p/ Elixio Vieites
Tipo de ben: Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural, Concello: Muros Parroquia: Abelleira (Santo Estevo) Lugar: Pedregal de Esteiro Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición: A Laxa Borrateira atópase no pedregal de Esteiro e está orientada ao poñente, dominando a desembocadura do río Rateira en Bornalle, na Abelleira. Trátase dunha gran laxe plana que forma pías e conforma figuras froito da acusada erosión. Pódense observar ao seu carón restos de muros que xunto con outra laxe, parece que conforman un lugar de forma rectangular. A poucos metros estaría a denominada Casa ou Porta dos Xudíos, outro grupo de pedras que teñen un pequeno paso por debaixo delas a modo de pequena cova e orientada tamén a poñente. A pedra ten moitas lendas entre as xentes dos lugares da Pendente e Trasdacosta da parroquia de Santa Mariña de Esteiro e son varias as versións que describen a caída do cabalo de Santo Estevo e o salto que deu ata o lugar onde hoxe se atopa a igrexa parroquial da Abelleira, baixo a súa advocación. Outras afirman que o cabalo esvarou e como consecuencia do accidente partes do corpo do santo e a súa capa quedaron esparexidos polo penedo. A xente chegou a identificar o lugar onde están os xeonllos, os pés e as nádegas do santo mártir, e ata o báculo que levaba con el. Outra característica da pedra é que sobre ela nacen liques que dan á pedra un ton avermellado que se identifica no folclore coa sangue das feridas que se fixo o santo Estevo. Outra variante describe a caída como consecuencia de ser atacado o seu cabalo dende a “Casa dos Xudíos”, pedra anteriormente citada. Mª Aurora Lestón e Milagros Torrado no seu traballo no Anuario Brigantino sobre a “Pedra da Pía”, próxima a esta, suxiren que estaría relacionada coa Laxa Borrateira, unha estaría orientada ao nacente e outra o poñente e que podía considerarse a existencia dalgún tipo de culto solar nestes lugares. O San Estevo de Abelleira celébrase un 26 de decembro, data moi próxima ao solsticio de inverno. Ámbalas
dúas pedras atópanse ao carón dun camiño, que foi de uso habitual para chegar a este monte, e estarían case equidistantes á Pedra do Cadro, outra gran mole de granito de referencias míticas na zona e de onde hai unha vista impresionante sobre a ría de Muros-Noia ao dominar esta o cume deste pedregal. Outra referencia que apuntan as autoras do traballo e que se evidencia unha cristianización dun rito que se levaba a cabo na Laxa Borrateira e consistiría en varear e golpear a pedra para obter un beneficio, supoñen que sería un cambio na meteoroloxía, como acontecía por exemplo no monte de Santa Mariña do Barro, parroquia do concello da Baña onde se ían “viralos ventos” e “repartir as choivas” ou en Fisterra, cerca da capela de San Guillerme, a onde se acudía en procesión a unha ara que está na contorna da capela. Froito da cristianización pode ser unha copla que se recolleu en Trasdacosta e que di:
“..non lle deades máis paus
a esa Laxa Borrateira,
que é o santiño
Estevo da Abilleira”.
Máis ao oeste e ao lado da canle do Rateira, nunha profunda valgada, estaría outra pedra con cruces talladas “A Pedra das Cruces”, entre as tres pedras formarían unha aliñación noroeste-sueste, nunha distancia de apenas 3 km.
Na segunda foto está o que creo que é a Casa ou Porta dos Xudíos, polas descricións atopadas sobre a morfoloxía da pedra. Nota: Na primeira páxina do traballo sobre a Pedra da Pía, afírmase que segundo os mapas do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente a distancias entre a Pedra da Pía e a Pedra do Cadro, en liña recta, é de 2.284 metros. A distancia real en liña recta e só de 635 metros, pódoo afirmar despois de efectuar diferentes medidas no visor do mapa Sixpac e mapas a escala da zona.
Propiedade: Descoñecida Uso actual: Outros Código no Catálogo da Xunta: Categoría do Ben: Non está inventariado Referencias bibliográficas: Lestón Mayo, Mª Aurora. Torrado Cespón , Milagros . El altar rupestre de «A Pedra da Pía» (Esteiro, Muros, Galicia). Anuario Brigantino. Nº 34. Ano 2011
Web: http://anuariobrigantino.betanzos.net/AB2011PDF/2011%20041_056%20pedra%20da%20pia_LESTON_TORRADO.pdf