Dúbidas do Galego: Cuna, pañais, sonaxeiro.

p/ César Lorenzo Gil

(do seu blog  https://dubidasdogalego.wordpress.com/

 Non son moi orixinal ao recordar que a liña máis feble do galego actual é a da súa transmisión familiar. Vouvos dar o exemplo da miña familia. Os meus avós da Maraña tiveron seis fillas e un fillo, loxicamente todos eles galegofalantes. De todos os curmáns, catorce en total, só tres falamos o tempo todo en galego; outros tres vano alternando e os oito restantes son castelanfalantes. Todos osImagen2.png meus curmáns segundos (teño cinco que xa falan) son monolingües.

Como símbolo desa perda, un dos campos léxicos máis danados da nosa lingua é o da infancia. Neste artigo explicamos como chamarlles a moitos obxectos relacionados cos bebés en galego.

A miña nai chámalle cunas ás que se compran e berces aos que se facían antigamente nas casas. Seguindo o clásico esquema de diferenciar as cousas modernas (en castelán) das vellas (en galego), moitas persoas perden o vínculo entre a palabra tradicional e o obxecto que mercan na tenda.

Amais de berce e berzo, en galego podemos usar rolo e barrelo cando no deseño da camiña do bebé se favorece que abanee con facilidade. De aí o verbo arrolar, que significa abanear o berce suavemente para facilitar que adormeza.

Por certo, en galego facer durmir exprésase a través do verbo adormentar ou adurmiñar: “Adormentei a nena; xa podemos cear”.

Pañal é un castelanismo, tan estendido que incluso hai quen o usa co plural propiamente galego (pañais) e practicamente desaparecido na fala popular. En galego debemos dicir cueiro. Ás veces úsase a palabra en plural porque antigamente os pequechos levaban máis dun cueiro. Agora, cando o 90% dos que se usan son dun só uso, é máis conveniente usar a forma en singular. “Ese cueiro garda un segredo ben fedorento”.

Outra palabra do vocabulario dos bebés pertencente á lingua española pero moi xeneralizada entre os galegofalantes é sonajero. De feito, a idea de facer este texto veume cando o outro día escoitei dicir sonaxeiro, durante unha conversa na que un pai primeirizo quería requintar o seu galego. En realidade, no noso idioma ese instrumento que fai barullo e distrae as crianzas debemos chamalo axóuxere ou ruxerruxe.

O cochecito en galego recibe o nome de carro ou carriño de bebé. A silla, loxicamente, debemos chamala cadeira.

Nalgúns outros casos, a palabra habitual en galego aínda que admitida substituíu a forma tradicional, que resiste en ámbitos reducidos. Eis o caso de biberón, galicismo admitido en galego pero de moi recente uso. Tanto a miña familia de Arbo coma a miña familia da Limia usan aínda mamadeira. “Esa botella váleme para facerlle unha mamadeira para os años”. “Ese reprís que ten teu fillo pasáchesllo ti pola mamadeira”. É unha palabra en perigo de extinción, así que se vos presta, usádea.

O dicionario da RAG admite chupete aínda que logo aplícalle á palabra chupeta algúns significados que obviamente derivaron do acto de chuchar esa bocadiña de goma. Dicionarios como o Estraviz recoñecen a palabra chupeta e non chupete. Eu penso igual. Sempre escoitei chupeta entre os galegofalantes e xa nos dicionarios históricos aparece chupeta como sinónimo de hábito de fumar, nunha clara ampliación do vicio de chuchar que teñen as crianzas.

Amamantar é un castelanismo. As formas galegas son amamentar e aleitar. “Non aleitei ningún dos fillos”. Tamén se pode usar a perífrase dar de mamar.

Seguro que coñecedes moito máis vocabulario do mundo dos bebeciños ou naipelos, que é outro nome que se lles pode dar aos meniños de peito ou lactantes. Xa sabedes que este blog sempre se enriquece coas vosas contribucións.

 

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en A nosa Lingua y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s