Do libro de Santi Llovo
«MEMORIA SALGADA DUN POBO»
O sistema que utilizaron os mariñeiros para destruír as postas foi arriar grandes pedras nos areais onde tradicionalmente se botaba a arte para que unha vez no mar quedara prendida e se estragase. Cegadas as mencionadas postas de Laxeiras, do Salto e de Somorto, a lo menos uns 50 mariñeiros (con seguridade foron moitos máis, aínda que no proceso xudicial en que derivou foron procesados ese número de persoas), a maioría de Muros, acercouse a Portosín “a manera de una escuadra en batalla” dirixíndose á posta de Coira. Nembargante, alí non ía a ser tan doado, xa que os cataláns lles estaban a esperar fortemente armados.
Segundo relata Artaza, “los matriculados, con gran astucia y arrojo colocaron en una lancha un cañón con el fin de intimidar al paisanaje y a su sombra arrojar 22 lanchas de piedras en dicho punto, sufriendo por espacio de hora y cuarto un continuo fuego ….. más visto que los insultos y el tiroteo menudeaban, por sesenta fusiles y cuatro esmeriles (cañoncitos) fijos, determinaron arribar a la orilla…..”. Chegaron a prender lume ás casas e fábricas de sardiña que alí tiñan Daniel Martorell e Alexandro Gaioso. De Portosín foron ao Freixo onde queimaron propiedades do empresario catalán Miguel Jover e por último, para facer o maior estrago, acercáronse ao “sitio que llaman Puerto de Esteiro donde quemaron cuatro casas destinadas al mismo fin de salar sardina, pertenecientes a otros sujetos”. Os propietarios destes almacéns eran os cataláns José Romaní, Salvador Gelpi, José Portals e Cayetano Rutllá. A cifra de salgaduras queimadas en Esteiro pódese a elevar a cinco se temos en conta unha escritura outorgada en 1815 por don Grau Font. Este catalán veciño de Tossa de Mar, aínda que residente en Esteiro, afirmaba que a salgadura que tiña nesta localidade, e que por ese documento lle vendía ao industrial de Noia don Pelegrín Riva, tamén resultara queimada polos matriculados de Muros “ … fue incendiado y reducido a cenizas por varios vecinos de la villa de Muros …”.
Respecto aos danos causados, unha testemuña presencial asegurou que a fábrica de Gaioso en Portosín, da única da que se conserva información, “se halló incendiada enteramente a excepción de dos pedazos” . As perdas por esta fábrica foron avaliadas posteriormente por exame pericial na cantidade de 89.543 reais. Este informe enténdese que foi encargado e por tanto o valor exaxerado polo empresario, xa que un almacén en uso naquelas datas vendíase pola cuarta parte.
En calquera caso, na referida relación de perdas do Gaioso incluída na causa criminal, aparte do cereal mencionado e dos estragos estruturais nas casas e nos almacéns, sinálase que lle inutilizaron os seguintes efectos: unha artesa, sete tinajas grandes para salgar e seis pequenas . En canto aos aparellos e barcos, menciona o estrago dunha xábega, seis xeitos e un boliche, así como dunha lancha que facía de galeón, dúas lanchas para facer de enviadas e un bote.
Independentemente de cómo sucederon en realidade os feitos, xa que as versións varían segundo as fontes, o certo é que primeiro se cegaron as postas das xábegas e despois se queimaron aparellos e almacéns. Ante a aparente inactividade da xustiza, aos poucos días apareceu na bisbarra un folleto, sen datar nin asinar, no que se daba conta do que acontecera neses días de outubro de 1812, dende o punto de vista dos cataláns. En defensa da actuación dos mariñeiros, que por outra parte se correspondía co sentir xeral da cidadanía, apareceu un segundo documento, a mencionada “Carta Muradana”, dirixido a un monxe cisterciense e asinado por unha persoa que responde as iniciais de Dr. F.F.D.L. P y V. Este documento resultou a principal fonte de información, xa que Artaza, cronista da vila, practicamente transcribiuna por enteiro.
A instancia dos cataláns, a xustiza seguiu o seu curso, lenta pero inexorable. Os industriais afectados acudiron tanto ó xulgado de Muros como ao de Noia a denunciar os feitos e particularmente a uns 50 matriculados de Muros.
Por escritura outorgada ante un notario de Noia o 3 de novembro dese ano 1812, varios cataláns facultaron a un deles para iniciar as accións correspondentes . O documento titulábase “Liga y combenio entre Salvador Martorell y más que se expresan para el seguimiento de un pleito”. Nel estaban representados os seguintes cataláns: o propio Salvador Martorell de Noia; Miguel Jover Carrera e Salvador Amat, do Freixo; Alejandro Gayoso, veciño de Beluso jurisdicción de Cangas; Juan Manuel Ronquete, do “Cabalo”; Grau Font, de Boa; Salvador Gelpi y Cía, José Portals, José Romaní, Cayetano Rutllá y Cía, y Miguel Billoch de Esteiro. Todos eles “unánimemente dijeron hacer suya todos en compañía para seguir las cuestiones principiadas sobre los excesos cometidos por los vecinos de Muros el 24 de agosto y la quema de los almacenos el 2 de octubre del presente año …. facultando al Martorell y Ronquete para que elijan a un apoderado y a los procuradores que sean necesarios…”.
O 7 de novembro Alexandro Gaioso declarou no Xulgado de Noia o seguinte: “Que los causantes del incendio son los matriculados de Muros, quienes además de incendiar su fábrica y la de Salvador Martorell en Portosiño, se dirigieron a Esteiro, donde pusieron fuego a otras cuatro fábricas propiedad de catalanes”. Esixindo, ao final da súa denuncia, que: “se apliquen a esta gente foragida las penas establecidas contra los incendiarios y tumultuantes del pueblo con menosprecio de la autoridad del gobierno, pues con tales sujetos no puede haber la tranquilidad prevenida por Reales Ordenes y nadie tiene seguras su vida y hacienda”.
Produto das denuncias e como primeiro efecto, aos matriculados implicados no suceso se lles impediu faenar, agás que afianzaran cos seus bens o resultado final do litixio. Este feito materializouse na escritura outorgada o 23 de xuño de 1814 en Muros ante o notario don Joaquin Martínez Varela. Concretamente, 37 mariñeiros veciños do Concello de Muros, entre eles varios de Esteiro, tiveron que constituír ante fedatario público, por eles e por outros 12 que por enfermidade non puideron asistir e coa presenza do Axudante Militar de Marina do Distrito, D. Juan Antonio Taboada, unha fianza mancomunada para garantir cos seus bens presentes e futuros “cada uno por el todo” o resultado da causa aberta polo Comandante General do Departamento de Marina con motivo don incidentes de Portosín e Esteiro en 1812 .
A causa criminal contra os matriculados de Muros custódiase na actualidade no Arquivo de Reino de Galicia. Nos fondos da Real Audiencia atópanse varios autos con dilixencias preliminares dos xulgados de Muros e de Noia con informes periciais e outros documentos de especial relevancia, por exemplo un escrito do xulgado de Muros, datado o 1 de abril de 1816, en resposta doutro da Audiencia que reflicte: “… la causa que formó el Ayuntamiento Constitucional de la villa de Muros en el año pasado de 1812 y quedó suspensa en 1813, sin que por resultas de dicha causa se huviere hallado ni halle reo alguno arrestado”.
Non está claro o resultado do xuízo, se é que o houbo, xa que non aparece a sentencia e o apunte final da documentación conservada, datada en 1820, indica o seguinte: “Se archiva la causa mientras los interesados no reclamen sus derechos”.
En calquera caso, o litixio cos matriculados supuxo un custo adicional para os cataláns, xa que tiveron que facerse cargo dos custos dun longo proceso nos tribunais. Resulta especialmente ilustrativa unha escritura outorgada o 7 de novembro de 1827 en Muros, polo fomentador do Freixo Miguel Jover Carreras, que apoderaba a un familiar seu en Barcelona, para tentar de cobrar unha débeda contraída con Juan Poch, fomentador que fora da ría pero de volta en Cataluña, por mor da causa xudicial iniciada en 1812 contra os matriculados . Desta escritura parece deducirse que outros cataláns, aparte dos directamente prexudicados, apoiaron a causa, e probablemente compartindo os gastos do proceso.
Independentemente do custo directo da defensa dos seus intereses perante os tribunais, os industriais cataláns, a partir destas revoltas, tiveron que afrontar importantes investimentos para reforzar os sistemas de seguridade dos seus almacéns, por unha banda, elevando notablemente os muros de peche das súas fábricas, e por outra, armando aos seus asalariados. Outro sistema utilizado daquela e que aínda se pode ver hoxe, son os furados feitos nas paredes das vivendas para introducir por eles armas de fogo. A casa almacén primixenia da familia Roig en Portosín ten na fachada varios destes “disparaderos”.
Moitos anos despois, o 19 de marzo de 1831, un grupo de industriais cataláns composto por Ventura Pérez Batista (probablemente mercou a propiedade de Alexandro Gaioso) e Daniel Martorell, de Portosín; Miguel Jover do Freixo e José Romaní, Salvador Gelpi, José Portals e Cayetano Rutllá, de Esteiro, protocolizaron o perdón que Dona Rita Gomez lles pediu para o seu home, José Gallego, para poder gobernar a súa vida. O documento notarial di: “Se les presentó para que tuvieran a bien perdonarles por su parte al citado marido por ser cómplice en la causa que los mencionados catalanes siguen contra los individuos del gremio del mar de esta villa por los delitos y atentados cometidos contra sus bienes” .
O contido desta escritura fainos pensar que o proceso xudicial levou moitos anos, xa que nese ano 1831, 19 anos despois do suceso, aínda estaba inconcluso. Outro feito que parece revelar o documento son as posibles consecuencias persoais para os implicados que, con antecedentes penais, incapacitáballes para moitas actividades. Unha saída máis que probable era a emigración.
Independentemente do resultado da causa, a problemática co uso e prohibición de determinados aparellos de pesca continuou ó longo de todo o século XIX e unha boa parte do XX. Tal e como aparece nunha escritura de apoderamento outorgada en Muros en febreiro de 1861 por José Portals, de Esteiro, xunto cos veciños de Muros Jacobo Bermúdez e José Castellá, mediante a cal facultaban a un veciño e do comercio de Ferrol a fin de “…que les represente y defienda ante el Tribunal de Justicia del Departamento del dicho puerto de Ferrol en la causa que se instruye contra Simón Fernández y otros por uso de aparejos prohibidos, en la que los comparecientes han declarado como testigos….” .
Un documento moi ilustrativo sobre a propiedade e uso da xábega é o convenio outorgado en Muros polos fomentadores de pesca da ría o día do Apóstolo do ano 1866 . Este documento foi asinado pola maioría dos industriais da salgadura de Ría, un total de 13, e entre eles José Romaní Cruz, Benancio e José Portals Costa e Adelino Portals Boris, veciños de Esteiro, e de Muros, entre outros, Félix e Benancio Romaní Cruz. Do mesmo cabe destacar, pola súa singularidade, o seguinte contido:
“1º Todos los firmantes se hallan al frente de fábricas de salazón en este distrito, empleando para la pesca los aparejos necesarios”
2º Para evitar problemas con los matriculados (ao meu xuízo asinouse fundamentalmente para evitar problemas entre eles) acuerdan:
Que cada red o aparejo de arrastre irá al mar por el turno que tienen establecido los aquí otorgantes.
Que en la posta o traito conocido como el El Salto, todo aparejo tendrá que largar y venir a tierra por dentro de la piedra conocida como Bolteira.
Que para cada posta no podrá emplearse más tiempo que cinco cuartos de hora y tres cabos por banda.
Un sistema de turnos una vez largado.
Que pueden trabajar los aparejos de arrastre en las postas o puntos conocidos de la Baila y Lageiras.
Cuanto aquí queda indicado no solo se observará en los puntos arriba designados, sino también en las demás postas pertenecientes a este distrito Municipal.
Aquel de los firmantes o sus representantes que contraríe directamente cuanto aquí está expuesto será objeto de multa de 200 escudos en metálico.
Todo verdadero patrón que asalariado ofrezca las funciones de tal, de cualquier clase o condición que sea, sin orden de su amo, no cumpla todas o algunas de las condiciones será despedido por el mismo, sin poder ser admitido por ningún otro”.
Ao igual que noutros puntos da costa galega, os conflitos sobre o uso de determinados aparellos de pesca na ría continuaron ata finais deste século XIX e primeiros do XX, aínda que por diferentes artes. A problemática mudou dos aparellos de arrastre aos de cerco. Como queira que cada vez había menos pesca cerca da costa, ás xábegas e os boliches deixaron de ser rendibles e os conflitos dos xeiteiros, que seguiron faenando ata mediados do século XX, foron en primeiro lugar coas traíñas e a continuación coas xaretas.
Neste sentido, resulta de interés unha escritura outorgada no ano 1898 en Muros polos fomentadores Alejandro Portals Boris e Ricardo Romaní Ferrer, veciños nese momento de Muros aínda que nados en Esteiro. No documento solicitaban a un notario da localidade, que levantara acta sobre a detención que fixo a canoneira da Armada “Diamante”, de dúas traíñas das que eran copropietarios, as chamadas “Anido” e “Arrogante” .
Deixando o tema da conflitividade sobre o uso dos aparellos de pesca, volvemos ao que supuxo socialmente, nos primeiros anos do século XIX, a aterraxe na bisbarra destes chamados fomentadores xunto coas súas familias. Para iso, aparte doutras fontes de información puntual, vaise reproducir o máis salientable de diversos documentos documentos notariais, outorgados en Muros e Noia aínda que referidos a Esteiro ou aos seus veciños.
Un primeiro documento que nos da unha idea da maneira de pensar destes novos veciños é o testamento outorgado en 1815 polo fomentador establecido en Esteiro, José Villoch . Este catalán, tamén de Blanes, debeu ter unha salgadura na parroquia nos primeiros anos do século XIX, pero non apareceu ningún dato que facilitase a súa localización. Na referida disposición testamentaria deixaba todo a súa muller, dona María Antonia Urgell y Villoch, coa condición de que “si toma a otro hombre pasaría todo, a partes iguales, a sus hermanos también vecinos de Esteiro, Ramón, Agustín y Juan”. Foron testemuñas os irmáns Salvador e Thomas Gelpi e Jaime Rollá.
A problemática da sal foi un motivo máis de unión entre os fomentadores cataláns das Rías Baixas. En 1817 un grupo de cataláns de Portosín, Freixo, Esteiro, Caramiñal e Puebla del Deán solicitaron formalmente permiso para adquirir sal a navíos portugueses. (continuará)