Filósofo de pés a cabeza

p/ Marcelino García Lariño

Un venres, día de mercado na vila, empeñouse a miña muller que a acompañara para mercarme calzado que, segundo dicía, non tiña que poñer nos pés. E maldita falta me facían, pero xa sabes como son as mulleres: ten que ser o que digan elas.
Despois de facerme probar coma uns vinte pares non lle gustou ningún e quedei sen eles , que era o que xa esperaba, aínda que os cartos gastounos igual porque mercou uns dos máis caros para ela, que era ó que ía. Os meu era o pretexto.
Picture12Despois do catano que levei, arroubeime alí, nunha esquina da Praza do Cristo, pretiño dunha desas tendas ambulantes, mentres ela percorría por entre unha multitude que non se cabía, tódolos tenderetes habidos e por haber.
Nesto veu un homiño barbudo, esguedellado, moi mal amañadiño, coa roupiña chea de remendos, apoiándose nun cadolo a modo de caxato. Pendurada dun ombreiro levaba unha bolsa (talvez unha esmoleira) e un garabullo moi limpiño na man.
Aquel home alto, pero xa decrépito.enxoito e tipo de mal pasar, tiña un algo, un non sei que, que lle daba certa personalidade, coma si dixéramos unha fasquía de suxeito intelectual, de pensador, de home sabio.
O ancián achegouse ó tendeiro, mostroulle o garabullo que levaba na man, e díxolle:
–Quero uns zapatos desta medida.
–¿Por dentro ou por fóra? –preguntoulle o expendedor.
–¿Como que por dentro ou por fóra?
–Se a medida esta é por dentro ou por fóra do zapato –contestoulle o vendedor. E o individuo con aspecto de erudito, de ilustrado, de moi malos modos recriminouno dicíndolle:
–Vostede non sabe comercial nin ten zorra idea do que son as finanzas. Vostede non é vendedor nin farrapo de gaita. Pero a culpa non é súa, non. A culpa é do que lle permite pór o negocio nunha vía pública.
E foise rosmando mesturándose entre aquel xentío que abarrotaba a praza.
Cal non sería a miña sorpresa, cando ó pouquirrichiñoo fóiseme a vista ó outro ángulo da praza e vexo o bo do vello que tiña traza de douto, de instruído, que estaba co mesmo garabullo na man noutro telderete probando unha gorra de viseira. Coma un lóstrego botei a correr por entre a turba que naquel intre atestaba a Praza do Cristo, e cando cheguei dábanlle a volta dos cartos dun sombreiro que acababa de mercar e que el estaba poñendo na cabeza. Díxenlle:
–Hai un pouco, vostede quería mercar uns zapatos; e agora mercou un sombreiro.
E con moita parsimonia, non exenta de filosofía, miroume desprezativamente de arriba a abaixo, e deume esta contestación, a que non fun quen de darlle resposta:

–¡E que outra cousa son os sombreiros senón o calzado da cabeza!

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en Contos e Lendas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s