p// Elixio Vieites.
Tipo de ben: Ponte, Concello: Muros / Parroquia: Esteiro (Santa Mariña)
Lugar: Reboredo Cronoloxía: Século XIX, Descrición:
Os Pasais da Salina son os restos do que antes fora unha ponte que formaba parte do percorrido do Camiño Real que atravesaba o río Maior na parroquia de Esteiro polo lugar de Reboredo, entre O Maio e Solleiros. Durante séculos, o denominado “Camiño Real” era a única comunicación terrestre da zona. Entraba en Esteiro dende Mosteiro, na parroquia do Freixo de Sabardes, no veciño concello de Outes, e despois discorría por Uhía, A Devesa, O Maio, A Salina e Solleiros. Saía de Esteiro polo Trobiscón, collendo cara a Abelleira. O camiño neste punto só estaba operativo cando a marea baixa o permitía. En determinados momentos este camiño tiña servizo de dilixencia, a máis famosa foi a de Belarmino de Solleiros, onde había unha “casa de postas”. As casas de postas dispoñíanse nas principais poboacións ao longo das liñas de correos e nas vías principais para prover o fornezo de cabalos necesario para realizar as viaxes. Moitas servían tamén de parada de dilixencias para viaxeiros. Ao contrario do que se podería pensar, a Ponte da Salina fíxose case ao mesmo que a ponte nova da estrada que vai de Noia a Muros. A súa contratación tivo lugar polo concello de Muros no ano 1895 e rematouse en 1896, tendo así o Camiño Real un punto onde cruzar o río. No ano 1906 xa estaba operativa a nova estrada cunha nova ponte uns centos de metros máis abaixo. A consecuencia inmediata desta construción foi o abandono e espolio de todo o que se podía aproveitar da vella. Na actualidade só quedan unhas poucas pedras que formaban parte das cepas e que non resultaba doada transportar polo seu peso excesivo. O entorno foi acondicionado no 2011 e tamén se empedrou un tramo do que fora a antiga vía de comunicación . Na foto secundaria da ficha podemos ver a foto do cartel do proxecto coa antiga ponte, antes de ser desmantelada.
Propiedade: Pública Uso actual: Sen uso Código no Catálogo da Xunta: Categoría do Ben: Dato descoñecido Referencias bibliográficas:
Llovo Taboada, Santiago. Memoria salgada dun pobo. Deputación da Coruña. Ano 2013. ISBN 978-84-9812-211-4 Agrelo Hermo, Xosé Abeijón Núñez. F. A Freguesía de Santa Mariña de Esteiro. Cadernos Cruceiro do Rego. Ed Toxosoutos ISBN 84-96259-31-5, ano 2004.