxio en Arxentina, onde os emigrantes galegos o acolleron como un auténtico heroe. Tense dito moitas veces que Sempre en Galiza constitúe o testamento dunha xeración. Sen dúbida, éo, como expresión do conxunto de ideais que moveron a esa xeración e como relato testemuñal do seu desempeño nos eidos político e cultural e, particularmente, dos esforzos que fixo pola defensa e ilustración do idioma. Neste imos centrar o noso breve texto conmemorativo.

Picture4O galeguismo do período rexionalista, encabezado por Manuel Murguía, reivindicara o galego como idioma nacional. A xeración de Castelao –a das Irmandades da Fala, da revista Nós e o xornal A Nosa Terra, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista–, tirou as consecuencias prácticas desa reivindicación. O seu obxectivo neste terreo non foi outro que o da modernización do idioma. Un idioma que fora soamente popular e falado, e que os grandes escritores do século XIX dignificaran mediante o cultivo poético, pero que para ser nacional e moderno tiña que ser tamén empregado como lingua da conversa culta, da correspondencia epistolar, da conferencia e do mitin, da prensa e do libro didáctico, da novela e do relato de quiosco, da escola, a igrexa e a administración, do comercio e da industria. Un idioma que tiña que acompañar o cambio social e non quedar á marxe del.

Para tanto, había que crear a prosa en galego: a prosa da oratoria, do artigo xornalístico, do ensaio. Todo un formidable desafío. Sempre en Galiza supón a culminación desa extraordinaria empresa: velaí o galego contemporáneo, cicelado con habelencia de ourive para facer del un medio de expresión sutil, versátil, flexible, que serve como vehículo eficaz, elegante e expresivo para dar forma un discurso intelectual complexo, de amplo alento, sobre moi diversas problemáticas do noso país e do noso tempo. Así, Sempre en Galiza, colección de artigos, ensaios, disertacións, contén algúns dos textos non só máis interesantes senón tamén máis fermosos que se escribiron e probablemente se escribirán no noso idioma (lean por caso os magníficos capítulos do Adro) e, entre outros, recolle a oración máis garrida que se proferiu no noso vello romance occidental: “Alba de Gloria”. Miñas donas e meus señores, créanme: en galego nunca tal se vira, nunca tal se oíra.

Picture5Sempre en Galiza condensa tamén toda unha cultura da lingua, o universo de coñecementos, crenzas e aspiracións, incluso dos mitos e fantasías, que a xeración de Castelao teceu arredor do idioma. Unha cultura da lingua que o propio autor contribuíu decisivamente a forxar, e que na obra se nos presenta, claro está, peneirada polo seu particular punto de vista. O galego como idioma nacional, expresión da psicoloxía colectiva distinta e orixinal dun país diferenciado. O galego como vehículo da lírica trobadoresca medieval, expresión xenuína do xenio lírico e satírico da nosa xente. O galego como idioma arrastrado á escuridade e impedido do seu desenvolvemento pola intrusión do castelán. O galego como idioma hespañol (con <h>), non menos hespañol ca o castelán. O galego como pai do portugués, co que algún día deberá reencontrarse. O galego como idioma popular, título suficiente –máis que suficiente– para reclamar a súa dignificación.

O galego, en fin, obra de arte colectiva, creada por aquela “infinda moitedume de luciñas e vagalumes –tal como se afirma en “Alba de Gloria” –, que representa o que nós fomos, o que nós somos, o que nós seremos sempre, sempre, sempre: o pobo, que nunca nos traizoou, a enerxía colectiva, que nunca perece, a esperanza celta, que nunca se cansa”. Pero o idioma non é só un legado, unha herdanza do pasado, é sobre todo unha tarefa en andamento, unha fonte de enerxía creativa para construírmos o porvir: “¿Qué diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateos. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte ; é matriz inesgotable de obras de arte” (Sempre en Galiza).

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en A nosa Lingua y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s