REPASO POLA HISTORIA DE ESTEIRO. O ASENTAMENTO DOS CATALÁNS (I)

Do libro de Santi Llovo 

«MEMORIA SALGADA DUN POBO»

Os mariñeiros e industriais cataláns establecéronse nun primeiro momento en lugares onde existía xa algunha actividade pesqueira ou de salgadura. Na nosa Ría, probablemente nas vilas de Muros e Noia. Posteriormente, aproveitando a ausencia de piratas e corsarios, buscaron outros lugares aínda sen infraestrutura portuaria e industrial pero que estiveran ben situados para a pesca e de fácil abrigo. Nese contexto, nos primeiros anos do século XIX Esteiro foi, xunto con Portosín, o lugar onde se estableceu unha das colonias de cataláns máis importantes de Galicia que, partindo practicamente de cero, converteu á localidade nunha referencia, tanto da industria da salgadura como do cabotaxe asociado.

Aínda que con seguridade en Esteiro existía tradición pesqueira e probablemente contaba con algunha pequena salgadura, cando os cataláns chegaron á bisbarra atopáronse unha sociedade famenta e moi deteriorada pola leva da Marina derivada Imagen1.pngdas guerras. A idoneidade do lugar, xunto coa pouca ou nula oposición inicial da veciñanza, fixo que se estableceran un considerable número deles.

Os terreos onde construíron os seus almacéns eran normalmente improdutivos dende o punto de vista agrícola e gandeiro, de pouco valor. Polo que, ou ben se asentaron sen máis ou ben os compraron a moi baixo prezo. Tanto os Portals como os Romaní construíron as súas infraestruturas practicamente na praia. Así como noutros lugares son abundantes as escrituras notariais de foro e subforo outorgadas aos cataláns por institucións eclesiásticas ou por titulares de casas nobiliarias, na bisbarra de Esteiro non fun quen de atopar ningún documento que acredite negocios xurídicos similares.

Xa fora como propietarios ou encargados das salgaduras, xa como mestres pescadores para introducir as novas artes pesqueiras, ou mesmo como capitáns ou pilotos das embarcacións complementarias da súa actividade industrial, nesta época chegaron e se estableceron en Esteiro familias de cataláns cos seguintes apelidos: Boris, Bruset, Costa, Cruz, Domenech, Fábregas, Ferrer, Gallart, Gelpi, Gil, Jover, Portals, Pou, Ribas, Rius, Rollá, Romaní, Rutllá, Torrent, Urgell, Vieta, Vilas, Vilat, Villoch e Xemper, apelidos que en moitos casos desapareceron totalmente da nosa bisbarra. Nembargante, houbo dous, Portals e Romaní, que están totalmente espallados por ela.

Aproveitando as potentes ferramentas que nos aporta internet, podemos saber que aproximadamente a metade das persoas empadroadas na actualidade en toda España que levan o apelido Portals, viven en Galicia. Das cales, a súa vez, máis da metade viven no Concello de Muros, unhas 50 persoas. Polo que se refire ao apelido Romaní, aínda que é máis numeroso non está tan concentrado como o de Portals. En Galicia existen 361 persoas que levan ese apelido, que supón o 23% do total nacional, das cales no concello de Muros viven 96, o que a súa vez supón máis dunha cuarta parte. Pódese concluír que, salvo error, a práctica totalidade dos galegos que levan algún deses dous apelidos proceden dos cataláns que se estableceron en Esteiro a principios do século XIX .

A primeira referencia sobre os cataláns e Esteiro atopámola na constitución en Blanes da compañía denominada “Joseph Romany i Itllas” para explotar a pesca no Reino de Galicia. Nesa sociedade estaba inicialmente, aparte de José, que daba nome á compañía,  o seu irmán Mariano. Con posterioridade incorporáronse José Portals e Francisco Romaní, o outro irmán de José Romaní, que tamén se estableceu en Esteiro.

Non hai certeza de quen foi o primeiro catalán que se estableceu en Esteiro, quizais o propio José Romaní, pero o que si está claro é que todos viñeron do mesmo sitio, Blanes, unha vila mariñeira da Costa BravaImagen2.png na provincia de Girona. De igual xeito que está a suceder na actualidade, un foi turrando por outro. A maioría dos cataláns que naqueles tempos se estableceron na Ría de Muros e Noia viñan desa localidade e, en Esteiro, practicamente todos.

A chegada dos cataláns a Esteiro coincidiu coa guerra da independencia contra os franceses.Imagen3.png As tropas francesas chegaron a Galicia a primeiros do ano 1809, en persecución do exército británico de John Moore .

En Astorga, as tropas de Moore atopáronse co que quedaba do exército español comandado polo Marqués da Romana, pero nin españois nin ingleses foron quen de facer fronte ás tropas francesas. Na súa retirada, o exército inglés, despois de perder Lugo e Betanzos, foi derrotado na cidade dá Coruña . O groso das tropas británicas embarcan na Royal Navy, mentres que Romana e a súa xente retirábase á zona sur da provincia ourensá, preto dá fronteira portuguesa.

Retirado o exército inglés de Galicia, a capitulación e ocupación das principais cidades galegas polas tropas napoleónicas fíxose en pouco máis de dúas semanas. Así pois, rendida a cidade da Coruña, as demais foron caendo sen dificultade para as tropas francesas: o xeral Franceschi, pertencente á división do mariscal Soult, toma Santiago o día 17 de xaneiro de 1809 e catro días despois cae Padrón. A ela seguiranlle Caldas e Pontevedra (a entrada na cidade do Lérez foi o 26). O día 30 os franceses toman Redondela e ao día seguinte cae Vigo. Poucos días despois, o 3 de febreiro, toman Tui e xa controlan a fronteira portuguesa. Na zona norte de Galicia a ocupación tamén foi rápida. Ferrol, con parte da Armada española e os seus castelos, caeu tras catro días de asedio, do 24 ao 27 de xaneiro.

En maio dese ano 1809, o xeneral español Nicolás Mahy coa súa división, unha das do exército de Galicia que mandaba o marqués de La Romana, composta de 6.000 infantes e 200 xinetes, achegouse a Lugo co intento de recuperala do Imagen4.pngexército francés. O xeneral francés Fournier, ó mando da guarnición da cidade, saíulles ó paso en Feria de Castro, a dúas leguas de Lugo, cunha columna de 1.500 homes, pero viuse obrigado a refuxiarse dentro da cidade, que naqueles tempos estaba perfectamente amurallada.

Ao día seguinte, Fournier coa maior parte dos seus homes saíu da cidade dispoñendo as súas forzas en liña, apoiando a súa esquerda nos muros da praza e a dereita nun piñeiral próximo, contando con escarmentar aos soldados de Mahy. Nembargante, os forzas asaltantes, logo de loitar bravamente pero con moitas baixas, venceron aos franceses que volveron a guarecerse dentro da cidade. Mahy e a súa xente cercaron a praza, pero a aproximación do exército francés ao mando do mariscal Soult, en retirada de Portugal, obrigou aos españois a repregarse a Mondoñedo o 22 de maio, desistindo por entonces da empresa.

Fálase da Guerra da Independencia e especialmente do sitio a esta cidade de Lugo porque alí faleceron varios soldados veciños de Esteiro. Segundo unha inscrición no libro sacramental de defuntos de 10 de outubro de 1810 , o párroco daba conta do pasamento, un ano antes, no sitio de Lugo dos seguintes veciños: José Montes, Manuel Veloso, Jacobo do Maio, Manuel Martínez, Felipe Rama e José Olveira.

Aparte do recrutamento obrigado para servir nos diferentes exércitos, que trouxo moita desgraza e fame para a maioría de familias, a Guerra de Independencia non se sufriu directamente na bisbarra, agás na vila de Muros, que foi arrasada por varios barcos franceses, dando morte a algúns veciños e queimando preto de 200 vivendas, aparte de moitos documentos que de vello había nos arquivos. Por outra banda, segundo consta no libro de actas das sesións da corporación municipal de Muros, dende 1808 ata 1814 non se celebrou ningún pleno. No ano 1814, unha vez rematada a contenda, restituíuse nos seus cargos ás persoas que os ostentaban en 1808 e aparecen novos apuntes no mencionado libro de actas.

No terreo socioeconómico, a guerra supuxo para España unha perda neta de poboación moi importante, por causa directa da violencia e da fame. Á devastación humana e material sumouse a debilidade internacional do país que, privado do seu poderío naval e excluído do panorama xeopolítico de Europa, vía perder unha tras outra as súas prezadas colonias. No plano político interno, o conflito fraguou a identidade nacional española e abriu as portas ao constitucionalismo. No ano de 1812 promulgouse a primeira constitución do pais, a Constitución de Cádiz, popularmente chamada “A Pepa”.Imagen6.png

Nese contexto xeral, a Galicia costeira estaba a sufrir unha auténtica revolución contra outros “invasores”, os cataláns, que tivo o seu punto álxido nos graves enfrontamentos ocorridos en 1812 na Ría de Muros e Noia e especialmente en Esteiro.

Como é ben sabido, a chegada dos cataláns ás nosas costas a mediados do século XVIII supuxo unha grande transformación, tanto da pesca como do tratamento, explotación e comercialización da incipiente industria da sardiña. Se respecto aos innovadores métodos de salgado e á apertura de novos mercados significou para os veciños importantes melloras sen excesivos traumatismos, os novos sistemas de pesca e a propia explotación en terra, deron lugar a importantes enfrontamentos, como os que aconteceron en Esteiro en 1812, que foron os máis graves que se produciron en toda Galicia contra os cataláns.

Antes de relatar os pormenores do acontecido en outubro dese ano 1812 en Esteiro, cómpre lembrar a situación de partida e o que estaba a acontecer dende a chegada dos fomentadores.

Os problemas coa pesca na Ría de Muros e Noia veñen de lonxe, antes incluso da chegada dos cataláns. Segundo Manuel R. Pazos, autor do libro “Un pleito de pesca en la Ría de Muros y Puerto del Son” existiu, dende mediados do século XVI ata finais do século XVIII, un enfrontamento permanente entre os mariñeiros de Muros, pescadores de sardiñaImagen5.png co xeito, e os do Porto do Son, pescadores a súa vez de pescadas e abadexos coas volantas, rodaballo, raia, centola e lagosta coas raeiras. Os mariñeiros de Muros botábanlle a culpa aos do Son no sentido de que as súas volantas e raeiras espantaban a sardiña. O asunto foise complicando con accións violentas (perda e queima de aparellos) duns e outros, ata que o conflicto chegou aos tribunais. Estes, logo de moitas instancias e informes periciais, déronlle a razón definitivamente aos mariñeiros de Porto do Son en 1787. O certo foi que o litixio non contentou a ningún dos dous bandos, xa que os gremios de pescadores de ambas  localidades quedaron arruinados polos custos dos longos procesos xudiciais.

Os mariñeiros de Muros, ao igual que o resto de pescadores de Galicia e simultaneamente co final do litixio cos do Son, empezaron a ter problemas cos cataláns que ían chegando as súas costas. Segundo o ilustrado José Antonio Cornide de Saavedra os primeiros cataláns chegaron a Galicia en 1750. (continuará)

—X—

 

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s