P/ César Lorenzo Gil
Grazas
Grazas e graciñas son as formas do galego para mostrar agradecemento, sexa este auténtico ou obrigado polos protocolos sociais. É certo que a forma máis habitual na fala viva é gracias, entre outras cousas porque foi a forma admitida no galego até o cambio normativo de primeiros do século XXI. É por iso que a forma grazas gaña usuarios día a día entre os galegofalantes. Como ocorre con todas as formas pouco habituais ao oído, faise necesario un período de adaptación, un adestramento que só se consegue escoitando e lendo unha palabra en variados contextos até que se naturaliza. Non é un caso moi diferente ao da música fórmula. Cantos de nós marmuriamos o soniquete da canción de moda logo de sentila unha única vez na radio? Poucos. En cambio, a base de oíla e oíla, acaba colonizando a melodía o noso cerebro e case sen sermos conscientes cantamos a canción do momento na ducha, por moi pouco que nos preste.
Afortunadamente, o idioma non ten unha dimensión vírica tóxica coma as cancións das emisoras comerciais pero na normalización do idioma é bo contar con ferramentas que a priori parecen destinadas para outras cousas. O galego, pola súa propia condición de lingua subalterna a nivel legal e por sufrir preconceptos de todo o tipo que reproducen moitos dos seus falantes, ve como anómalos procesos que son “habituais” noutros idiomas. Por exemplo, considerar que o galego “cambia a todas as horas” ou que “o galego normativo é inventado, o auténtico é o da aldea” é un pensamento que non se lle aplica ao castelán, malia que incorpora palabras novas ano tras ano e incluso fracasa en aplicacións normativas superficialmente innovadoras, caso da eliminación do acento diacrítico en sólo, unha reforma que a Academia Española tivo que enterrar.
Xosé Ramón Freixeiro Mato, un dos gramáticos máis importantes da lingua galega, recomenda que para que sexa máis doada a transición entre o gracias e o grazas, podemos usar o graciñas. A forma graciñas está moi estendida, marca complicidade e incluso cariño.
A forma grazas como xeito de agradecemento xa se documenta no galego medieval.
Noraboa
A palabra noraboa é unha contracción da frase feita en hora boa, un dos xeitos de felicitar algunha efeméride, boa noticia… Noraboa está considerada unha forma incorrecta pola Real Academia Galega, seguramente por considerala un castrapismo, calco do castelán norabuena, hoxe en desuso pero admitido polas autoridades lingüísticas.
O caso é que noraboa é unha palabra que xa aparece nos dicionarios do século XIX e foi referida por Eladio Rodríguez e Xosé Luís Franco Grande, entre outros lexicógrafos. Ademais, a fórmula noraboa xeneralizouse na linguaxe institucional da autonomía e a través da radio e da televisión galegas. Hoxe é unha forma habitual entre galegofalantes de todas as idades e todos os rexistros. Até que punto é conveniente apartala do noso vocabulario?
Tras o rexeitamento a noraboa está o intento de darlle pulo á forma parabén (ou parabéns). Esta é a fórmula xeneralizada en portugués hoxe en día, apartada da tradición galega por noraboa. Parabéns é, por tanto, a mellor opción para as nosa comunicacións en galego e cómpre revitalizala do único xeito que se coñece: usándoa en todos os contextos posibles, desde o encabezamento dunha felicitación de Nadal ou aniversario até as cotiás congratulacións por un bo resultado nun exame, un éxito laboral e demais momentos de felicidade compartida.
Ao tempo, non se debería apartar a forma noraboa. Malia o seu uso crecente entre os galegofalantes aínda nos encontramos diariamente con quen utiliza habitualmente a forma enhorabuena. Coma noutros casos, estas galeguizacións son sempre preferibles, a pesar dos “pecados” etimolóxicos de palabras como noraboa, aos castelanismos puros e duros.
Coas palabras boa e hora en galego tamén contamos coa forma embora (en boa hora). Tampouco está aceptada pola norma estándar pero é grande a súa presenza histórica, como se transmite nos distintos dicionarios. Xa no século XVIII frei Martiño Sarmiento a anotaba no seu vocabulario galego como fórmula admirativa para desexar un bo fin a algunha angueira.
Embora é unha palabra moi usada no portugués, idioma no que tanto se usa para enfatizar algúns actos: “Vou embora sem vocês” coma co significado de non obstante. Na nosa lingua é preferible circunscribir o seu significado á fórmula de felicitación ou alegría: “Embora vos encontro, compañeiras!”