Resumindo: QUEIXUMES DOS PINOS

(Do blog  http://marlou-literaturagalega.blogspot.com.es).

Eduardo Pondal (1835-1917) é un aristócrata. Así o afirma don Ricardo Carvalho Calero. Se no Banquete de Conxo (1856) declara liquidadas as distincións sociais, pasada a fervenza progresista dos seus anos mozos, a súa actitude será sempre a dun prócer. Entende a nobreza como guía e condución dun pobo (o galego) e este como a raza escolleita. O Imagen1.pngpoeta considérase membro dunha oligarquía espiritual que representa a voz e a conciencia da comunidade. Por iso a poesía de Pondal non é popular, como a dos Cantares de Rosalía, se ben si é, moitas veces, rural na súa temática, mais o estilo é clásico. Seguindo a Carvalho Calero, Rosalía prolonga a poesía popular, é como a voz do pobo mesma, colectiva, anónima. Rosalía entrégase á terra porque é unha moza de Ortoño que rompe a cantar (despois, cando os demais seguen cantando, ela aprende a falar). Pola contra, Pondal apodérase da terra, porque é un señor de Ponteceso de caste fidalga, que elabora literariamente o mundo en que vive, grazas á súa excelente formación clásica. Así, aínda que escribiu sobre o pobo, Pondal nunca se dirixiu, ao xeito rosaliano, ao pobo; porque é un aristócrata e fala para unha elite, para unha minoría, desde a súa torre de marfil.

Non lle interesou a lingua galega como  fala do seu pobo, interesoulle como  lingua do pobo de Breogán. A partir do descubrimento, en 1867, dos poemas de Ossián (falso poeta celta do século III, creado polo poeta prerromántico Macpherson, no século XVIII), Pondal xirará en torno a un único tema central na súa produción poética: Galicia é a patria celta e el o bardo, o poeta da patria galega, autoenxalzado como home superior ao resto da tribo, pois el é a conciencia da raza. O seu ossianismo, espallado pola Cova Céltica, compartida a orixe celta do noso pobo con M. Murguía, acubillarase no Rexionalismo e farase cívico, é dicir, adquirirá intención patriótica, unha vontade de superación colectiva. O Ossianismo, Celtismo ou Bardismo pondaliano non constitúen un fin en si mesmos, non son mero ornamento, son a base histórica na que se fundamenta a súa ideoloxía e a de moitos rexionalistas, co seu amigo Murguía á cabeza. Talvez por iso, Pondal convertiuse no poeta oficial dos rexionalistas.

En 1877 publica Rumores de los pinos, 21 poemas, 11 en galego, 8 en español e 2 nas dúas linguas. O celtismo, a misoxinia e o bardismo xa están aquí: son as compoñentes temáticas e ideolóxicas básicas. Pero habería que agardar a que Rosalía de Castro publicase Follas Novas en 1880, para que  Pondal se decidira a refundir os seus Rumores en Queixumes, segundo afirmación de Murguía: “la influencia que tuvo sobre él, se comprende cómo sorprendieron a Pondal Follas Novas, y cómo se decidió a entrar desde luego por el mismo camino, rehaciendo sus Rumores”. Así en 1886 publicou a sImagen2.pngúa obra intitulada Queixumes dos pinos (91 poemas, 89 en galego e 2 bilingües; incluíndo 17 dos poemas de Rumores: todos os textos en galego, os dous bilingües e catro dos textos inicialmente escritos en español; todos eles corrixidos e modificados, ademais estes últimos traducidos), dándolles a razón aos historiógrafos que, con posterioridade, sitúan a obra do noso bardo na estela do incipiente simbolismo estreado por Rosalía. O novo poemario, ademais de continuar a senda do Celtismo, bardismo, Ossianismo e  misoxinia do primeiro libro, engade agora o Helenismo ou, se o preferimos, o clasicismo. Estes son os elementos que fan inconfundíbel a súa poética. Deste xeito, Pondal, tendo bebido na fonte do Romanticismo, constrúe unha estética persoal e orixinal, que desemboca no Simbolismo e, segundo Ferrín, colócase á fronte da Escola Formalista Galega, en consonancia cronolóxica coa poesía europea de finais do século XIX.

Foi Pondal o escritor galego do século XIX que máis se esforzou en crear un rexistro culto, refinado e literario para o idioma. O galego era para el a lingua antiga que revelaba o pasado e a natureza. A lingua da Galicia celta, da que non coñecía o cristianismo, da anterior á romanización, da Galicia rústica onde a paisaxe e os seres que a poboaban cobran vida propia. Ademais esta lingua antiga é o escudo contra o avance do castelán e o maior sinal de identidade do pobo galego, porque é o elo que une a Galicia co seu pasado máis nobre. Como lingua de Breogán, o galego de Pondal, sostén X. L. Méndez Ferrín, practica a virtude dunha dición rigorosa e sabia, divórciase das formas lingüísticas máis familiares, arróupase brillantemente de cultismos, procura perífrases clásicas… Porque clásica é a súa formación, a pesar de que o profesor Ferrín vincule todo isto co Idealismo e coa Escola Formalista, que segundo el inaugura o noso autor.  O abundante uso de cultismos, a ansia de perfeccionismo estilístico, os moldes versificadores, o modelo heroico, o tratamento do mundo rural, o tratamento da muller… teñen fondo raizame clásico, segundo asegura o profesor Carvalho Calero.

Este pouso clásico apréciase especialmente no tratamento da muller. Pondal achégase ao feminino de dúas maneiras: ao estilo dos trobadores medievais, seguindo o modelo cortés e cabaleiresco, ou ben ao estilo dos heroes clásicos, espartanos, pois os guerreiros ossiánicos son demasiado sentimentais e, en palabras do profesor Carvalho Calero, son demasiado namoradizos e choran moito. Por iso Pondal prefire ao heroe clásico, porque non é sentimental, non hai lugar nel para as coitas amorosas, pero si precisa descargar o seu desexo sexual. Entón aparece a muller como obxecto, sen vontade propia, como descanso do guerreiro ou como froito que se morde sen miramentos. Segundo Carvalho Calero, nada hai nisto de perverso ou sádico (estudosas actuais, como Mª Xosé Queizán non o ven da mesma maneira), pero tampouco hai nada de brando, idealista ou requintado. Os poemas eróticos de Pondal (case sempre brevísimos) son debedores, na súa franqueza primitiva e no seu naturalismo, da poesía popular, iso si, adornada cun traxe clásico. Esta última concepción da muller, sen ser a única na obra pondaliana, si é a que chama máis a nosa atención e a que maior importancia ten na súa obra, pois aparece no seu mundo poético o concepto do feminino asociado a termos con connotacións negativas (especialmente chamativo é o adxectivo muliebre). E non debemos esquecer que a Galicia de Pondal é unha terra masculina.

Á par deste clasicismo narrativo, coincidente coa visión que da obra pondaliana nos dá o profesor Carvalho Calero, sostén o profesor Méndez Ferrín outras dúas características (o distanciamento vaticinante e a vaguedade elusiva) da Escola Formalista, para el inaugurada por Pondal. Mais neste caso os estudosos posteriores non lle dan a razón. Así, en resumo e seguindo as palabras do profesor Francisco Rodríguez, Rosalía e Pondal, podendo catalogárense de realistas, son, a un tempo (especialmente a primeira, en aspectos parciais) románticos, modernistas, simbolistas, mesmo surrealistas, ou clásicos (no caso de Pondal). Na situación convulsiva que viviron os tres (Rosalía, Pondal e Curros) fixeron unha epopeia elexíaca (respecto do presente, Rosalía e Curros; desde o presente, respecto do pasado e do futuro, Pondal). A modernidade, como  problemática de fondo, aboia nos tres e, nos aspectos formais, de maneira senlleira en Rosalía.

 

Anuncios

Acerca de themurostimes

“THE MUROS TIMES” non se responsabiliza nin se identifica coas opinions verquidas por parte dos seus colaboradores nos materiais publicados.
Minientrada | Esta entrada fue publicada en A nosa Lingua y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s