p/ Marcelino García Lariño
O Susiño sería o mozo máis esvelto e máis pulido que había na bisbarra. Guapo coma un sol, non tivera El Señor máis que pintarlle. Moi bo tipo, moi elegante e espigado, decote ben traxado e con moito gusto, por onde pasara o Susiño tódalas mulleres, maiormente as mozas, miraban admiradas para el.
Era o Susiño o vinculeiro dunha casa moi podente, e dedicábase a levar e administrar á perfección o serradoiro de seu pai. Se algunha chata, que non a era, se lle quería apor a este mozo tan xangal e falangueiro, sería a de ser moi servizal, moi humano, moi humilde e gozar dun carácter, dun xorne, tan agradable e tan sinxelo que ata fixo exclamar una vez ó crego, que era a mellor prenda que había na parroquia.
Tiña outra cousa de bo este mozo, e era que cando lle contaban ou sucedía algunha enfermidade, pena ou desgraza, sempre lle tiraba importancia, sempre dicía “menos mal, aínda podía ser peor”, e deste xeito e con esta máxima que disque fora inventada por el, consolaba ós que sufrían. Sempre, pasase o que pasase, aplicaba o seu adaxio do “menos mal”.
Con todas estas excelentes calidades a ninguén lle estrañou que o Susiño collera moza. Rosiña chamábase a noiva máis envexada de toda freguesía, e con ela se casou.
Tampouco a ninguén lle causou estrañeza que esta parella, de sólidos e recoñecidos recursos económicos, nada máis casarse e despois do banquete da voda, encetaran moi felices, ditosos, contentos e satisfeitos, a viaxe da súa lúa de mel.
E para a súa primeira xeira, para a súa primeira etapa de casados, escolleron a vila de Silleda, mesmamente o día que se inaugurara a exposición do gando. Nada máis chegar, deixaron as maletas no hotel, e collidiños da man, bicándose moi amarteladiños como dous namorados que xa o eran e tamén o estaban, foron ó dereito para o recinto feiral.
E mudadiño e lavadadiño como estaba tanto de corpo como de alma que parecía un peperete, cun arrecendo a perfume do bo, do mellor e do máis caro, nada máis franquear o Susiño a entrada da mostra, unha condenada vaca (disque era suíza) que acababa de sufrir de socate unha macrodiarrea aguda (segundo o ditame que a petición das autoridades estendeu o señor veterinario), levantou o rabo e xiringoulle un líquido noxento, porcallento, repelente, sucio, pura bosta líquida, que puxo o gallardo do Susiño pingandiño de arriba a abaixo, dende as unllas dos pés ata o curuto da cabeza. Rosiña quedou como estaba, coma unha rosa, que xa o era. Pero el, ¡coitadiño!, no só daba noxo senón que tamén daba pena, mágoa, tristura e compaixón. ¡Que cheiro fedento, Señor! Mesmo abafaba. Que peste, que bufo, que tufo, que zurro despedía aquel home rebozado da máis repugnante e porcallenta cagarría… Chegaba o bravún a moitas légoas de distancia.
E por prescrición das autoridades sanitarias co gallo de evitar unha peste por mor de que aquel cheiro a merda de vaca apoderárase da atmosfera, ó Susiño, ¡malpocadiño!, puxérono en corentena e non puido consuma-lo matrimonio nin na noite da voda nin nos corenta días despois. E non pensedes mal, non coidedes que xa o consumara antes, que iso si que non é certo; pois era de caste moi casta con redundancia ou sen ela.
E o Susiño, fiel ó seu invento, a súa máxima de sempre, referíndose á porcona zurrichada que lle xiringara a vaca, aínda hoxe di: ¡E menos mal que eu tiña a boca cerrada!