p/ José Mª García Rodríguez.
Eu son o cura de Muros,
e chámanme «Mixirica»,
porque os latíns barbolleo,
groliño a grolo, na misa.
Tamén me chaman «O Rápido»,
por dicirlle a un feligrés:
—irmauciño, vén pra eirexa,
que eu miso nun santiamén.
Maricola despertóume.
—Domingo de Adevento
hoxe é. Enxergue as gáveas,
vaia aos seus deberes cedo.
Dun puliño chego alá.
A xente me cumprimenta:
—Moi bon día, noso abade,
que o Señor nolo protexa.
Na sancristía revístome:
estola, alba e casula.
—Coma é día de colleita,
ténde preparada a ucha.
Introibo ad altare Dei…
Hai xente que non chegóu.
Vinde correndo, meus vellos,
que vóu no Kyrie Eleisón.
A epístola fói tafedendo
e o evanxeo tamén.
No Credo, todos creemos.
¡Sexa abenzoado Deus!
O sermón tampouco e longo:
—Levádevos coma irmáns,
dáde súa esmola ao cura,
ios probiños moito máis.
—Bota viño e toca a Sanctus,
eu dígolle ao sacristán.
Cambea o libro dimpóis,
que erguendo a Cristo estóu xa.
—Axoelládevos, xente,
pónde o pensamento en Deus,
que trouxo saúde ao mundo,
e a todos nos rediméu.
—Dominus vobiscum, sexa.
Repetide o Pater noster,
pra que nos pozos do inferno,
nunca Lucifer vos toste.
O que quer ven comungar.
Aos demáis deixo bieitos,
e con tres Ave Marías,
a misa de hoxe fecho.
—Idevos en paz, meus fillos,
cumprir coas obrigaciós.
Os meniños a brincar,
os máis mozos a troular,
os homes a traballar,
as mulleres a lavar,
os velliños a rezar,
e que vos garde o Señor.
Compañeiriños, cantade,
cantade e cantade ben,
porque tén un bó crego,
non sabe ben o que tén.