p/ José Manuel Formoso Luces (Porrúa)
Coa morte no ano 1857 do último Prior da Colexiata D. Ramón Gómez de Reloba, Muros tivo por párrocos a Don José Blanco (encargado polo Arcebispo); Don Francisco Bretal (franciscano exclaustrado); Don Pedro Antonio Rodríguez (primeiro párroco por oposición); Don José García Hervilla (cura ecónomo); Don José Baldomero Callón (cura párroco); Don José Lamela Penela (cura ecónomo); Don José Souto Iglesias (cura párroco); Don Joaquín Malvarez Dubert (ecónomo, de abril de1922 a 1930); Don Ramón García Longo (cura párroco entre 1930 e1966, Don Casimiro Torres Pombo entre 1966-2008 (falecido en 2014), e na actualidade a Don Alfonso Mera Nogueiras, cura párroco dende o ano 2008.
Dos moitos coadxutores que pasaron pola nosa parroquia non se dispón dunha lista expresa que faga referencia aos seus nomes e o tempo que pasaron entre nós, sen embargo as xentes de Muros gardan na súa memoria e con moi grato recordo, a moitos deles. Un dos recordados é Don Manuel Castiñeira Rodríguez. Este home, nacido no concello de Laxe no ano 1927, foi ordenado sacerdote polo Cardeal-Arzebisbo Don Fernando Quiroga Palacios o 28 de xuño de 1953, o mesmo día en que tamén foi ordenado Don Casimiro Torres Pombo. Don Manuel, despois de descansar uns días coa súa familia, foi nomeado como coadxutor da nosa parroquia o 15 de xullo.
A Muros chegou de noite. O baixarse do autobús dirixiuse a casa reitoral, onde o párroco Don Ramón García Longo tras invitalo a cear levouno a casa das “Picas”, que estaba enfronte da igrexa parroquial e onde era costume de aloxar aos sacerdotes que colaboraban co párroco. O novo coadxutor sinteuse moi acollido polas tres irmás Leis Castellat, Manuela, Juana e Lola. Días despois coñeceu a Don Manuel Fiúza (o marido de Pepita Hermosa), que era o director da Caixa de Aforros con quen entabloú unha boa amizade.
A diferenza de idade entre o cura novo e o párroco Don Ramón, fíxose notar de inmediato. Don Ramón tiña xa 80 anos e o xoven Castiñeira, 26. Don Ramón levaba xa cincuenta e seis anos de cura e o coadxutor, 18 días. A xuventude de Don Manuel axudou moito a que a xente xoven de Muros estivera moi contenta co cura novo.
No pouco tempo que estivo entre nos (de xullo a decembro de 1953) uniu en matrimonio a oito parellas e escoitou a súas primeiras confesións, amais de axudar ao párroco en todo canto necesitase. Sobre o tema das confesións foi moi sonada en Muros, anécdota que lle aconteceu con unha parroquiana; anécdota que el contaría anos despois, pero que xa era conocida na Vila. Aconteceu que o párroco lle asignou un dos confesionarios para que namentres el celebraba misa o coadxutor escoitase en confesión a quen quixera facelo. O caso foi que o novo cura nunca antes escoitara en confesión a persoa algunha.(apenas facía vinte días que era sacerdote). Un pouco nervioso acercouse ao confesionario asignado a alí acercouse unha muller. Unha vez rematou, e despois da misa, xa na rúa, unha veciña díxolle: ¿ves de confesarte co cura novo ?, ao que respondeu: “Si, a primeira de todas lambina eu ¡”. Don Manuel dicía: “supoño que pensaba que era a primeira confesión en Muros, o que nunca soubo foi que tamén era a primeira da miña vida”.
Don Manuel recibiu en decembro de 1953 o nomeamento de ecónomo da parroquial de Santa María de Cee e en 1955 de ecónomo de Carril. Anos despois,(en 1965), foi nomeado párroco de A Estrada, onde faleceu en 2008 aos 81 de idade, despois de exercer durante case 40 anos como pastor daquela comunidade.