p/ Manuela Tajes.
Despois de levar tantos anos vivindo en USA, dinme de conta que querendo ou sen querer, as costumes da sociedade americana pasaron a formar parte da miña vida. Xa o di o refraneiro: “alí onde estés, fai o que ves”. E tanto que oubo que facelo, pese a que os costumes eran moi diferentes. Pero a algo o que non me acostumei totalmente foi ás comidas americanas sen darlles un toque galego.
Intentar escribir sobre o cociña norteamericana e case un imposible. A multiplicidade de culturas que confluíron en USA ao longo da súa historia deron de si moreas de formas de cociñar un mesmo produto. Hai que ter en conta que en España hai unha imaxe un pouco distorsionada da comida americana, pois non todo e “fast-food” (comida rápida). Nas Américas tamén se cociña con calma, pero hai que darse conta que aínda cociñando con produtos coñecidos en España os sabores non son iguales. O americano é un ávido experimentador tal vez polo feito de que a súa propia cociña está emparentada culturalmente con tantas outras. O americano que viaxa ao exterior non vai buscar o que deixou senón que ao encontro de novas sensacións culinarias e ese aprecio ao diferente fai que nas súas cidades máis cosmopolitas o mapa de sabores sexa case infinito. Tamén lles encantan os postres que tenden polo xeral a ser demasiado doces. Iso débese talvez a que dende o tempo das colonias a fabricación do ron significaba un exceso de residuos en forma de xaropes que non tiñan outra aplicación máis que a de adozar certos produtos alimenticios
xa fosen cárnicos ou de repostaría.
Unha costume que se exportou a España é o brunch, (Breakfast-lunch) que consiste en facer un almorzo moi forte a iso das 12 do mediodía un domingo ou un sábado. Adoita ser un só prato que normalmente ten ovos revoltos, mashed potatoes (un puré de patacas riquísimo) ou o hash browns (que é como unha tortilla de patacas, pero sen ovo), pero pode ter tamén peixe, carne, salchichas, etc. Non é un prato moi forte, pero tampouco son os típicos revoltos con touciño entrefebrado. Quedar con amigos para tomar o brunch e logo ir ao cine é unha actividade tan habitual como en España quedar a tomar unhas tapas e logo ir a comer.
Como dicía ao principio, as comidas americanas non son do que máis abuso, pero non por discriminación, senón máis ben polo lastre cultural que levo conmigo. Na casa facemos a comida ao estilo de Muros. Caldeiradas, empanadas, cocido, guisos, arroces, e un longo etcétera, conforman a nosa carta e cando temos na casa invitados americanos, a nosa comida gústalle moito, pero tampouco renunciamos a algúns pratos moi americanos, que de todo hai que probar. Bo proveito ¡¡.