Foron moitos os políticos que en diferentes momentos da nosa historia visitaron Muros para dar a coñecer as súas ideas. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi un deles. Visitou Muros no Nadal de 1935, onde participou nun mitin do Partido Galeguista que se celebrou no Teatro Mercedes.
RECENSION DO MITIN EN MUROS DO PARTIDO GALEGUISTA
Teatro Mercedes, Muros, Nadal de 1935
<<Castelao é acollido con grandes aprausos e vivas. Comenza facendo un saúdo ao púbrico para seguidameme facer uns fermosos párrafos ateigados de lirismo encol do seu amor á Terra. Di que os galegos levan enraizado na alma o amor a Galicia e que el quere a súa terra tanto que si ao morrer e para ganar a eternidade tivera que voar tan outo que non poidera contemprar a terra onde nasceu, renunciaría a ela, preferindo ser enterrado debaixo dunha laxe e convertirse en herba ou calquer outro prodoito natural da terra galega.
Lembra a súa aituación nas Cortes Constituíntes cos demais diputados galeguistas e di como contra a oposición de Indalecio Prieto poideron conquerir que o ferrocarril galego non se paralizase. e tamén a non aprobación do tratado co Uruguai. En troques, os diputados aituantes, que tanto exprotaron aquelo, permitiron co seu silencio sepulcral que o ferrocarril se paralizase case definitivamente, e os tratados foron aprobados. Do único que se lembraron foi de tratar de conquerir a escola de xordo-mudos en Santiago, seguramente pensando en atopar unha celda para eles.
Analiza un por un os ofrecimentos que fixeran as dereitas para demostrar rotundamente que non cumpiron nin un sólo. Fálalle ás mulleres decíndolles que non se deixen engaiolar por esa campña das dereitas, fundada nunha suposta persecución relixiosa. En forma de preguntas, vai destruíndo esa campaña, para demostrar que é falsa e conducente somentes a facer da relixión unha bandeira política inmoral e anticristián. Defende tamén as autonomías e o federalismo, decindo que non pode ser bon repubricán quen non sexa autonomista e viceversa. Califica de divorciados da monarquía e casados en segundas nupcias coa Repúbrica aos que, chamándose repubricáns, fan canto poden porque a Repúbrica non troque a súa estructura centralista. Remata tamén con unhas verbas vibrantes encamiñadas á xuntanza de tódolos bos galegos e repubricáns. Constantemente o discurso de Castelao foi ovacionado e ao final os aprausos e vivas duraron longo tempo>>.