p/ Domingo Guerra París.
Como moitos de vos, tiven a fortuna de participar na Cabalgata de Reis de Muros desde o seu nacemento. Digo participar, porque os asistentes tamén somos parte fundamental da celebración.
Neste sentido, ao contrario que o meu amigo Segundo, que sempre tivo ilusión por ser paxe, romano, garda celta, tambor na banda de cornetas Don Diego de Muros, e ao que tan só lle falta cumprir o desexo de ser Rei Mago, prefiro ser espectador.
Porque, os espectadores acompañamos ás carrozas, pelexámonos polos caramelos, intentamos identificar aos Reis e abarrotamos o Curro da Praza transmitíndolle ilusión e fantasía aos nosos pequenos, forxándolles un sorriso de felicidade que formará parte das nosas vivencias, para sempre.
Sen embargo, non deixo de recoñecer a inmensa ledicia de desfilar, con Segundo e outros nenos da mesma xeración, no séquito dos Reis durante moitas noites do 5 de xaneiro, na década dos oitenta.
Falando con Segundo por teléfono, sobre estas cousas, conteille que a Cabalgata segue sendo unha inmellorable mostra da sensibilidade e bo facer dos muradáns. Quizais, durante os últimos tempos perdeu a puxanza de cando Juan J. Gestal Otero estaba ao fronte –época na que, baixo o meu punto de vista, acadou o máximo esplendor–, pero sería inxusto non agradecer, a todas as comisións organizadoras e os seus responsables, o magnífico traballo de fabricar sonos durante 50 anos ininterrompidamente.
Agradecemento que debe ser explícito e colectivo, porque foron capaces de conseguir que, cada ano polo Nadal, o noso concello se convertera no epicentro da comarca, permitíndonos gozar do mellor regalo dos Reis: retornar, por uns momentos, á inocencia máis pura.
O meu amigo Segundo, este ano tampouco poderá acompañarnos nesta celebración. Pero seguirá por «Facebook» a Cabalgata. Sobra dicir que utiliza o seu nome e apelido (Segundo González), porque non lle gusta facer o primo ocultándose baixo perfiles falsos nas redes sociais.
Por certo, lembroume que, aproveitando este espazo, transmitira aos maiores e pequenos a necesidade de manter a distancia de seguridade cos vehículos. Xa haberá tempo despois de achegarse e incluso facer fotos no Portal Vivente cos Reis. Trátase doutra preocupación que compartimos, como tantas e tantas cousas.
De feito, un ano máis coincidiremos pedíndolle aos Magos de Oriente o mesmo regalo: saúde para os nosos. Porque, non hai mellor agasallo que compartir momentos sinxelos con eles.