p/Henrique Monteagudo
Nunha entrega anterior de The Muros Times publicábamos un precioso poema en galego de Rosalía de Castro, “Dinche o corazón na man”, que acabábamos de rescatar do esquecemento. Durante estes meses pasados seguimos buscando nos arquivos, tanto da Real Academia Galega coma doutras institucións, e demos cun curioso feixe de textos que axudan a coñecer unha faceta pouco estudada da nosa magnífica poeta: a recolla de cancións, poemas e ditos populares. É ben sabido que o seu primeiro libro poético en galego está inspirado, como indica o seu título Cantares Gallegos, no cancioneiro popular. A maior parte dos poemas deste libro están construídos a partir dunha cantiga do pobo que Rosalía oíra e recollera. A través dos materiais que estamos exhumando nos arquivos, imos sabendo máis do labor que Rosalía desenvolveu na recolla de materiais poéticos saídos da canteira popular. Quizais algúns non foron publicados antes porque teñen un contido un pouco inconveniente, pero nós entendemos que cómpre dalos a coñecer, desculpando o que poidan ter de malsoante polo seu indubidable carácter humorístico.
Díxose moitas veces que o xenio popular de Galicia era por unha parte lírico (de aí a saudade e a morriña) e doutra parte satírico e festeiro (de aí a retranca). Rosalía de Castro, aínda que pasou á posteridade sobre todo como unha poeta doente, e certamente moitos dos seus textos son sublime expresión do sufrimento, a angustia e a desesperación, tamén foi unha poeta rebuldeira, capaz de expresar con inigualable colorido a alegría das festas populares, por exemplo, da romaxe á Virxe da Barca (onde, por certo, como todo o mundo sabe, pinta un engaiolante retrato das muradanas). Se no lindísimo poema que publicamos hai uns meses, “Dinche o corazón na man”, brillaba a súa excelsa faceta lírica e sentimental, nos dous textos que presentamos hoxe –que, insistimos, non escribiu ela, senón que recolleu da xente do común– brinca, irónica e rexoubeira, unha menos coñecida e celebrada faceta humorística. Riamos, pois, un chisco con Rosalía de Castro, que boa falta fai.
Anque fun ben, xa che fun,
anque che fun, xa non son
anque gastei charretes
hoxe gástoche calzón.
Calzóns roxos, pucha branca
socos furados, faixa ancha,
e anque levo feridas no peito,
a falar delas non teño direito,
que has de saber, miña pícara nova
que quen foi e non é,
é como si non fora.
(Arquivo da Real Academia Galega)
* * *
Veu o demo ó mundo
subeu a un cereixo,
nunha ponla púxose
co rabo direito.
Non comeu pouquiñas
-n’ hai tal coma eso!-
que c’as carambaíñas
quedoulle o cu teso.
“Veiga o demo a froita!”
El iba dicindo,
e a xente do mundo
quedóuselle rindo.
E chegou ó inferno
e colleu un fuso
que, anque non fiaba,
tíñalle bo uso.
Morreu o primeiro
que del se ría
e chegou ó inferno
e así lle dicía:
“Quen fixo burla no mundo
xa mandou o Padre Eterno
que cando a aquestoutro chegue
lle escaravelle o cu ó demo”.
(Arquivo da Deputación da Coruña)