Repaso pola Historia de Esteiro. Os oríxenes (I)

Do libro de Santi Llovo 

«MEMORIA SALGADA DUN POBO»

Dende tempo inmemorial os núcleos de poboación da costa galega foron regularmente atacados por hordas de guerreiros e piratas de distinta orixe. As primeiras das que se teñen constancia procedían dos países escandinavos, como Noruega, Suecia ou Dinamarca. Os vikingos ou normandos invadiron durante séculos as costas atlánticas europeas. Hai rexistradas, a lo menos, catro incursións a Galicia nun período de case 200 anos. A primeira foi arredor do ano 841, a segunda entre 858 e 861, a terceira entre os anos 966 e 971, e por último a correspondente ó período comprendido entre os anos 1008 e 1038. Resulta especialmente significativa a rogativa que diariamente se facía nas igrexas durante séculos, ata hai ben pouco: “A furore Normannorum líbera nos, Dómine”.

Logo das invasións normandas, no século XII apareceu a piratería árabe que foi quen de fustrigar ás poboacións “cristiáns”, chegando incluso á costa galega. Imagen10.pngO Arcebispo “Gelmírez”, en 1120, fundou a chamada “Armada de Galicia” para defender  a costa próxima a Compostela dos piratas árabes. Despois dun período máis ou menos “tranquilo”, a partires dun embargo decretado por Felipe II en 1583, foron os ingleses que en varias ondadas asolaron as nosas costas. Un dos protagonistas máis relevantes daqueles ataques foi Francis Drake que en 1585 e 1589 fixo varias incursións, chegando a destruír as cidades da Coruña e Vigo.

A principios do século XVII foron os piratas turcos os que saquearon as aldeas e vilas das Rías Baixas. Durante todo ese século e o seguinte, navíos inglesesImagen9.pnge franceses, os denominados “corsarios”, atemorizaron regularmente toda a costa galega. Desa época é a construción da meirande parte dos baluartes defensivos costeiros, como o castelo de Muros e as garitas de vixilancia como a de Monte Louro, que mediante sinais de fume avisaban aos veciños da chegada de barcos “sospeitosos”. A última gran incursión foi a sufrida por Muros en plena guerra da independencia: o 26 de  marzo de 1809 un ataque das tropas francesas, que entraron na ría a bordo de varios navíos, saqueou a vila queimando preto de 190 vivendas.

É doado entender por qué, durante moitos séculos, os núcleos de poboación en toda a costa galega estaban afastados do mar ou ben defendidos convenientemente. Como queira que as murallas e castelos unicamente as podían construír vilas de certa entidade, a única defensa dos lugares e aldeas da costa, e Esteiro non foi unha excepción, era a súa localización estratéxica, en lugares escondidos, como a Silvosa, ou de doada escapatoria cara á montaña, como o Maio e Solleiros. En todo caso, apartados da beiramar.

Dito isto, convén ter presente que antigamente o topónimo “Esteiro” non se correspondía con ningún lugar concreto. Era o esteiro do Río Maior e o conxunto de lugares que estaban no seu contorno, formaban a chamada freguesía de Esteiro.

Precisamente as primeiras referencias escritas de Esteiro como núcleo independente de poboación son de carácter eclesiástico. A posible primeira referencia Imagen8.pngsobre a existencia dunha igrexa en Esteiro data do ano 830. O dato aparece nun documento atribuído a Trictino, delegado do Rei Alfonso II, publicado polo historiador Antonio López Ferreiro, no tomo II da súa obra “Historia de S.M.I Catedral de Santiago”. No documento noméanse as igrexas do “Comisso” de Carnota, pertencente á diocese de Iria Flavia. Entre outras de doada identificación reflicte a “ecclesia ad stario ad zendemire”. Ramón de Artaza no seu libro “Historia de la Villa de Muros y su distrito” interpreta que se está a referir a Esteiro e a Muros respectivamente.

Independentemente da veracidade desa interpretación o que si é certo e que en 1451, o entonces arcebispo de Santiago, don Álvaro de Isorna, outorgou un foro sobre varias freguesías do alfoz de Muros a don Suero Gómez de Sotomayor, logo de que quedaran vacantes pola morte de don Alfonso de Carranza, dean que fora da Igrexa de Santiago. Entre estas freguesías estaban a de Santiago de Tal e a de Santa Marina de Esteiro. En 1485 o que fora mariscal Don Suero Gómez de Sotomayor (A coñecida como «Torre de San Sadurniño” de Cambados son os restos dun castelo que mandou levantar o Imagen7.pngmesmo Suero Gómez de Sotamayor sobre os restos doutro que o Arcebispo Xelmirez construíra para se defenderen dos normandos e que se esnaquizou na revolta Irmandiña.), outorgou testamento legando o foro sobre as mencionadas freguesías ao seu fillo don Payo Gómez. Como queira que don Payo morreu novo, o dereito transmitiuse a un fillo natural de don Suero chamado don Ferrán Yáñez de Sotomayor.

Ferrán Yáñez de Sotomayor casou con Urraca Ares e o fillo de ambos, tamén chamado Suero Gómez de Sotomayor, herdou o dereito, aínda que, por conta das mencionadas freguesías, preiteou co arcebispo de Santiago. O resultado do litixio plasmouse no seguinte acordo: “En la ciudad de Toledo a doce días del mes de junio de 1529, don Suero Gómez de Sotomayor y el arzobispo don Juan Pardo de Tabera, llegaron a unas capitulaciones sobre dichas feligresías, otorgándole el Arzobispo foro por su vida, la de un hijo y un nieto, tres vidas y no más….”.

Don Suero Gómez de Sotomayor casou con dona Ginebra de Haro y Acuña e o seu fillo don Diego Álvarez de Sotomayor foi quen recibiu por herdanza o foroImagen4.png. “… en Madrid a ocho días del mes de marzo de 1530, el Arzobispo de Santiago don Juan de Tabera, por fallecimiento de don Suero, ratifica con don Diego, el acuerdo y capitulaciones a las que había llegado con su padre…”.

A súa vez don Diego casou con dona Juana de Castro y Guisamonde. Do fillo destes, chamado novamente Suero Gómez de Sotomayor, transmitiuse ao seu neto don Pedro Álvarez de Sotomayor, última “voz” do foro, que tamén tería preito co Arcebispo de Santiago no ano de 1600 .

A resolución do preito non debeu resultar favorable para os intereses da familia dos Sotomayor, porque na seguinte referencia atopada aparece a familia dos Montenegro de Pontevedra, sen saber nestes momentos nin cando nin como se lle transmitiu o foro ou o dereito sobre a freguesía, caso de que así fora. Trátase dun documento datado en 1607 denominado “Memorias del Arzobispado de Santiago” escrito por don Gerónimo del Hoyo, canónico, cardeal e visitador dese arcebispado. Neste documento, don Gerónimo, ao pouco de ser nomeado por Don Maximiliano de Austria, relacionaba os arciprestados pertencentes ao Arcebispado de Santiago e facía un pequeno relatorio económico e social de cada freguesía. Referido a Esteiro, recollía que formaba parte do “Arciprestazgo de Entíns, junto con Muros” e reflectía literalmente o seguinte:

SANTA MARIÑA DE ESTEIRO. ANEJO DE TAL

“Esta felegresía tiene veinte y nueve feligreses. Los fructos doze partes: las siete y un desmero, la cura y tres, por sincura, el cardenal Represa, las dos por sincura, don Lope de Montenegro, hierno de Don Phelipe. La cura presenta el Monasterio de Sant Martín, la sincura que tiene el cardenal es de presentación del Monasterio de Sobrado y la que tiene Don Lope es mera collativa eclesiástica. La fábrica no tiene renta ninguna, sino unos cuartos de yeguas .

Dunha primeira análise do contido deste documento pódese concluír varias cousas: En primeiro lugar, os 29 veciños viñan a corresponder a unha poboaciImagen1.pngón aproximada de 150 persoas. En segundo lugar, neses tempos a bisbarra tiña algún tipo de dependencia con Don Lope de Montenegro, nobre da cidade de Pontevedra. Este dato resulta certamente curioso porque os Montenegro e os Sotomayor, os anteriores titulares do foro, con Pedro Madruga como principal expoñente, eran inimigos acérrimos. En terceiro lugar,  en materia eclesiástica, a “sincura” era dos mosteiros de San Martín (probablemente San Martín Pinario de Santiago) e de Sobrado.

En 1630 o entonces arcebispo de Santiago, Fray José González de Villalobos, volveu a outorgar o foro sobre a freguesía de Esteiro: “En la ciudad de Valladolid a 19 días del mes de mayo del año de 1630, por cuanto el foro de las cinco feligresías del alfoz de Muros estaba vaco, se le hace nuevo a favor del doctor Francisco Martínez de la Vega y su mujer doña María González de Villalobos (obviamente familiar do arcebispo). Por dicho foro sus descendientes se intitularían “Señores de Valladares”.

A partires dese ano de 1630 o foro sobre a freguesía de Esteiro vai formar parte deste novo “Señorío de Valladares” e, xeración tras xeración, vaise transmitir entre os descendentes de don Francisco Martínez de la Vega e a súa dona. Unha vez falecido don Francisco, dona María González de Villalobos, a súa viuva, outorgou testamento en Pontedeume o 3 de xuño de 1655: “…. y digo que yo tengo un fuero de la dignidad arçobispal del Señor Santiago con cinco feligresías en el alfoz de Muros que son: Santiago de Tal, Santa Marina de Esteiro, San Miguel de Valladares, San Mamed de Albores y San Martiño de Fonte… …pension en cada un año ocho ducados y ocho marabedis y en el seme da facultad para poder nombrar la persona que a mi mejor me pareciere para que suceda en dicho fuero…”. No citado documento nomea por fillos e herdeiros a: D. José Martínez de la Vega, D. Alonso, D. Juan, Dª Tomasa, Dª María e Dª Magdalena Martínez de la Vega, mujer de D. Francisco de Saavedra y Carnero do Vilar.

O licenciado don José Martínez de la Vega, Inquisidor apostólico da Igrexa de Santiago e herdeiro do foro, por testamento outorgado en Santiago o 16 de marzo de 1678, deixa e institúe como herdeiros de todos os seus bens e dereitos aos seus irmáns D. Alonso Martínez e Dª María Martínez e aos fillos de do seu irmán D. Juan Martínez de la Vega. Como queira que don Alonso, tamén inquisidor de Santiago e a súa irmán María, morreron sen descendencia o Señorío de Valladares, e con el o foro sobre a freguesía de Esteiro, pasou en 1725 aos fillos que Juan Martínez de la Vega tivo con María Piñeiro do Vilar.

Dos catro fillos da parella, Roque, Alonso, Juan e María Martínez de la Vega, foi esta última quen transmitiu o señorío. María casou con Pedro Antonio Bermúdez de Castro e a partir dese momento, os titulares do Señorío de Valladares levaron ese apelidos . O seguinte titular do Señorío foi don Juan Antonio Bermúdez de Castro e os seus descendentes o ostentaron ata a abolición decretada primeiramente en 1811 polas Cortes de Cádiz e definitivamente en 1837 polas seguintes Cortes constituíntes.

Respecto ao mencionado anteriormente, referido aos foros e señoríos, cómpre lembrar que o sistema político español na Idade Moderna consagraba a desigualdade xurídica dos súbditos. Existían os vasalos ou súbditos de “realengo”Imagen3e os vasallos de señorío. Os primeiros tiñan máis liberdades, dependían directamente da xustiza do rei e menores cargas económicas. Polo contrario, os segundos estaban sometidos aos poderes intermedios dos señores xurisdicionais, que aparte de exercer a xustiza e outras mostras de autoridade, sometían aos seus vasallos a cargas económicas adicionais. En calquera caso, era un vasalaxe de tipo feudal que tiña o seu orixe nos séculos XIII ou XIV.

Dentro dos señoríos distinguíanse os de carácter secular, como o do Conde de Lemos, e de carácter eclesiástico. Dentro destes, a súa vez, diferenciábanse os episcopais, como o do bispo de Mondoñedo, e os monásticos, como o de Sobrado. Evidentemente o Señorío de Valladares, e con el todas es freguesías adscritas, formaban parte do señorío eclesiástico do Arcebispado de Santiago, quen era o titular do dereito. Estes tipos de señorío eran normalmente os máis levadeiros economicamente e incluso, tal e como sucedeu en moitas localidades do Señorío de Santiago, os vasalos podían non ter que pagar nada ó señor

Aínda que a forma máis común de pagamento do vasalaxe era o diñeiro, tamén era normal a prestación en especie ou mesmo en servizos persoais. A prestación en especie podía consistir en gran, leña, galiñas e mesmo queixos, e os servizos persoais, normalmente asociados aos señoríos monásticos, consistían, por exemplo, nunha prestación anual dun día de traballo.

En canto ao tipo de pagamento dos vasalos aos titulares do señorío de Valladares, pouca información se atopou. No testamento outorgado en 1655 por dona María González de Villalobos, fálase dunha pensión anual de oito ducados e oito marabedís. En calquera caso non resulta crible que a Freguesía de Santa Mariña de Esteiro fixera outro pagamento ó Señorío de Valladares que non fora en especie. Hai que ter presente a incomunicación secular desta bisbarra, que impedía ou dificultaba enormemente calquera tipo de comercio . O que si está acreditado é que a principios do século XIX na propia parroquia de Valadares, ao carón da súa igrexa, celebrábanse feiras de gando vacún nos luns seguintes aos primeiros domingos de cada mes . A estas feiras acudían os gandeiros dos arredores a faceren as súas compravendas. Sobre estas transaccións recadábanse determinadas contribucións a través duns persoeiros chamados “Mayordomos”. Compre lembrar que a posibilidade de celebrar feiras e mercados estaba suxeita a unha especie de réxime concesional, polo que en todo caso había que contribuír.

Estes tipos de señoríos eclesiásticos perviviron no tempo na súa dobre modalidade xurisdicional e territorial ata a súa completa abolición polas Cortes constituíntes de primeiros do século XIX. Nembargante, así como a primeira modalidade desapareceu sen máis, a territorial pasaría a converterse, en moitos casos, en propiedade privada do “Señor” que os posuía, converténdose en dono.

Outros documentos que convén ter presente á hora de determinar as orixes da igrexa e do  propio Esteiro como núcleo independente de poboación, son os antigos libros sacramentais da parroquia. Estes libros, que na actualidade Imagen2.pngse custodian no Arquivo Diocesano da Santiago, constitúen unha importantísima fonte de información para coñecer a evolución sociolóxica da bisbarra.

Ao igual que no resto de parroquias, no mencionado arquivo custódianse tres tipos de libros sacramentais: o de bautizados, o de defuntos e o de matrimonios. En concreto, polo que se refire a Esteiro, o libro de bautizados se remonta a 1620, o de defuntos a 1619 e o de matrimonios a 1636. Outro dato a ter en conta é que, ata mediados do século XVIII, os libros recollían indistintamente os asentos tanto de Tal como do seu anexo de Esteiro, sen reflectir a procedencia do nado ou do defunto. Será a partir de 1764, 1788 e 1743, coincidindo co maior incremento de poboación do “Anejo”, cando respectivamente aparecen en libros separados os bautizados, defuntos e matrimonios, referidos exclusivamente á parroquia de Esteiro.  (continuará)

 

Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario