Repaso pola Historia de Esteiro. Os oríxenes (II)

Do libro de Santi Llovo 

«MEMORIA SALGADA DUN POBO»

Aínda que algunhas fontes sinalan a data de construción da igrexa vella de Esteiro en 1850, o certo é que era xa parroquia a lo menos desde 1764, ano da primeira inscrición dun neno no libro independente de bautizados de Esteiro. A partida de bautismo comezaba do seguinte xeito: “En la Iglesia parroquial de Santa Mariña de Esteiro a dieciseis días del mes de octubre del año 1764: yo don Andrés de Creo presbítero, excusando a don Manuel Francisco de Ponte, cura propio de la iglesia  de Santiago de Tal y Santa Mariña de Esteiro , bauticé solemnemente y puse los santos óleos……”.

Aparte dos antigos libros sacramentais da parroquia, existe no Arquivo Diocesano de Santiago outra interesante documentación referida á administración parroquial, que resulta determinante para confirmar algún aspecto concreto da historia de Esteiro relacionado co ámbito eclesiástico. Así, sabemos que dende hai moitos anos existiron varias confrarías dependentes da Igrexa de Esteiro:

Confraría das Ánimas do Purgatorio, con información dende 1684.

Confraría do Rosario, con información dende 1740.

Confraría do Santísimo, con información dende 1852.

Tamén existe abundante información sobre foros e outros dereitos que a igrexa tiña naqueles tempos. Neste senso, cómpre referirse a unha documentación, encadernada en forma de libro e datada en 1698, chamada: “ Pleito sobre los bienes y rentas de las Iglesias de Esteiro y Tal”.

Finalmente pode atoparse unha interesantísima documentación sobre a “reconstrución”, a mediados do século XIX, da igrexa parroquial. Sobre este asunto creo que interesa resaltar o seguinte:

O 29 de decembro de 1846 iniciouse un expediente de reedificación da igrexa de Esteiro no Arcebispado de Santiago.Imagen1.png

En 1850 a igrexa vella estaba “en ruínas” e pechada dende había anos.

Houbo nese ano de 1850 un primeiro intento de reconstrución: “Cuando se intentó edificar la iglesia de dicha parroquia en el campo llamado de la Agreira, sito en el lugar de Solleiros …. adjudicada la obra al maestro cantero don Manuel Nieto en 14.000 reales …. se decidió suspender la obra por falta de Imagen2.pngservicio de la gente, por desobediencia del vecindario, que consistía en servicio de carreto y peonaje…”.

O 18 de marzo dese ano 1851 celebrouse no atrio da igrexa unha xuntanza veciñal, coa asistencia do cura párroco e do alcalde de Muros. Da acta correspondente destaca o seguinte contido: “A solicitud de varios vecinos se preguntó cuál era el deseo de los vecinos,  y todos acordes unánimemente expresaron que su ánimo es que la nueva iglesia se componga o reedifique haciéndola más espaciosa y capaz para el vecindario, pero dándole toda la grandeza y hermosura que sea compatible con las facultades y riqueza de la localidad…… se obligan a dar para este fin cada uno 20 reales de vellón, en la inteligencia de quien no quiera pagar debe prestar el servicio personal de peonaje a dos reales diarios…… nombran para contratar la obra a los vecinos José y Benancio Portals junto a Andrés Piñeiro….. creemos acertado que la edificación de ella se haga en el mismo lugar que la actual… se decidió fuese edificada en el sitio llamado el campanario y diste de la primitiva unas 70 varas castellanas y de donde es vista por todo el vecindario…”.

Encargouse o proxecto ao profesional de escultura e arquitectura veciño de Cee, don Manuel Nimo.

Na planilla e directorio da obra feito polo mencionado profesional, reflectíase unha igrexa de 26 “varas castellanas”, cunha capela maior e dúas colaterais.

Para contratar o remate da obra expúxose o prego de condicións no atrio da Igrexa de Esteiro e nos “sitios más públicos de Noya y Muros”. O orzamento total era de 18.000 reais, pagadoiro en oito prazos, e un ano de execución.

O remate da obra adxudicouse o 28 de abril ao mestre canteiro Francisco Antonio Arca, veciño de San Martín de Figueiroa, Concello de Cercedo, Partido de Tabeirós.

Cambiando de fonte documental, resulta especialmente interesante o documento outorgado ante un escribán de Porto do Son polo mencionado mestre canteiro en xuño de 1851. Trátase dunha escritura de “Obligación y Fianza” que, Imagen3.pngpola súa singularidade, vaise reproducir nunha parte substancial: “En Porto do Son, parroquia de San Vicente de Noal, a 28 de junio de 1851, Francisco Antonio Arca, profesor de cantería y arquitectura, vecino de san Martín de Figueiras, partido judicial de Tabeirós, provincia de Pontevedra dijo: Que hallándose sacado a públicas posturas para remate en el mes de abril último la construcción de una iglesia nueva, a cimientis, de Santa Marina de Esteiro, anejo de la parroquia de Santiago de Tal, del partido de Muros, también se presentó licitador con otros pretendientes, vajo el pliego de condiciones estipuladas por los apoderados y el señor cura párroco de aquellas dos iglesias, quedando la última postura la de don José Martínez, de Santa María de Buyo en 17.700 reales y posteriormente rebajada por don Aquilino de la Torre de Santa Cristina de Barro con la media décima de dicha cantidad: y el 28 del mismo abril, el compareciente se mostró nuevo licitador con la otra media décima de rebaja de aquella referida suma, en que fue rematada la obra vajo la garantía de nueve capítulos contenidos en dicho pliego …. y se obliga con su persona y bienes presentes y futuros de construir y edificar la nueba iglesia de Santa Marina de Esteiro a cimientis, de mampostería de lucimiento como el frontis semejante al de la parroquia de Abelleira, con su longitud, altura y latitud que tiene acordados en diferentes pliegos  …. desde la fecha de su remate hasta el último de año de 1852, siendo responsables de las peonadas, la parroquia de Santa Marina de Esteiro y sus apoderados …”.

Resulta evidente que, polo emprazamento e forma actual da igrexa vella de Santa Mariña de Esteiro, ou ben modificouse o proxecto inicial ou xurdiron moitos problemas coa execución da obra. Respecto a súa situación, a igrexa fíxose a uns 60 metros do actual campanario, co cal parece que se reedificou onde estaba a anterior. En canto á forma, tal e como se pode apreciar, non se respectou tampouco o proxecto orixinal. Da clásica planta en cruz pasouse a unha rectangular, aínda que a fronte, tal e como estaba previsto, si que e moi similar ao da Igrexa de San Esteban de Abelleira.

Independentemente de que o proxecto puido modificarse, é certo que houbo problemas co construtor. Isto confirmouse cunha escritura outorgada o 23 de agosto de 1851 ante un notario de Muros polos veciños de Esteiro, José e Benancio Portals xunto con José Piñeiro. No documento apoderan a don Joaquin Duque para que os represente e defenda na reclamación de cartos efectuada polo mestre construtor don Francisco Antonio Arca contra os veciños de Esteiro, polas obras encargadas e feitas na Igrexa de Esteiro .

Aínda que ten trazos neoclásicos, o carácter austero e anodino da igrexa na súa estrutura exterior, leva a pensar que carece practicamente de estilo arquitectónico. Tal como se pode apreciar na actualidade a  igrexa fíxose en momentos diferentes. En calquera caso, o que agora coñecemos como a igrexa vella de Santa Mariña de Esteiro levantouse en 1851 sobre outra anterior.

A mediados do século pasado, por mor da ampliación do cemiterio parroquial, alterouse o entorno desta igrexa. Cara ao Sur existían uns impoñentes  cipreses, dentro dun especie de atrio, que con esa actuación desapareceron totalmente. Así mesmo, diante da entrada principal atopábanse unha serie de panteóns que por mor da referida obra leváronse para o entonces novo fondo de cemiterio.

Aparte da igrexa de Solleiros, hai quen di que no Maio houbo unha capela e na Silvosa outra, adicada a San Fins. Nembargante, non puiden confirmar esta información con ningún documento oficial.

Tamén quero resaltar que o nome da parroquia, e por tanto a súa invocación, estivo dende tempo inmemorial adicada a Santa Mariña ou a Santa Marina, alternáronse durante séculos ambos nomes. Aparte do manuscrito xa aludido denominado “Memorias del Arzobispado de Santiago”, escrito en 1607 por don Gerónimo del Hoyo, en que seImagen4 refería literalmente á Felegresía de Santa Mariña de Esteiro, o primeiro documento “oficial”  que atopei co nome de Santa Mariña foi unha partida de bautismo do ano de 1683 . Nas primeiras partidas do libro sacramental compartido entre Tal e Esteiro, aparecían indistintamente Santa Mariña ou Santa Marina. No primeiro libro referido exclusivamente a Esteiro, xa aparecían case todas as inscricións referidas a Santa Mariña.

Como é ben sabido, a parroquia de Esteiro deixou de ser anexa da de Tal en 1956, cando se construíu a nova igrexa parroquial, quedando a vella exclusivamente para o culto funerario.  Respecto á construción da nova igrexa, don Jaime García Rodríguez, párroco emérito de Santiago de Tal e Santa Mariña de Esteiro, escribiu un excelente traballo chamado “Memoria da igrexa de Esteiro no seu 50 aniversario 1956-2006”, de obrigada lectura para aqueles que queiran afondar no tema.

Independentemente de cando e onde foi construída a igrexa, pódese dicir que Esteiro, como núcleo independente de poboación, non existía ata a chegada dos chamados fomentadores cataláns a finais do século XVIII. O que agora coñecemos como Esteiro eran varios lugares dispersos nos que vivían unhas poucas familias co que podían extraer da terra e do mar.

No extracto do plano xeométrico anterior, levantado entre 1791 e 1794 polo enxeñeiro don Antonio Alcalá, pódense apreciar que, por unha banda, nonImagen5.png se reflicte ningún núcleo de poboación no que agora coñecemos como Esteiro, cando si reflicte Muros, O Freixo e Noia e, por outra, ao río Maior chámalle “Río de Esteiro”.

Da análise dos libros sacramentais pódese concluír así mesmo que ata o ano 1800, a poboación localizábase fundamentalmente nos seguintes lugares: Creo, Maio, Reboredo, Riomaior, Solleiros, Silvosa, Trasdacosta, Trión e Uhía. Pola súa parte, os apelidos máis comúns eran: Maio, Rama, Romero e sobre todo Piñeiro. Outros eran menos frecuentes como: Abeijón, Agra, Campos, Castro, Fernández, García, Ínsua, Lado, Moledo, Montes, Neto, Núñez, Oanes, Paz, Rey, Rodríguez e Tubío. Destes apelidos, varios xa desapareceron da bisbarra, e algún deles nos leva a pensar que as orixes dos veciños de Esteiro están en lugares próximos, pero do interior, pertencentes aos concellos de Mazaricos e de Outes, como Suevos, Valadares Mirás ou Lestayo. Na actualidade, nestes lugares son frecuentes algún deses apelidos.

De seguido vaise a reproducir un extracto, referido á bisbarra de Esteiro, do denominado “Derrotero de las costas de España en el Océano Atlántico y de las islas Azores o Terceras para inteligencia y uso de las cartas esféricas” feito en 1789 polo tenente xeral da Real Armada don Antonio Valdés.Imagen6.png

Ata que coa chegada dos cataláns empezouse a pescar e procesar a pesca dunha maneira industrial, coa conseguinte aparición dos asalariados, a economía da bisbarra era autenticamente de subsistencia. Os habitantes das aldeas e lugares que conformaban Esteiro vivían do que conseguían extraer da terra e máis do mar. A diferenza con outros pobos do interior, a abundancia de pesca na costa supuxo unha táboa de salvación en moitos anos nos que as constantes choivas traducíanse nunha perda das colleitas e conseguintemente en fame.

Aínda que as familias non vivían preto do mar, a maioría dos homes, a lo menos na temporada da sardiña, adicábanse á pesca. Xa dende mediados do século XVIII tiña que haber moitos mariñeiros en Esteiro porque, tal e como se exporá  noutro apartado deste traballo, o 5 de xullo de 1769 asinábase, precisamente en Esteiro, unhas novas Ordenanzas de pesca para a Ría de Muros .

A poboación da bisbarra non deixou de medrar en todo o século XVIII ata a súa derradeira década, de tráxicas consecuencias para todo o litoral. Neses anos a Coroa Española, representada por Carlos IV, tiña constantes conflitos con outros países, como Inglaterra, Francia e mesmo Portugal. Cómpre lembrar que en 1751 empezou a funcionar a matrícula do mar e os mariñeiros estaban obrigados a servir á Marina cando fora preciso. Por tanto, a man de obra masculina íase a servir durante anos e en moitos casos nunca regresaban. Unha vez superadas estas circunstancias, a poboación volverá medrar con forza.

A continuación reprodúcese un extracto, tamén referido á bisbarra de Esteiro, dun documento sobre a actividade económica, datado en 1798.

Antes do século XIX, Galicia exportaba regularmente gando e peixe salgado a Castela e Portugal e, a finais do XVIII, xa existía con Cataluña comercio marítimo regular. Tratábase fundamentalmente da importación de viños e augardentes e, para compensar os retornos das embarcacións empezouse a remitir peixe salgado. Esta época coincide coas primeiras chegadas de cataláns aos pobos e vilas da Galicia costeira, pero só en estadías de temporada, retornando aos seus portos de orixe.

Desde a súa chegada, a mediados do século Imagen7XVIII, os cataláns ademais do comercio de viño e salgadura dedicáronse a outras actividades económicas como a venda de xabón, compra venda de gando, negocios de préstamo, factorías para la elaboración de curtidos e de papel, etc. Non obstante, nas primeira épocas non se produce un verdadeiro asentamento. Permanecían en tanto duraba “a costeira da sardiña”, limitándose a adquirir sardiña cochada polos propios pescadores galegos. Non foi ata 1790 e especialmente trala Guerra da Independencia (1808–1814), cando se efectúa o asentamento masivo e definitivo dos cataláns. Nesa segunda ondada comezaron a establecerse en Esteiro e con eles dou comezo o que se podería chamar o século dourado de Esteiro. (continuará)

—-O—-

 

Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario