Que non te aten
Unha novela ambientada en Louro e Cabanas (a Baña)
Autor: Manuel Iglesias Turnes
Non sei mover as miñas personaxes por paisaxes descoñecidas. Teño que velas andar polos espazos que eu ando. Por isto as terras de Muros están presentes en boa parte de Que non te aten, a miña segunda novela. Levo dende os dezaoito anos disfrutando desta terra; así pois, cando mando ós protagonistas de vacacións, por forza, o destino de praia ten que ser Louro. Verédelos de camping na Bouga, bañándose na Praia do Espadanal, no cumio do Monte Louro, ou tomado unha cervexa no Curro da Praza.
Que non te aten (Xerais, 2016) é unha novela escrita para dar visibilidade as gandeiras e gandeiros de hoxe: xente moi preparada, empresarios que levaron o sector leiteiro a situalo entre o máis moderno de Europa. Non é xusto que descoñezamos esta realidade. Galicia está no mapa das nove zonas punteiras nesta actividade (Holanda, Dinamarca, etec). Mais o rural está estigmatizado. Os medios de comunicación insisten en dar unha imaxe de atraso. Xa sabedes, que se o Manolo de Xaniño (aquel que caíu no pilón, borracho, e non se erguía), un que ten un coleiro grandísimo, unha cabaza, unha pataca…
Se falamos dunha Galicia moderna, hai que falar das granxas de vacún leiteiro, que utilizan as técnicas máis avanzadas en nutrición, reprodución e benestar dos animais. Unha desas granxas aparece retratada nesta miña nova aventura literaria, propiedade dunha familia formada por tres xeracións: avós, fillos e netos. Mais Que non te aten non é un ensaio sobre a situación deste sector. É unha novela de amor e desamor, de sexo, de infelidades, que fala do dereito a sermos libres.
Na trama central hai un triángulo amoroso protagonizado por un mozo que, por falta de decisión, e por que lle presta, mantén relación con duas mozas á vez. Pensa que é mérito seu, mais a verdade é que é vítima da súa inmadurez. Á vez transcorre outra historia na que o noivo non entende que a súa compañeira teña dereito a vivir un minuto da súa vida lonxe do seu control. É unha novela moi de hoxe, onde as redes sociais forman parte da trama.
Despois de transcorrido un mes da súa aparición nas librarías, a editorial está a piques de publicar a segunda edición. As rapazas de Xan, a miña primeira novela, un retrato do rural dos anos 50 do pasado século, vai pola terceira. Non teño, pois, mais que agradecemento a todas as persoas que me len. Que non son poucas. Grazas.
Santiago, 7 de abril de 2016