Cintia París
As protectoras e asociacións de animais sempre necesitarán a axuda desinteresada das persoas que así queiran facelo. A labor das asociacións que se dedican a coidar do mundo animal téñense que enfrontar día tras día a unha dura e crúa realidade: as ganas enormes de axudar aos peludos cuns medios escasos e unhas necesidades que teñen que ser cubertas sexa como sexa.
Na vila de Muros espertou, fai pouco máis dun ano, unha asociación animalista chamada Anajata. Un grupo de persoas xuntáronse para pórense en loita, concienciadas de que non ía ser sinxelo pero si satisfactorio. Non se equivocaban, non. A loita cada día e máis forte, cada día aprenden máis sobre o duro que resultar ver como un dos acollidos falece ou resulta gravemente enfermo mais, por que seguen? Pois por iso, porque resulta satisfactorio ver como a gran maioría se recuperan, encontran unha casa, volven a confiar no ser humano e os seus ollos xa inspiran felicidade. Por iso paga a pena todo o esforzo e sufrimento, por velos felices, así de simple. Sen máis. Non se pode resumir todo en pura axuda altruísta, xa que o que se recibe a cambio non ten paridade ca máis grande das fortunas, é moito máis.
Aínda así, se non formas parte desta familia e gustaríache ofrecer a túa valiosa axuda tes moitas formas de facelo, non te preocupes, hai moitas cousas que podes facer.
Voluntariado
Se gozas dalgún tempo libre que lle queiras dedicar á asociación serás recibido cos brazos abertos. Terás que ter compromiso e ser consciente das tarefas a desenvolver, tales como coidar aos peludos, levalos ao veterinario, colaborar cos eventos ou ir ao rescate dalgún animal que se encontre en situación crítica de abandono. Cada un aporta o tempo e desenvolve os faceres que pode, iso si, sempre cun compromiso. Se te animas, unha vez que teñas contacto co primeiro peludo, saberás que non existe mellor traballo no mundo.
Acollida
Se non podes comprometerte co voluntariado non pasa nada, podes seguir axudando e dunha maneira tamén imprescindible para as asociacións animalistas: facerte casa de acollida. En que consiste? En compartir o teu fogar temporalmente cun dos peludos. As veces non hai sitio ou as súas condicións de saúde non lle permiten estar nun canil, por exemplo, entón é aí onde entra a túa marabillosa labor. Mentres non lle sae un adoptante, quedará ao teu cargo e baixo un teito quente e cómodo.
Adopción
Pero, que pasa as veces? Que dunha vez que os coñeces xa non te queres despedir deles nunca máis, e adoptas. Que apareza un adoptante é a principal salvación das protectoras e asociacións, xa que iso implica que por fin ese animal vai ter un sitio estable, cariñoso e onde non lle falte de nada, é dicir, un fogar para sempre. Hai que recalcar o de “para sempre” porque os animais non son xoguetes e levan a unha grandísima responsabilidade, pasarán o resto da súa vida contigo. Se queres adoptar un gato ou un can, pénsao, consúltao coa familia e valorade entre todos se é o momento de asumir esa nova incorporación. Os animais necesitan vacinas, microchip, comida e outros posibles gastos; iso si, terás un amor incondicional ata o seu último suspiro.
Apadriña
Se o desexas, podes apadriñar a un animal que o necesite. Se non tes espazo na casa e tampouco tempo para dedicarlle, tes a opción de facerte cargo dos gastos veterinarios e axudalo, así, a recuperarse. En todo momento terás información do seu avance e do seu estado, e poderás visitalo e estar na súa compañía sempre que queiras.
Faite socio
Toda axuda económica é boa e, por iso, podes valorar a opción de facerte socio aportando unha cota mínima de 5 euros, no caso de Anajata, ou unha cantidade maior todos os meses. A unión dos socios fai que mensualmente entren cartos que fan moita falta.
Faite teamer
A maioría das persoas non están informadas da opción do teaming. O teaming é unha ferramenta online na que se pode recadar fondos grazas a doazóns de 1 euro ao mes. Con moitas microdoazóns pódense facer grandes cousas. En Anajata hai un grupo de teaming que podes atopar accedendo na seguinte dirección: https://www.teaming.net/anajataasociacionanimalista
Doazóns
Mantas, produtos veterinarios de primeira necesidade, comida, correas, transportíns, etc. Cas doazóns estás a evitar máis gastos para as asociacións animalistas e asegurando de que non lles falten produtos básicos aos peludiños. Tamén se poden doar cousas que, posteriormente, véndense nos mercadiños de segunda man. Tamén se poden facer doazóns económicas puntuais ca cantidade que ti queiras. Pensa que toda axuda sempre é boa.
Asiste aos eventos
No caso de Anajata, fan eventos de diversa índole nos que podes pasar un bo rato e, ademais, podes colaborar ca manutención dos animais. Xa sexa un concerto, unha chocolatada ou un mercadiño, se ti estás presente para facer o teu achegamento xa pagou a pena. Todos os cartos recadados son destinados na súa totalidade ao coidado animal.
Ofrece apoio veterinario
Esta opción vai dirixida a un grupo reducido, aos veterinarios. Se tes unha clínica veterinaria ou dedícaste á profesión, serás unha parte moi valiosa da asociación. Poderás facer tarifas especiais cuns prezos máis baixos.
Difunde a través das redes sociais
Cada vez que compartes unha publicación, estarás dando a posibilidade que dita información chegue a máis xente e que poidan xurdir novos colaboradores.
Respecta aos animais da rúa
Se de todas formas non queres colaborar de ningunha maneira polos motivos que sexan, terás que cumprir unha regra básica de civismo: respectar aos animais que viven na rúa. Non lles pegues, non os maltrates, non os asustes, non os molestes. As asociacións, como Anajata en Muros, están para velar pola boa convivencia entre animais e veciños, non o interrompas. Ademais, calquera mala intención e mal acto sobre os animais é penado pola lei de protección animal.
Son moitas as formas polas que se pode axudar, todas moi importantes e respectables. Anímate a dar a túa man xa que entre todos podemos seguir facendo grandes cousas. Medrar, entre todos, é moito máis sinxelo.