A partir deste número, TMT terá a honra de contar entre os seus colaboradores co periodista César Lorenzo Gil, quen durante máis dunha década, á parte de coordinar o labor xornalístico e escribir reportaxes, entrevistas, informacións e demais textos, encargouse da corrección lingüística do semanario A Nosa Terra e do xornal dixital A Nosa Terra Diario. No seu blog https://dubidasdogalego.wordpress.com/ aporta aquela experiencia en forma de consellos e resolución de dúbidas sobre o galego.
Os nomes dos dedos
p/ César Lorenzo Gil.
Aínda que poida parecer que todo o mundo sabe como lles chamamos aos dedos, ultimamente estou comprobando persoalmente que ou ben hai unha conciencia hiperenxebre sobre o asunto ou unha progresiva perda das palabras propias diante da potencia do castelán.
Así que como este é un blog que resolve dúbidas, destinado loxicamente a quen as ten, cómpre explicar ao xeito como lles chamamos aos dedos en galego.
Estiramos os cinco dedos da man. Cada un ten o seu tamaño e o seu nome. Os dedos empezan a contarse desde o polgar. Debemos evitar o castelanismo pulgar e o lusismo polegar. En rexistros máis coloquiais podemos denominalo matapiollos ou cachapiollos. De polgar vén a magnitude de lonxitude polgada. En Galicia usouse antigamente cunha medida de 2,33 cm, aproximadamente, xa que en cada lugar variaba a súa equivalencia. É lóxico pensar que tradicionalmente se usou para medir cousas moi pequenas, por exemplo mobles ou obxectos. Hoxe, a polgada úsase case unicamente para medir tamaños de pantallas. A medida que se usa é a da polgada inglesa (2,54 cm). “Os televisores modernos, con máis polgadas ca nunca, parecen máis pequenos ca os vellos”.
Ao carón do polgar está o índice. É un dedo con gran poder simbólico xa que se considera que nel repousa o alento da vida. Por exemplo, de índice a índice lle traspasa Deus a Adán a vida no famosísimo fresco de Michelangelo Buonarroti na Capela Sixtina do Vaticano. Tamén é común que na iconografía dos magos, o poder do feitizo naza neste dedo. En contextos máis familiares podemos denominalo mostreiro ou furabolos. A tradición indica que o de furabolos vén do vello costume dos panadeiros de furar con este dedo os pans denantes de enfornalos para que cozan máis saborosos. O adxectivo furabolos describe, segundo a zona, tamén ben unha persoa entremetida, ben unha persoa traste ou ben unha persoa buscavidas.
Seguimos a conta: no centro da man está o dedo maior. Non debemos usar o castelanismo dedo corazón. En rexistros coloquiais podemos empregar a forma pai de todos (aínda que tal perífrase é pouco económica, lingüisticamente falando). O xesto de levantar o dedo maior mentres pechamos o resto ten un significado ofensivo para quen llo mostramos. En castelán leva o nome de peineta; en galego non ten un nome definido. Hai quen di que a tradición xurdiu na Idade Media, cando os arqueiros e besteiros levantaban ese dedo antes dunha batalla para que os seus inimigos visen que realmente podían usar a arma xa que era habitual que se un especialista en arco ou bésta caía preso, acabase con ese dedo mutilado para así garantir que nunca máis podería usar tal instrumento de guerra. Non sei que veracidade ten a historia. O que si recordo é que meus avós cando te querían mandar á merda (ou tomar polo cu, que era o obxectivo final de tal aceno antes de que tal “desexo” se convertese en algo politicamente incorrecto) levantaban o maior e un tanto menos, até a primeira falanxe, o índice. Eles non levantaban a man en vertical cara ao insultado senón que a mantiñan case en horizontal, máis oculta da visión, deduzo que por discreción.
O cuarto dedo chámase anular. O significado ten a ver coa tradición de colocar nesa falanxe o anel de vodas. Tamén recibe os nomes de mediano ou medianiño. É relativamente complicado separar o dedo mediano do dedo maior. De aí que nin todo o mundo poida facer o saúdo vulcano de Star Trek.
E chegamos ao final da man. O dedo quinto é denominado en galego maimiño, belleco, mamiño, pequeniño ou moumiño. A RAG considera formas menos recomendables maniño e meimiño. Meñique é un castelanismo.
Cando eu era pequeno, miña nai cantaba unha copla tradicional que che valía para aprender dunha forma divertida como lles chamar aos dedos da man na versión máis popular: “Este é o dedo maimiño; este é o seu padriño; este é o e maior de todos; este outro é o furabolos; e este que vive só é o escachapiollos”.
E falando de acenos, aínda que hai varios nos que participan varios dedos, un dos máis complexos é o da figa, que consiste en colocar o dedo polgar estirado por entre o índice e o maior, os cales fican pechados xunto co resto. En Galicia usouse tradicionalmente con dous fins ben diferentes. Por un lado, considerábase unha profilaxe contra o mal de ollo e incluso Sargadelos produciu unha versión de porcelana que se podía levar ao pescozo. Mais noutros contextos, a figa usouse para declarar escarnio ou burla de alguén. Conta Francisco Xavier Rodríguez, redactor do Diccionario Gallego-Castellano (editado no 1854 e no 1863), que o costume da figa naceu en Milán.
Disque durante a Idade Media, o pobo milanés rebelouse contra o poder do emperador romano-xermánico Frederico e conseguiu expulsar a emperatriz a quen, para escarniala, mandárona fóra das murallas montada nunha mula mirando para o rabo do animal. De alí a pouco, Frederico conseguiu tomar de novo a cidade e quixo escarmentar os milaneses ao tempo que vingar a súa dona. O emperador mandou colocar un figo no cu dunha mula e obrigou a que cada un dos rebeldes o sacase de tal lugar sen usar as mans, só cos dentes. De aí o nome de figa e a forma da man que pretende simular unha bévera a saír do ano da besta.