Entrevista María Xosé Alfonso Torres, candidata á Alcaldía de Muros por CxG.

En maio de 2015 vanse celebrar as eleccións municipais, Vde. se presenta como cabeza de lista do partido Compromiso por Galicia, contenos algo de seu perfil biográfico e humano.

O meu nome é María Xosé Alfonso Torres,máis coñecida como María Xosé da Caseira. Nacín en 1967 en Esteiro, no seo dunha humilde familia formada por un mariñeiro e unha “ama de casa”, e despois de vivir en varios puntos de Galicia por motivos laborais, instaleime definitivamente en Esteiro onde vivo co meu home, o meu fillo e a miña filla.

Despois de cursar EXB no colexio de Esteiro e BUP e COU nos institutos de Noia e Muros, a situación económica familiar fixo que tivera que traballar para poder facer frente aos gastos que inevitablemente conleva ir á Universidade.

Despois do duro paso pola facultade de Matemáticas e da superación da correspondente oposición,Imagen1 na actualidade son profesora de ensino secundario no IES Poeta Añón de Outes onde tamén ostento o cargo de Xefa de estudos de nocturno.

Tiven que pelexar duramente para acadar a situación de estabilidade familiar e laboral na que me atopo, ninguén me regalou nada, por iso a transparencia e a igualdade de oportunidades é algo que defendo con firmeza.

Porqué naceu en Vde. a vocación política?

Todo comezou en 2003 cando por insistencia dun bo amigo aceptei formar parte dunha candidatura municipal . Como consecuencia diso acabei formando parte da corporación municipal, o que me serviu para aprender o funcionamento do concello e para ser consciente do moito que se pode facer dende o goberno municipal pola mellora na calidade de vida dos meus conveciños e conveciñas.

Ser consciente do moito que se pode facer, do moito que hai que facer e de que realmente se pode gobernar “co pobo e ao servicio do pobo” é o que me motiva. Muros precisa un goberno que estea ao servicio da cidadanía muradá e que a respete, non un goberno que poña á cidadanía ao seu servicio e a humille.

Antes de ser candidato participou Vde. en movementos socias?

Presidín a ANPA do colexio Ricardo Tobío de Esteiro durante 6 anos que resultaron ser moi reivindicativos e nos que se acadaron importantes logros (transporte escolar, especialista de Audición e linguaxe, obras no colexio, actividades extraescolares novidosas,….) . Isto, xunto a colaboracións frecuentes con outras asociacións como a de veciños ou comunidade de montes danme un importante coñecemento do mundo asociativo e das súas necesidades.

Cómo foi o seu nomeamento como cabeza de lista ?

Resultei elixida co 100 % dos votos nunhas primarias abertas á cidadanía, unhas primarias nas que se podía presentar calquera persoa empadroada en Muros e nas que podía votar calquera persoa empadroada en Muros. En Compromiso por Galicia non só falamos de democracia participativa tamén a practicamos.

Un político, nace ou se fai?

Nacen persoas, e logo a súa traxectoria vital lévaas a desenvolver distintas actividades ao longo da súa vida. Algunhas persoas acaban adicándose á política, pero para min a participación en política é como a participación nunha asociación, no sentido de que debe ser para o ben común. Cando unha persoa pretende vivir da política ou a costa desta, mal asunto, porque entón , para esa persoa xa van ter prioridade as súas necesidades sobre as do ben común.

Ante os casos de corrupción, cal sería a súa aptitude?

De total rexeitamento, como a de Compromiso por Galicia. Para min é imprescindible a confianza en quen goberna, e esa confianza dificilmente se mantén coas persoas imputadas.

A corrupción é unha das peores lacras, pola inxusticia que supón que mentras uns pasan verdadeiras penalidades para cumprir coas súas obrigas legais, outros se enriquezan ilegalmente ou se apropien do que non é seu. Se é moi importante loitar contra as persoas corruptas, non o é menos loitar na prevención da corrupción, daí que neste caso haxa que poñer a venda antes que a ferida e establecer mecanismos que dificulten a aparición de prácticas corruptas.

Considera xusto que os emigrantes non podan votar nas municipais?

É un tema complexo, paréceme inxusto na maioría dos casos, xa é terrible que alguén teña que marchar porque aquí non pode traballar, como para que por enriba non poida facer uso do seu voto para procurar que a situación no seu concello mellora o antes posible para poder retornar.

Pero non me parece inxusto naqueles casos nos que a persoa emigrou hai moitos anos e apenas ten vínculo co noso concello. Hai que buscar medidas intermedias.

Qué necesita o noso Concello con mais urxencia?

Son moitas as necesidades do noso concello, pero o máis urxente é ter un goberno municipal que non malgaste cartos públicos en asesores que non solucionan nada e que xestione eficazmente os recursos humanos, materiais, patrimoniais e económicos do noso concello.

Necesita que a cidadanía estea correcta e respetuosamente atendida nas súas necesidades e necesita que se traballe en promoción económica (actividades formativas, traballo ás empresas do noso concello, valorización e promoción dos valiosos recursos turísticos que temos, coidado da ría,……)

Cree que a política estatal ten repercusións na política local?

Dende logo que si, as leis e normas estatais tamén se aplican a Muros. Por exemplo, a subida do IBI durante os anos 2012 e 2013 foi por decreto do goberno estatal, e o goberno municipal de Muros aproveitou esa subida para deixala permanente a partir do 2014.

Pero non só iso, é importante un goberno municipal que antepoña os intereses da cidadanía muradá aos do partido ao que pertence, o PP de Muros mantívose caladiño cando o xulgado de Muros corría risco de desaparecer por efecto dunha lei estatal, e a cidadanía muradá ten o mesmo dereito a un bo acceso á xustiza que a madrileña.

Porqué cree que os muradáns deben votala a Vde., e non a outr@ ?

Por moitos motivos. Porque represento unha nova forma de facer política baseada no traballo, na constancia, na responsabilidade, na participación da cidadanía e nunha boa xestión, algo que xa demostrei nas miñas áreas cando formei parte do goberno municipal e nestes catro anos na oposición.

Catro anos nos que fiscalizamos o labor do goberno criticando aquilo que nos parecía perxudicial para Muros (como o gasto en asesores ou a subida da contribución); fixemos propostas en positivo como o aproveitamento dos postos libres do mercado como viveiro comercial; e votamos as propostas dos outros grupos con responsabilidade, antepoñendo o beneficio que puideran causar aos intereses partidiarios (mentras PP e PSOE se limitaron a votar en contra das nosas propostas só por ser nosas, non porque non as consideraran necesarias e boas).

Si fora elexida, qué sería o primeiro que faría?

Eliminar os gastos en asesores, levar a pleno a baixada da contribución e reorganizar aos traballadores e traballadoras municipais para ofrecer á cidadanía uns bos servicios,

Nesta lexislatura que remata, cal cree que foi o mellor logro que se conseguiu, e cal, o non conseguido ?

É difícil atopar un logro conseguido neste mandato, igual a Escola infantil, aínda que levaba anos prometida e chega tan tarde que xa moitas persoas se preguntan se non sería mellor habilitar ese servicio en instalacións do propio colexio , ao que hai que engadir a pésima xestión do goberno municipal que provocou que esta obra deixara ao alumnado do colexio de Esteiro sen pistas deportivas.

Non conseguido, por desgracia, moito: o arranxo do paseo marítimo de Esteiro, as estradas Abelleira-Paxareiras e Campo de Cortes-Louro, posta en marcha das instalacións da antigua fábrica de Sel, soterramento do cableado no casco histórico de Muros,…..

Xa para rematar, resuma en dez liñas o seu programa electoral.

Imposible resumir en 10 liñas o noso proxecto, pero aquí van algúns aspectos importantes que temos claro como acadar:

-Trato amable e eficaz coa cidadanía. Reorganización dos empregados do concello para unha mellor prestación de servicios.

-Redución de gastos innecesarios e baixada de impostos .

-Rexeneración democrática e transparencia: publicar actas, orzamentos, liquidacións,…. ; cambios nas contratacións de persoal e de empresas,…..

-Promoción económica: Especial atención e colaboración coas empresas e asociacións do noso concello; oficina de axuda a emprendedores, empresarios, comerciantes e asociacións; parque empresarial, comercio, turismo, mercado,…

-Desenvolvemento do PXOM. Eficacia e axilidade nas licencias de obras.

-Servicios sociais máis eficaces e xustos e equitativos.

Anuncios

Acerca de themurostimes

“THE MUROS TIMES” non se responsabiliza nin se identifica coas opinions verquidas por parte dos seus colaboradores nos materiais publicados.
Esta entrada fue publicada en Entrevistas y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

2 respuestas a Entrevista María Xosé Alfonso Torres, candidata á Alcaldía de Muros por CxG.

  1. Javi dijo:

    Excelente traballo de The Muros Times ¡ noraboa ! e excelente candidata… Cheira a alcaldía en Esteiro !

    Me gusta

  2. María Xosé Alfonso dijo:

    Moi agradecida a The Muros Times pola iniciativa que facilita que a cidadanía se poida facer unha idea de como somos cada unha das persoas que se presentan á alcaldía de Muros e moi agradecida ás persoas que por distintos medios me felicitan e me fan chegar palabras de ánimo. GRACIAS!!!!!!

    Me gusta

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s